Unha das persoas que máis e mellor rexistro gráfico teñen feito da nosa bisbarra é sen dúbida algunha Antonio Parada Mariño, Tucho para quenes mellor o coñecemos.
Natural de Castiñeiras e veciño de Aguiño, este veterano mariñeiro xa retirado do seu oficio, traballou na súa xuventude como reporteiro gráfico do xornal El Correo Gallego, aportando naquela época documentación gráfica ás novas deste diario rexional relacionadas con estas terras da Barbanza. Asemade, ó longo dos anos, tamén colaborou en moitas e variadas publicacións de toda clase, dende libros de arqueoloxía, etnografía, toponimia ou historia, ata diversos tipos de traballos como libros de fauna e flora de Galicia, folletos de festividades locais, etc, etc.
Un fotógrafo profesional, gran coñecedor e amante da flora e da fauna, pois tamén é un grande divulgador e defensor dos ecosistemas naturais mariños e terrestres, onde nos amosa a súa obra fotográfica dende varias plataformas sociais na Internet, acadando unha grande cantidade de visitas e sobre todo conseguindo sempre os mellores comentarios sobre as súas obras, fotografías cheas de amor á súa terra e ó medio e seres vivos que a rodean. Presentamos aqui unhas poucas imaxes de lugares de Carreira de épocas pasadas realizadas por Antonio Parada, quen as rescatou e restaurou do seu vello arquivo de diapositivas e nolas cedeu moi amablemente.

A lagoa de vixán nunha imaxe de setembro do ano 1985.

A gamela de Fidel de Sopa atracada no lugar do Cabazo, na lagoa de Vixán. Ano 1986.

Vista da lagoa dende Pedra Amarrada. Ano 1989.

Vacas no campo de Amendo. Ó fondo os outeiros do Cabazo e as casa da Graña. Ano 1989.

Praia de Anquieiro cas dúas derradeiras dornas que alí varaban. Ano 1985.

Imaxe dun anel de amarre de embarcacións nas pedras do Cabazo, na lagoa de Vixán. Ano 1985.

A Pedra da Rá, no monte da Cidá, antes de converterse no famoso miradoiro de hoxendía. Ano 1985.

Arco de entrada á horta de Benito Sampedro, en Sampaio, feito polo canteiro Pepe o Valero. Anos 70.

Horta de labradores no lugar da Filgueira. Ano 1985.

Unha preciosa fotografía do outeiro de Rañadas, situado entre Sobreira e As Cartas. Ano 1985.
– Agradecementos a Antonio Parada Mariño polas imaxes aportadas.
Deixa unha resposta