Apeo parroquial do ano 1666

Reproducimos aquí o texto transcrito dun apeo parroquial de San Paio de Carreira, realizado no ano 1666 xunto co de outras parroquias da antiga Xurisdición de Noia.

Hai que ter en conta que, prácticamente dende a Alta Idade Media en que a Igrexa pasa a controlar o territorio xunto cos seus habitantes e se van creando as parroquias, este tipo de entidade territorial era a que se tiña en conta á hora de administrar as taxas e demáis trámites ante as diversas autoridades. Foi a partires do ano 1833 ca desaparición do Antigo Réxime, no que se remodela por completo o mapa administrativo en España e a parroquia perde o seu carácter de seu.

O apeo recolle os límites parroquiais, que dende a Alta Idade Media non mudaron ata o século XX en que se crearon as novas parroquias de Aguiño e Castiñeiras. Hai outros apeos posteriores que iremos publicando máis adiante, e ainda que algúns dos nomes poden cambiar co paso dos anos, as marcas prácticamente son as mesmas.

Amojonamiento de la feligresía de San Paio de Carreyra.

= por la parte del Coto de Martín empessa en la carreira do castro y de alli ba a la cassa de Juan de Bermo de Castiñeyras y de alli a la cassa de ssocons, y de alli a las moymentas y de alli a la mamoa y de alli al outeyro de pedraesquita y de alli al outeyro da pedra esquita grande y de alli ba a dar al outeyro da sobreyra y de alli al outeyro de Casalnovo y de alli al marco de Gandarela y confina con el Coto de Corrubedo de alli por el río abaxo ba batiendo a la orilla de la riberamar y todo por ella a dar a dicho marco da leyra donde se empesso a demarcar (…).

Comparado con outros apeos e libros de nacementos, defuncións e matrimonios da Igrexa, os cales incluían neles ós moradores e terras da parroquia, os marcos ían dende a punta da praia do Castro onde delimitaba co Couto de Martín, subindo polos Curros de Castiñeiras ata a Aldea, dende aí pasando polas pedras da Garita e o alto da Mámoa, tiraba en dirección a Parasquita, por riba da capela de San Roque e logo rodeaba pola Sobreira, por detrás do monte da Cidá, ata o outeiro da Rocha en Casalnovo, e dende aí ata o Río do Mar, á Pedra da Ferreira, onde delimitaba co antigo Couto de Corrubedo.

Nos seguintes apeos que iremos publicando, imos poder comprobar como o número de marcos aumenta, pero os lindes seguen a ser os mesmos, aínda que con máis detalles, pois ao estar a zona máis poboada e as terras máis cultivadas, se van engadindo novos piñeirais, leiras, etc a esta demarcación. Un dos nomes que cambia e cuxa denominación a día de hoxe está perdida é o chamado Marco de Gandarela, marco este que tamén aparece ata o século XIX noutros apeos como son os de Artes, Corrubedo e Olveira, posto que segundo as demarcacións parroquiais históricas realizadas ó longo do tempo, todas estas parroquias conflúen neste punto.

– Fonte: Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Basado en WordPress traducido por egalego.com | Tema: Baskerville 2 por Anders Noren

Subir ↑