Na noite do 22 de decembro do ano 1906, uns delincuentes roubaban na igrexa parroquial de Sampaio e de paso lle prendían lume ó precioso altar churrigueresco que dende o ano 1721 presidía o principal templo carreiran.
Alertados polo sancristán, a rápida e valerosa resposta da veciñanza loitando contra o lume, evitou que ardera o templo por completo, pero aínda así, desgraciadamente, o retábalo sucumbeu ás lapas. Habería que agardar ata o ano 1912 para poder ter outro altar, non tan impresionante coma o anterior, pero non por iso menos bonito nin de menor calidade, xa que foi o afamado escultor compostelán D. José López Pedre o autor da nova obra de arte cabeceira da igrexa parroquial.

Recorte do diario Progreso dando conta da inauguración do novo altar. 03/07/1912.
Tal e como informaba o xornal Progreso – Diario Independiente de Pontevedra con data do 3 de xullo do 1912, acababa de inaugurarse o novo retábalo, o cal recibía merecidos eloxios de quenes o contemplaban.

Casa modernista do escultor López Pedre, no barrio compostelán do Pombal.
De novo a igrexa parroquial de San Paio de Carreira, sendo cura párroco D. Manuel Vázquez Lens, voltaba a ter un altar como así fora dende que se construíra o anterior alá polo ano 1721. Esta obra de arte, que a día de hoxe segue a estar presente no templo, foi parcialmente reparada nos anos 90 do pasado século, e aínda que presenta un estado bastante limpo e ben coidado, debería de ser restaurado na súa estrutura, pois o paso do tempo fai que as madeiras presenten un aspecto bastante desgastado.

Imaxe do altar maior da igrexa parroquial de San Paio de Carreira, feito no ano 1912.
O altar principal nos mostra unha imaxe do patrón San Paio na parte alta do mesmo portando nas mans os seus símbolos; o sabre e maila palma do martirio, e caracterizado cunha vestimenta propia da época clásica na cal foi construído o templo. Na parte central unha escultura de Cristo crucificado, e ós seus laterais, unha imaxe do Corazón de Xesús e no lado oposto, outra da Inmaculada Concepción. A peza está dominada por cores claras, imitando o mármore, agás na decoración, a cal domina a cor dourada.

Concerto de música clásica para conmemorar o 3º centenario da igrexa parroquial. Ano 2017.
– Fonte: Diario Progreso (Pontevedra). 03/07/1912.
– Agradecementos a D. Alejando Bello García (In Memoriam), e D. Ricardo Villaverde Gondar.
Deixa unha resposta