Mapa de Acuña Malvar do 1790

Don Manuel de Acuña y Malvar, cura párroco de San Paio de Carreira do 1789 ó 1792, tivo unha curta pero intensa andadura mentres estivo exercendo nesta parroquia, e moito máis ó longo da súa emocionante e complicada vida.

Durante o seu curato, no ano 1790 solicitou mediante unha Real Cédula ó daquela Rei de España Carlos IV, os terreos incultos e baldíos que eran as zonas que hoxe coñecemos como Anquieiro, Couso, Aguiño e tamén a Illa de Sálvora entre outros moitos, para poder ofrecerllos ós seus fregueses para que os cultivaran e os fixeran render.

Detalle do mapa mostrando a lagoa de Vixán mailo monte da Cidá.

Para a solicitude desta Real Cédula, redactou unha extensa memoria onde describía o estado dos terreos, as condicións das xentes da parroquia, e os obxectivos desta petición, a cal ía acompañada dun mapa onde situaba as parroquias, lugares, etc e delimitaba a parroquia de Carreira do xeito que segue a continuación:

“…para proceder con el acierto que exsige al reconocimiento de los marcos y mojones que dividen esta Parroquia, la de Santa Euxenia de Riveira, San Julian de Artes, San Pedro de Palmeira y San Martin de Oleyros, y hallaron que la linia numero 27 del plano que divide a Carreira dela de Santa Euxenia, Artes y Palmeira, con quien confina, principia en la punta de un peñasco alto, nombrado Lareira del Castro, situado en la orilla mar, frente a la isla o peña de Noro, mirando al sur, sigue de aquí a las piedras bermejas, quese hallan por la parte de la marina, a la entrada del Lugar de Castiñeiras, outeiro o peña de piedras menudas, azial norte, cogiendo el agro intitulado de la Fuente, y un terreno arrimado a él con la denominación de cortiña, quatro concas de sembradura, comprehendidas en esta feligesía, desde donde va recta a las piedras cedrosas, y Outeiro de Xiba Albeira, atravesando por la agra de Cons, al alto, o pericueto de la mina del Agro Casais, de aquí ao ojo de la fuente del lugar de la Mamoa, Outeiro de la sombra, sito en el monte de San Roque, frente al pinar que posehe el licenciado Dn. Luis Vidal, y atravesando por el, sigue derecho al Outeiro de la Cruces, que se halla dentro del Real Pinar de Su Majestad, desde el qual va al Outeiro dela Rocha, y mirando al poniente sigue al marco de Gandarela, fixado en la rivera mar, del que a orillas de este, va acerrar a la punta del peñasco Lareira del Castro…”

Detalle do mapa de D. Manuel Acuña, ano 1790.

Ollando o mapa, non moi exacto nos nomes nin na localización de lugares, e atendendo ó apeo, vemos que hai una liña imaxinaria que vai dende a punta da praia do Castro (Lareira do Castro) subindo polos Curros de Castiñeiras ata o monte da Garita (Pedras Cedrosas), que segue ata o alto da Fieiteira (Agra de Cons), e pasando polos agros da Mámoa, vai ata a Devesa Real (Outeiro das Cruces), por detrás do monte da Cidá, ata o outeiro da Rocha en Casalnovo, e dende aí a rematar á Pedra da Ferreira, antigamente chamado Marco de Gandarela. Estas serían as marcas segundo o apeo e tamén segundo os nomes dos lugares e leiras que quedaron rexistrados no catastro de rústica de España.

Este mapa, non publicado en ningures ata o de agora, ofrecido en exclusiva por este blog, é o máis antigo que se coñece da parroquia.

– Fonte: Archivo Histórico Nacional (Madrid).

– Fonte: Arquivo do Reino de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Basado en WordPress traducido por egalego.com | Tema: Baskerville 2 por Anders Noren

Subir ↑