Esta illa estivo moitos séculos vinculada histórica e socialmente a San Paio de Carreira e os seus veciños, moitos dos cales dependían económicamente dela, ata que no ano 1959 pasou a integrarse no territorio da recén creada parroquia de Nosa Señora do Carme de Aguiño.
Situada na bocana da ría de Arousa, está separada de terra firme por unha distancia duns 3,5 km da península da Barbanza e 4,5 km da península do Grove, ocupa unha superficie de preto de 248 Ha, unha distancia de Norte a Sur de 2,2 km, e ten unha altitude máxima de 71 m no lugar chamado Alto das Gralleiras. Case que todo o perímetro da illa é zona rochosa, agás catro pequenas praias de branca e fina area; a praia do Almacén, a dos Bois, a da Zafra e a dos Lagos.
Na Alta Idade Media, e logo de moitos séculos de invasións nórdicas, musulmanas, etc, a propiedade desta illa pasou por varias mans; así ata finais do primeiro milenio era titularidade da Coroa Galego Asturiana, para no ano 899 ser doada polo Rei Alfonso II á Igrexa Compostelana ca finalidade de obter beneficio económico. Máis tarde, a illa pasou a mans particulares, sendo cedida polo Arcebispo a D. Marcos Fandiño Mariño, pasando así á Casa de Goiáns, e baixo esta titularidade estaría ata mediados do século XIX, no cal mediante casamento, pasou á familia Otero-Goyanes.

Detalle dunha carta da ría de Arousa mostrando a illa de Sálvora. Eustaquio Giannini. Ano 1791.
A partires desa época algúns veciños de Carreira, co permiso do propietario da illa, foron ocupando a mesma para utilizala como terreo de cultivo, aproveitamento gandeiro, madeira, e couto de caza, chegando a establecerse nela por longos períodos segundo as colleitas ás que se adicaran.
Por mor das penurias económicas da época en todo o país, a finais do século XIX, os habitantes de Carreira van traballar á illa nas tarefas agrícolas en réxime de caseiros da familia Otero-Goyanes, chegando a formar unha aldea estable de oito pequenas casiñas de pedra con preto de sesenta habitantes, tendo asemade un lugar de reunión na pequena e acolledora taberna situada a carón do almacén, logo convertida na capela de Santa Catalina. Estes caseiros aportaban a metade das colleitas e bens do gando ó propietario da illa, o señor Otero-Goyanes, Marqués de Revilla. Entre os anos 60 e 70 e andando na procura de melloras económicas e sociais, os veciños da illa van paseniño abandonando a mesma para irse a vivir ó continente, principalmente ó porto de de Aguiño.

Vista aérea do faro da illa de Sálvora na actualidade.
O actual faro da illa foi inaugurado no ano 1921, e o heliporto mailo peirao de atraque foron arranxados dúas décadas despois. O Estado Español apropiouse da illa entre os anos 1904 e 1958, enviando alí un pequeno destacamento militar que se encargaba de labores de vixilancia e mantemento das infraestructuras. Logo de marcharen, Sálvora mailos illotes de Vionta, Noro e Erbosa volveron a ser titularidade dos seus anteriores propietarios, a familia Otero-Goyanes.

Algunhas das vivendas abandonadas da illa de Sálvora na actualidade.
No ano 1972 foise o derradeiro habitante estable de Sálvora e no 2017 os fareiros, e dende entón a illa está deshabitada. A día de hoxe, e xunto cos illotes de Noro, Vionta, Erbosa e Sagres, está integrada no Parque Nacional das Illas Atlánticas, creado o 1 de xullo do ano 2002, perdendo o seu status anterior de propiedade privada ó ser adquirida de xeito definitivo o 24 de outubro do 2007 polo Ministerio de Medio Ambiente en co-titularidade ca Xunta de Galicia, e co obxectivo de pretender dotar a este pequeno arquipélago dun plano de xestión que garanta a súa protección e conservación medio ambiental.
En vindeiros artigos iremos engadindo información relativa a esta illa e acontecementos que sucederon en séculos pasados.
– Imaxe portada: Antonio Parada Mariño.
– Mapa: Archivo Histórico de la Armada JSE. Madrid. Eustaquio Giannini, ano 1791.
– Fonte: J. M. Fernández Pazos. Sálvora, memoria dun naufraxio. A traxedia do Santa Isabel. Ano 1998.
– Agradecementos a J. M. Vazquez Lijó, pola súa axuda e información aportada.
Deixa unha resposta