Cambio de look da capela da Guía

Patrimonio histórico artístico relixioso da parroquia de San Paio de Carreira dende tempos inmemoriais, non se sabe con certeza cando, por quen, nin o motivo polo cal foi construído este templo situado no punto máis alto do lugar máis poboado da parroquia.

Na capela da Guía existe unha placa de pedra situada entre a porta principal e o tragaluz redondo, cunha inscrición (case que ilexible) gravada nela, e que nos indica que foi reedificada no ano 1903 (outras fontes din que no 1905), tal e como vemos nesta fotogrametría de precisión realizada sobre ela.

Fotogrametría da placa onde indica a data da súa reedificación.

Dende que fora reedificada nese ano, a capela mostraba un estilo artístico correspondente ca maioría de igrexas do sur de Galicia e norte de Portugal, predominando a cor branca do seu encaleado e a pedra á vista só nos sillares das esquinas. No ano 1983, a iniciativa da desaparecida asociación de veciños “A Guía” presidida por José Manuel Pena, o edificio foi reparado na súa totalidade, eliminando un tramo do adro de pedra que a circundaba abrindo así a súa contorna á estrada que a bordea, engadíndolle un novo tellado con lousas do país, e repicando os seus muros exteriores, mostrando a imaxe que podemos ver a día de hoxe.

A capela da Guía nunha imaxe do ano 2004.

O custo das obras foi case que íntegramente aportado pola veciñanza de Carreira, xuntando un total de 649.261 pesetas, mentres que o resto (menos da metade do custo total), foi aportado pola Deputación da Coruña e o Concello de Ribeira grazas á mediación do daquela alcalde D. Lisardo Valeiras Bravo. Nesta entrada do blog publicamos unhas imaxes nas cales se aprecia o seu cambio.

Documento enviado ó Concello de Ribeira pola AA.VV A Guía no ano 1982.

Hai outras moitas historias relacionadas con este templo, as cales iremos publicando máis para adiante.

– Imaxe superior: A capela no ano 1983. Foto Eugenio (Ribeira). Retocada e coloreada.

– Fotogrametría: Miguel A. Vidal Lojo.

– Fonte: José Manuel Pena Sampedro (AA.VV. A Guía – 1982).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Basado en WordPress traducido por egalego.com | Tema: Baskerville 2 por Anders Noren

Subir ↑