Descuberto accidentalmente no verán do ano 1978 (imaxe superior), a gran muralla que o rodea pola parte de terra, é o único resto que nos queda deste pequeno e curioso castro do que moi pouco se sabe.
Foi un tractorista do pobo escañando para coller area, quen dou ca muralla exterior enterrada nos modorróns que tanto abundan polo lugar de Anquieiro, localizada esta xusto entre a praia chamada Porto das Dornas, e máis a cala do Porto de Baixo, unha pequena pero fermosa enseada, cunha praia chea de petoucos, e que contaba cunha fonte de auga natural no seu extremo que era aproveitada pola xente da zona cando así o necesitaban.
Estes restos permaneceron moitos anos no esquecemento, ata que no 2004 se fixo a primeira intervención arqueolóxica, unha serie de cinco sondeos para poder determinar do que se trataba esta curiosa e interesante construcción. A actuación dirixida polo arqueólogo local Miguel A. Vidal Lojo, centrouse na escavación da parte central interior e exterior da muralla, ademáis da práctica das catas no interior do recinto.

Imaxes das escavacións do ano 2004 na muralla exterior do recinto.
A muralla descuberta era un tanto especial, pois na parte exterior as pedras formaban unha parede casi lisa, moi compacta, mentres que por dentro era pedra de mampostería máis bruta e construída a tres alturas. Unha cousa chamaba moito a atención… o grosor da muralla en algúns tramos era de case 5 metros, moi grosa para ser tan pequena, pois apenas mide 100 metros de lonxitude na súa totalidade, e o recinto que protexe só ten unha superficie duns 4900 m2. Descubríuse que en realidade son dúas as murallas que transcurren de xeito paralelo unha de outra, cunha altura a exterior duns 3 m e a interior de 2,30 m dende o seu nivel basal.

Imaxes das escavacións do ano 2004 na muralla interior do recinto.
Ainda que os arqueólogos consideraron que o castro puido estar habitado entre os séculos II e IV A.C., non se descubriu ningunha vivenda nin restos de importancia, só unhas pequenas áreas de actividade humana, neste caso restos de fogueiras; aínda que iso non quere dicir que non haxa outros restos máis significativos, pois a intervención foi un tanto curta e non dou para máis.
Chegóuse á conclusión de que era un castro, un tanto peculiar, pero un castro, e que posiblemente a ausencia de vivendas fora porque posiblemente foran estructuras perecedoiras (madeira), ou porque tamén foi moi castigado polas violentas actividades eólicas e mariñas que tanto afectan a esa parte da costa. Mentres non haxa outra actuación arqueolóxica que investigue máis a fondo estes restos, o tramo da muralla desenterrado mira atento ós visitantes do parque gardando silencio…
– Agradecementos a Miguel A. Vidal Lojo pola súa axuda e información aportada.
Deixa unha resposta