Festa da Guía 1964

Eran outros tempos, a que fora unha das romaxes máis famosas da bisbarra e que máis fieis atraía, era anunciada a toda páxina no diario de maior tirada da rexión, La Voz de Galicia, fai agora 60 anos.

A romaxe de Nosa Señora da Guía celébrase segundo coincida a Semana Santa, non ten data fixa no calendario, e esta ven a ser o primeiro luns despois do domingo de Pentecostés, festividade cristiana que se celebra 50 días despois da Pascua de Resurrección. Soe cadrar entre os días 10 de maio e o 13 de xuño, pouco mais dun mes de diferencia.

No ano 1964, o 16 de maio, o diario La Voz de Galicia, facíase eco desta celebración publicando uns pequenos artigos e uns anuncios comerciais relacionados con Carreira. Así aparecían anunciados o bar de Patiño, a perruquería de cabaleiros de Ventoso e de señoras de Pepita Paz, o comercio de Mós, no Cruceiro, o bar Primero no lugar de Campos onde tamén estaba o negocio de Industrias Militares de Juan Millares, ou o daquela famoso salón de baile de Prego, punto de reunión da mocidade de todo o Concello, e que o día 18 de maio, que ese ano era o propio día da Guía, animaba á súa clientela a bailar e divertirse ó son da orquestra Florida.

Tamén sae un extenso artigo relacionado ca lenda da imaxe da Virxe, como foi atopada no mar por uns mariñeiros, e como edificaron a pequena ermita que a garda onde era a toxeira de Entrematos, como reza o antigo cantar popular local.

N’osa señora d’a Guía,
a donde a foron por?…
á toxeira de Entrematos
con toxiños d’arredor.

Asemade, tamén aparece un artigo sobre o moderno método da pesca eléctrica, que se presaxiaba ía ser revolucionario, algo que afortunadamente así non sucedeu, e tamén outro artigo sobre a excelente calidade do marisco das nosas costas, que daquela estaba sendo apreciado como un manxar de primeira orde sobre todo polo incipiente turismo que estaba irrumpindo nesta terra.

Fotografía tomada nun día da Guia do ano 1965 no lugar de Campos.

Nesta imaxe tomada dende a hoxe desaparecida casa do “Faino”, apreciamos en primieiro plano algúns dos membros da familia Mos-Alvarez e ó fondo a estrada principal de Carreira a Aguiño ca rúa chea de xente, como soía estar sempre que había unha celebración festiva en Carreira ou mesmo calqueira domingo á chamada hora do “vermú”, ou polas tardes de cine e baile, na etapa que foi dende finais dos anos ’40 ata ben entrados os ’70 do pasado século.

Os Rosales, famoso grupo de gaiteiros de Asados (Rianxo), xunto con varios veciños de Carreira. Anos 60.

Nesta outra imaxe vemos entre outras persoas a Ramón Mós Álvarez (con gafas), junto ós daquela membros do histórico e moi querido polo público grupo folklórico Os Rosales, de Asados (Rianxo), os cales estiveron durante varias décadas amenizando moitas das festas e romerías que se celebraban en tódolos cornechos da comarca do Barbanza.

– Fonte: La Voz de Galicia. 16/05/1964.

– Imaxe: Ramón Mos Álvarez (Carreira).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Basado en WordPress traducido por egalego.com | Tema: Baskerville 2 por Anders Noren

Subir ↑