As orixes do topónimo

Tódolos nomes de lugares en Galicia teñen un por qué, unha causa, unha orixe… moitas veces coñecida, pero a maior parte delas, descoñecida.

Fernando Cabeza Quiles é o maior experto en toponimia da nosa terra. Diplomado en maxisterio, licenciado en filoloxía hispánica, é membro da Asociación Galega de Onomástica, e dedícase ao estudo e divulgación da toponimia galega. Autor de varios libros de temática diversa, sendo a súa última publicación Toponimia de Ribeira (RAG – ano 2022), onde afonda nos nomes dos lugares do noso Concello, xa fai tempo que tivo a amabilidade de atender a unha petición persoal, e nos deixou un traballo que aquí reproducimos e que tamén utilizou na mencionada obra, onde nos indica cal podería ser a orixe máis lóxica e sostible sobre o nome da nosa parroquia.

Portada da obra Toponimia de Ribeira (Ano 2022).

Agardamos que o lector saiba apreciar este fermoso, laborioso e interesantísmo traballo de Fernando Cabeza Quiles que dende aquí recomendamos, e poida así obter a información para saber de onde xurde o nome desa parroquia ou lugar que tantas veces escoitou, pero non sabía da súa orixe.

A ORIXE DO TOPÓNIMO CARREIRA

O topónimo viario Carreira procede dunha antiga (via) carraria, un derivado de carru ‘carro’. Unha carreira é un camiño estreito polo que poden transitar carros. Á actual parroquia seguramente se refira o topónimo Carreira dun documento do ano 1050 publicado en La Coruña, fondo antiguo (788-1065), que cita os antigos límites da parroquia de Artes contigua á de Ribeira situados en Deán (Daian), Cruxeiras (Curugeira), praia e río de Riazor (agua de Riazuu) e Sirves (Cervis): Trado (entrego) eam [a parroquia de Artes, no documento Artines] tibi (a ti) persuos [terminos antiguos, id est: …] de Daian et per marco de Curugeira […] et per ipsa aqua de Riazuu […] per ubi dividitur de Cervis […] cum ali[as nostras [ga]nantias que habet (ten) in Carreira.

Tamén debe ser esta parroquia a que se cita nun documento do ano 1200 do mosteiro de Toxos Outos como “Sancte Eugenie de Carraria”, seguramente antes de que se crease a de Ribeira, pois inclúe o seu lugar de Dayam, que derivou nos actuais de Deán Grande e Deán Pequeno, hoxe pertencentes á freguesía de Santa Uxía de Ribeira. O documento en cuestión di así: “facimus cartam vendicionis […] de tota nostra hereditate quantam habemus (temos) in villa que vocatur Dayam in concurrencia Sancte Eugenie de Carraria que est in terra Pistomarchos” (imaxe de portada deste artigo).

Uns anos despois, en 1213, en documento tamén de Toxos Outos, cítase o lugar de Deán Pequeno como pertencente á parroquia de Sancte Eugenie, que pode volver ser a antiga Santa Uxía de Carreira: “Dayam Minore sub aula Sancte Eugenie”. Noutra atestación do ano 1242 do mosteiro de Armenteira, a parroquia de Carreira aparece citada coa súa advocación actual, San Paio, ao nomearse un tal Pedro Vidal (apelido que se conservou no concello ribeirense) natural dela: “Petrus Vitales Sancti Pellagii de Carreyra”. Por este documento aventuramos, sequera como hipótese, que a parroquia de Carreira tivese en orixe a dobre advocación de San Paio e de Santa Uxía, cedéndolle finalmente a Ribeira a segunda. A antiga denominación da parroquia de Carreira acompañada da advocación Santa Uxía parece prevalecer grosso modo ata mediados do século XIV, xa que no primeiro Libro de Tenzas da Catedral de Santiago segue sendo “Santa Ougea de Careyra”, aínda que uns anos máis tarde, en 1387, nun documento da colección diplomática de Galicia Histórica, aparece por primeira vez “Sta Ougea de Ribeira”, fundada na costa, cando as incursións marítimas xa non serían unha ameaza.

As parroquias do Arcebispado de Santiago no Liber Tenencie de Horro (Ano 1438).

No ano 1438, o Liber Tenencie de Horreo rexistra o nome da parroquia de Carreira coa advocación de San Paio: “St. Payo de Carreyra”. En 1607, J. del Hoyo recolle “San Payo de Carreira”. O apelido Carreira está presente no concello de Ribeira. O NG 2003 tamén documenta o topónimo Carreira como nome de lugar e parroquia no concello de Zas (A Coruña) e como nome de lugar no de Ponteareas (Pontevedra), Taboada (Lugo) e Padrenda (Ourense). O topónimo A Carreira é moito máis abundante.

– Fonte: Fernando Cabeza Quiles. “Toponimia de Ribeira”. (RAG – 2022).

– Agradecementos a Fernando Cabeza Quiles pola súa a axuda e información aportada.

– Imaxes: AHN e AHDS.

2 opiniones sobre “As orixes do topónimo

Add yours

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Basado en WordPress traducido por egalego.com | Tema: Baskerville 2 por Anders Noren

Subir ↑