A vixía da Cidá

No mes de abril do ano 2014 comezou a primeira fase da escavación do castro do monte da Cidá, localizado no cumio do mesmo monte, situado na parroquia de San Paio de Carreira. Un proxecto financiado pola UE, a Xunta de Galicia e o Concello de Ribeira, o cal estaba incluído dentro do programa Ribeira Atlántica 2015, e impulsado polo rexedor local, o alcalde D. Manuel Ruíz Rivas.

O equipo encargado dos traballos estivo formado por máis de quince persoas dirixidas polo arqueólogo local Miguel Angel Vidal Lojo, gran investigador e coñecedor deste enclave, e que contaba cunha ampla traxectoria en escavacións arqueolóxicas en Galicia.

Era a primeira vez que se facía unha intervención a este nivel neste emprazamento, no que xa dende moi antigo se tiña constancia do que había por descubrir, pois sen ir moi lonxe, o propio nome de Ciudad, Cidá (Sidá), monte do Castro, maila aldea ó seu carón chamada Castro, facían referencia a un lugar no cal se intuía a presenza dun antigo poboado. Asemade, diversos mapas e documentos antigos xa falaban de que no lugar había antigas “ruinas”.

Vivendas do castro da Cidá ca base da caseta-vixía enriba delas.

Os traballos sucedéronse por un espazo de tres meses nos cales se descubriron un total de quince vivendas castrexas de variadas formas e tamaños.  Esta escavación arqueolóxica foi unha grande actuación, pois o éxito logrado fixo que no ano seguinte se continuaran os traballos cunha segunda fase na cal se desenterraron outras cinco vivendas máis, ademais do achado dunha grande cantidade de restos de cazoletas de barro, e os restos dun colar de pedras azuis.

Pero sen dúbida, un dos aspectos que máis chamou a atención do equipo de arqueólogos, foi unha estrana casarota de forma rectangular, que estaba construída enriba dos muros máis antigos de dúas construcións castrexas, e que non se correspondía con nada anteriormente descuberto en ningún castro. Ademais, no interior dos derrubes desta construción atopouse unha considerable cantidade de restos de tella cerámica que semellaba ser parte dun moderno tellado derrubado.

Evolución das escavacións a vista de dron.

A investigación posterior permitiu aclarar que tipo de vivenda era a citada construción, pois uns documentos de finais do século XVIII estudados polo director da escavación Miguel Vidal, facían alusión por parte do Capitán Xeral do Reino de Galicia, a establecer postos de vixilancia nos cumes dos montes da costa galega para establecer puntos de control do tráfico marítimo e poder así alertar dos intentos de incursión dos navíos inimigos (sobre todo a flota inglesa), nun contexto de guerra entre a Coroa Española e a Británica.

Mapa do ano 1797

Fragmento dun mapa do ano 1797 ca localización das casetas-vixía.

Unha serie de postos de vixilancia, tamén denominados casetas-vixía ou fachos, por mor do sistema de fogueiras que se prendían neles como método de comunicarse cos outros postos, facían que en pouco tempo, as noticias dunha incursión inimiga chegara dende as Rías Baixas ata A Coruña ou O Ferrol, facendo así que os barcos da nosa Armada estiveran dispostos a repeler os citados ataques o máis axiña posible.

Do que quedou deste posto e quenes foron os seus ocupantes, a documentación oficial e a memoria local esquecéronse delo. Agora só nos quedan estes restos, que permanecen enriba dunha impresionante construción castrexa, que segundo as investigacións máis recentes conta cunha idade duns 2700 anos; un dos castros máis antigos do noso País.

– Agradecementos ó arqueólogo e investigador Miguel Angel Vidal Lojo, pola información e axuda aportada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Basado en WordPress traducido por egalego.com | Tema: Baskerville 2 por Anders Noren

Subir ↑