Courage et Devouement

Na tarde do luns 27 de maio do ano 1895, un mariñeiro de Carreira, Juan José Romano, estaba faenando na súa dorna Juana preto dos baixos de Corrubedo, entre as pedras dos Cobos e A Praguiña, cando un grande barco de pasaxe e carga, o vapor francés Dom Pedro (na imaxe superior), pasando por ese mesmo lugar e cunha mar en calma, encallóu nas rochas dos baixos e de seguido comezou a afundirse.

O resto desta historia é de sobra coñecido… oitenta e nove falecidos, e corenta e un (outras fontes apuntan corenta e sete) sobreviventes, pero sobre todo, moitas e terribles escenas de pánico e desesperación para intentar poñerse a salvo.

O que non é tan coñecido desta historia é que ese mariñeiro, Juan José Romano, deixando de lado a faena pesqueira do día, tentou axudar ós náufragos que puido, subíndoos á súa pequena dorna e levándo a nove deles ata terra firme, e deixándoos a salvo no lugar do Cruceiro, en Montevixán, indo de seguido dar parte á Axudantía de Ribeira. Cando chegou de volta xunto cas autoridades correspondentes, os náufragos puxéronse de xeonllos e bicáronlles as mans como mostra de agradecemento.

Non só foi Juan Jose quen axudou, senón que varias das pequenas embarcacións que había na zona se uniron para poder salvar ó maior número de náufragos posibles. De feito, segundo relataban algunhas testemuñas da época, moitos dos pasaxeiros, en ataques de pánico, agarrábanse como podían ás embarcacións de rescate, abalanzándose sobre elas, co conseguinte perigo engadido de afundimento.

Medalla concedida pola República Francesa a Juan José Romano (1896).

Dous anos despois, unha delegación francesa viaxou ata a súa casa e lle fixo entrega de parte do Ministerio de Mariña francés dunha medalla de honra asociado a un diploma acreditativo e unha pequena compensación económica, concedidos mediante un decreto presidencial con data 16 de febreiro do 1896, e que levaba asociado un paso seguro por tódalas augas da República Francesa para él e os seus familiares.

Diploma concedido pola República Francesa a Juan José Romano (1897).

Reproducimos nesta páxina unha imaxe da medalla que lle concederon onde se aprecia o lema Courage et Devouement (coraxe e dedicación), así como outra imaxe do diploma concedido. O paso seguro, co seu uso ó longo do tempo foise desgastando ata prácticamente desaparecer. Anos depois, e grazas a este paso seguro concedido pola súa coraxe, algúns dos familiares de Juan José Romano, puideron viaxar de balde en buques franceses ata a Arxentina segundo nos contou un dos seus tataranetos, Luis Alberto Egea, un carreirán establecido dende fai moitos anos fora da súa terra natal, e que moi amablemente nos enviou esta pequena e valente historia de humanidade, e quen recolleu a testemuña do seu abó, Manuel Romano Reiriz (1870-1959), fillo de Juan José Romano, o cal lle transmiteu a historia ós seus descendentes.

– Fonte: Luis Alberto Egea (Miranda de Ebro).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Basado en WordPress traducido por egalego.com | Tema: Baskerville 2 por Anders Noren

Subir ↑