Cartografía Histórica (I)

Presentamos aquí a primeira entrega dunha serie dedicada ós mapas máis antigos de Galicia que se coñecen, e nos cales aparece rexistrada a parroquia de Carreira.

A medida que os mapas eran copiados, os erros acumuláronse co tempo, especialmente en relación ca toponimia e a localización xeográfica. Moitos destes erros continuaron aparecendo en séculos posteriores ata que se realizaron novos estudos do terreo, corrixindo e creando mapas máis precisos.

Ano 1634 – Entrada al Padrón. Autor: Pedro Teixeira Albernaz.

Esta ilustración forma parte da obra Descripción de España y de las costas y puertos de sus Reinos, encargada a este cosmógrafo portugués polo Rei Felipe IV. Esta colección incluía toda a costa da península Ibérica, pero nunca foi publicada para o público en xeral, sendo de uso exclusivo do rei e de poucas persoas autorizadas. Os mapas foron descubertos na Biblioteca Imperial de Viena no ano 2000, e destacan pola súa gran calidade. No detalle, aparece o mítico lugar de Paredes como unha zona poboada de referencia.

Ano 1784 – Mapa geográfico del Reyno de Galicia. Autor: Tomás López de Vargas Machuca.

Tomás López foi un recoñecido xeógrafo e cartógrafo, encargado de crear os primeiros mapas do Reino de España. Dirixiu o novo Gabinete de Geografía establecido polo monarca Carlos III. O seu principal proxecto foi elaborar mapas das diferentes rexións de España. Este mapa podería ser o primeiro coñecido no cal aparece impreso o topónimo Carreyra.

Ano 1787 – Carta esférica de las costas del Reino de Galicia. Autor: Vicente Tofiño de San Miguel.

Vicente Tofiño, mariño e cosmógrafo, autor tamén do prestixioso Derrotero de las costas de España en el mar Mediterráneo y África, no mesmo ano produciu unha colección de cartas esféricas das costas de España e África, que eran as máis exactas realizadas ata aquela época. As illas que rodean Sálvora son nomeadas como Islotes de Carreira.

Ano 1800 – Charta Geographica Regnum Galaeciam. Autor: Homan Hæredes.

Baseado no mapa de Tomás López de 1784, este mapa alemán apenas presenta cambios respecto do orixinal, agás na tradución da lenda adxunta, que está escrita en latín.

Ano 1812 – Mapa geográfico de la Provincia de Galicia, que muestra su división en 47 partidos.

Un bonito mapa a todo cor que se elaborou de cara a implantación da Constitución de Cádiz do 1812, e que mostra o futuro proxecto de reordenación de Galicia en partidos xudiciais. Este de mapa foi presentado como parte para este novo proceso constitucional. Carreira pertence ó partido xudicial de Noia.

– Mapas: Instituto Geográfico Nacional.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Basado en WordPress traducido por egalego.com | Tema: Baskerville 2 por Anders Noren

Subir ↑