Testemuña directa do ataque a Pearl Harbor

O día 7 de decembro do ano 1941 a Historia mudou para sempre, pois ese día a Armada Imperial Xaponesa “Nippon Kaigun” atacou por sorpresa á frota norteamericana fondeada na base naval hawaiana de Pearl Harbor, provocando a entrada dos Estados Unidos na Segunda Guerra Mundial. O resto desta historia xa a coñecemos…

Nacido en Carreira no ano 1913, Pablo Sampedro Álvarez, emigrou ós Estados Unidos cando tiña 16 anos atendendo ó reclamo do seu pai, que xa levaba un tempo traballando nese país. Estableceuse na cidade de Bayonne (New Jersey) traballando de barbeiro, ata que posteriormente, cando foi do Draft americano que alistaba persoal en tempos de paz, se enrolou no exército dese país sendo destinado a facer o servizo militar a Honolulu (illa de Oahu – Hawaii), e preto de alí se atopaba cando foi o fatídico día do ataque xaponés que os colleu a todos por sorpresa.

Libro de rexistro de emigrantes do Concello de Ribeira (1929).

Pablo (nacionalizado Paul) Sampedro viveu de primeira man o ataque xunto cos seus compañeiros do exército e demáis persoal alí establecido, e como tal, foi movilizado e asumeu a responsabilidade derivada do seu posto de poñerse á fronte da defensa do seu país de acollida, e a soportar o trauma e o horror dese fatídico día e posteriores.

Imaxe de Paul xunto con membros da súa compañía no cuartel Schofield Barracks – Honolulu (1941).

Conforme ía pasando o tempo, Paul que estudara e se formou como cartógrafo, facía traballos de planimetrías e fotolitografías, e foi promocionando no exército norteamericano de soldado de primeira clase ata o rango de sarxento, para ser transferido ó longo da guerra á forza aérea onde acadou o grao de sarxento técnico con funcións de delineante ao mando de 12 soldados, sendo desmovilizado pouco despois do remate da guerra en setembro do ano 1945, logo de catro anos e medio servindo ás forzas armadas norteamericanas.

Imaxe do Buick Century de Paul Sampedro no lugar de Campos (1956).

No ano 1969, Paul volveu definitivamente para a súa terra xunto á súa familia establecida en Santiago, e tódolos anos visitaba a súa casa do lugar das Pedriñas ata o ano 1979 no cal faleceu. Sen dúbida, unha vida intensa, interesante e sobre todo descoñecida, e que se merecía este pequeno recoñecemento.

– Agradecementos a Carmucha Magán e Pablo Sampedro, muller e fillo de Paul Sampedro.

– Fonte: Arquivo Municipal de Ribeira. Libro de rexistros de emigrantes.

– Imaxe coche: Familia Santamaría-Muñiz. Retocada e coloreada.

– Fonte: Javier Fernández – USC / Recreación Histórica Tropa Guripa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Basado en WordPress traducido por egalego.com | Tema: Baskerville 2 por Anders Noren

Subir ↑