Na parroquia de San Paio de Carreira, o 19 de outubro do ano 1924 constitúese o Pósito de Pescadores de Carreira. A sociedade tiña como fins creativos os de espallar a cultura popular desta terra e a necesidade de defendela, xa que a carencia absoluta de escolas nesta parroquia facía que houbese unha grande cantidade de persoas sen alfabetizar entre as xentes do mar.
Do mesmo xeito, o Pósito procuraba elevar o nivel de vida nos diferentes eidos sociais, económicos e culturais da xente mariñeira do pobo. Outras finalidades da sociedade eran o mutualismo, a cooperación, a previsión, a cultura, e sobre todo a explotación da industria pesqueira sen auxilios intermedios. O seu presidente fundador foi o señor Andrés de Dios Álvarez, o vicepresidente Andrés Pérez Campos e o secretario Manuel Paz Lampón.

Acta fundacional do Pósito. 19/10/1924.
O primeiro local social da entidade, situado no número 171 do lugar de Campos de Arriba, aínda se conserva a día de hoxe, só que foi transformado en vivenda particular (imaxe de portada deste artigo). Posteriormente, a comezos dos anos 40 e ca construcción da nova Casa del Pescador, a sede da sociedade sería trasladada a Aguiño onde se atopaba o porto pesqueiro, naqueles tempos un dos máis importantes a nivel nacional na pesca de baixura.

Foto de grupo da escola de nenos do Pósito, en Aguiño, co mestre Germán Álvarez Ballarin. Curso 1950-51.
O primeiro obxectivo do Pósito marítimo foi a creación de dous centros culturais, un na parroquia de Carreira e outro no lugar de Aguiño, os cales foron inaugurados en agosto do ano 1928, para seren nacionalizados polo Estado ó ano seguinte e pasar así ó sistema xeral de ensino. As clases estaban impartidas por dous mestres, que aparte das materias principais do programa escolar, impartían outras secundarias pero non menos importantes referentes ás artes da pesca, recursos mariños, economía social ou exercicios ximnásticos e militares. Asemade, había clases nocturnas ás que ían persoas maiores, as cales estaban ocupadas polo día facendo as súas faenas. A estas dúas escolas só podían ir os fillos dos socios, non cobrándolles polas clases impartidas.
Creouse tamén unha Cooperativa de Consumo, que servía para poder fornecer ós mariñeiros, de materiais escasos como puideran ser cánabo, anzois, aceites e outros productos, emprestándolles así grandes vantaxes. No ano 1927, o Pósito conseguiu traer un médico para poder saír do abandono tan lamentable no que se atopaba o pobo a nivel sanitario nesa época. O 11 de xaneiro do mesmo ano creouse un Pósito Infantil, e no ano 1930 comezouse a construcción do peirao de Aguiño, sendo o 21 por cento do custo total das obras aportado polo Pósito e o restante polo Concello e outras entidades. No ano 1933 creouse a Escola Elemental de Pesca, onde se impartían as clases necesarias para obter a titulación de patrón.

Recorte do xornal El Pueblo Gallego dando conta da visita – 11/09/1930.
Compre sinalar que en setembro do ano 1930, tivo lugar a visita ó Pósito de Carreira así como a outros da ría de Arousa, do artífice e creador dos pósitos marítimos e director do Instituto Social de la Marina, o señor D. Alfredo Saralegui y Casellas, acompañado por D. Antonio Magariños Granda, presidente da Federación de Pósitos de la Ría de Arosa. Foron recibidos con honras pola veciñanza de Carreira e Aguiño, e sobre todo polo alumnado das escolas do Pósito que os recibiron efusivamente. Como recoñecemento á súa labor en prol da xente mariñeira, o presidente da Federación de Pósitos , chegou a sinalar que «el Pósito de Carreira, dado el entusiasmo que muestran sus asociados, no tardará en ser uno de los mejores del litoral gallego».

O edificio da Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño nos anos 70 do pasado século.
O 26 de xaneiro do ano 1941 comézase a construcción dunha lonxa de peixes (derrubada posteriormente nos anos 90) e máis da Casa del Pescador, a cal contaba con local para escola e de habitacións para os mestres. No ano 1968 construiríase o actual edificio da Confraría, de aspecto máis moderno e funcional, que durante uns anos tamén albergaría a clínica médica local, e que na actualidade acolle unha aula de cultura dependente do Concello de Ribeira.

O porto de Aguiño nos ano 70 do pasado século cas dornas en primeiro plano.
Ca finalidade de cumprimentar o disposto na orde ministerial de Traballo do 11 de marzo do 1943, o 12 de novembro do 1944, e ca asistencia do Axudante Militar de Mariña de Ribeira e do delegado sindical provincial ademais doutros persoeiros, reúnese en xunta o Pósito de Pescadores de Carreira para proceder á transformación do mesmo en Confraría, acordando por unanimidade que o patrón da mesma fora San Paio. Deste xeito creábase a actual Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño.
Este ano 2024 cúmprese o primeiro centenario da Entidade. Felicidades !
– Agradecementos a José Manuel Pena Sampedro.
– Fonte: Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño.
– Fotografías: Antonio Parada Mariño (Aguiño).
Deixa unha resposta