A mina de Llovo

Nas décadas dos anos 40 e 50 do pasado século, estivo funcionando nos terreos de Pipín, a carón da hoxe famosa Praia do Vilar, unha pequena mina de volframio coñecida como a mina de Llovo.

Atendendo ós grandes intereses da industria bélica durante a Segunda Guerra Mundial, o mineral do volframio era moi apreciado para o endurecemento e blindaxe do armamento co que se loitaba en Europa neses momentos. Un mineral escaso e moi demandado, e que era moi rendible sobre todo nesa época, e que aparecía en pequenas cantidades nalgunhas formacións xeolóxicas desta parte da parroquia e en varios sitios máis da costa occidental galega.

Un empresario ribeirense de orixes ourensáns, Gustavo Llovo Varela, asociado cun militar retirado chamado Fernando Conde, solicitaba no ano 1943 permiso ó Distrito Minero de La Coruña para a explotación familiar dun pequeno paraxe costeiro onde había este mineral. Cunha media de 14 traballadores, chegando ata 30 en épocas de maior traballo, chegaron a escavar unhas 3 foxas que ían sendo tapadas a medida que se ía esgotando o mineral, e das que a día de hoxe podemos observar unha delas que ten unha profundidade de 4 m e unha largura de 7 m (ver imaxe de portada).

Boletin Oficial Provincia de La Coruña – 18/06/1943.

Homes e mulleres da bisbarra picaban e acarrexaban o material ata as fontes cercanas onde o lavaban para posteriormente metelo en sacos que levaban ata un almacen de Ribeira en carros, e finalmente ía para Vilagarcía a refinar. Así estiveron traballando ata o remate da guerra de Corea no ano 1953 no cal a demanda deste mineral baixou ata o punto de non ser rendible.

A outra das minas de volframio que había na parroquia estaba localizada no paraxe de Cares, preto do lugar da Graña, a día de hoxe en terreos do parque natural. Era esta unha pequena escavación que pouco material sacou xa que ao ser escavada na terra, resultou improductible. O seu promotor foi Ramon Campos Martinez.

Estado que presentaba unha das foxas da mina de Llovo no ano 2005.

Asemade, había tamén outras minas nos lindes ca parroquia de Artes, en terreos da Devesa do Rei, pero estas eran de seixo branco e afumado. Localizábanse no chamado Campo das Minas, topónimo este que xa aparecía no libro de Frei Martin Sarmiento Viaje a Galicia, do ano 1755, malia que con outro significado, nada que ver ca minería. A súa produción mineira foi curta pero intensa, estando poucos anos en activo. As foxas máis grandes que se poden atopar teñen unha  profundidade de 70 m de largura por 2 m de alto a máis pequena, mentres que a máis grande a carón da anterior mide 100 m de largura por 7 m de alto, estando na actualidade case que tapadas por completo polas silveiras e árbores, pero que aínda son de perigoso acceso.

Houbo asemade, outras solicitudes de aperturas de minas na parroquia, tales como as que fixeron D. Angel Monteagudo e máis D. Juan Ricoy Pereira en terreos nos arredores dos lugares da Graña e de Couso respectivamente, as cales apenas foron productivas e non sacaron tanto mineral como o que saiu da mina de Llovo.

– Fonte: “Introdución á minería no Barbanza“. Ano 2008.

– Fonte: Boletín Oficial, Provincia de La Coruña. Ano 1943.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Basado en WordPress traducido por egalego.com | Tema: Baskerville 2 por Anders Noren

Subir ↑