Hai un século, tal día coma hoxe, un grupo de mariñeiros da parroquia de Carreira fundaba o Pósito de Pescadores co obxectivo de defender os seus intereses económicos e sociais, ó igual que estaban facendo moitos mariñeiros doutros puntos do país nos últimos anos.
Este movemento asociativo tiña a súa orixe na recente iniciativa de crear pósitos por todo o territorio nacional, co obxectivo de mellorar a vida dos mariñeiros e das súas familias. O impulsor desta iniciativa que logo se transformaría en lei foi D. Alfredo Saralegui y Casellas.

Don Alfredo de Saralegui y Casellas, creador dos pósitos marítimos.
Nado en Ferrol no mes de xaneiro de 1883, nunha familia de tradición militar —seu pai fora Intendente da Armada e o seu irmán, guardiamariña, falecera na Guerra de Cuba—, Alfredo Saralegui seguiu tamén a carreira militar, acadando o grao de Alférez. Ao longo da súa carreira, foi destinado a Cartagena, Almería, as Vascongadas e outros postos. A pesar dos seus compromisos militares, Saralegui sempre mostrou unha profunda preocupación polo benestar das xentes do mar. En 1915, levou unha proposta a varias institucións, entre elas o Ministerio de Marina e o Ministerio de Fomento, entón dirixido por D. Rafael Gasset Chinchilla, quen deu o visto e prace á súa iniciativa, que marcou o comezo da creación dos pósitos. Ademais, D. Alfredo Saralegui y Casellas foi o creador e secretario xeral da recentemente fundada Caja Central de Crédito Marítimo, que anos despois converteríase no actual Instituto Social de la Marina.
O día 9 de setembro do ano 1930, D. Alfredo Saralegui visitou varios pósitos da ría de Arousa, incluíndo o de Carreira cuxo presidente era D. Antonio Dios Millares. Segundo relata o diario El Pueblo Gallego, foi recibido con grandes honras polos mariñeiros da parroquia e polos rapaces que asistían ás escolas dependentes do pósito. No libro de actas dese día recóllese o rexistro da súa visita.

Recorte do xornal El Pueblo Gallego dando conta da vista do Sr. Saralegui. 11/09/1930.
Acta nº 56. En el local social del Pósito de Pescadores de Carreira, a nueve de septiembre del presente año reunidos bajo la presidencia del Exmo. Sr. Don Alfredo Saralegui y los Srs. de la Junta de Gobierno que al margen se expresan más una nutridísima representación del pueblo integrada por hombres, mujeres y niños previo aviso de bombas lanzadas al tal fin dio principio a las cinco y media en la tarde del dia mencionado; con el Apóstol de la clase pescadora toman asiento en la Presidencia el Inspector local de este Pósito Don Manuel Gimenez, y el Señor Magariños Granda, presidente de la Federación Comarcal de la Ria de Arosa y otras personalidades. El Pósito infantil que rindió honores a la llegada del Prócer ocupa el primer lugar en el local social debidamente uniformado bajo la dirección del Presidente tutelar Sr. Sampedro y del Contador Sr. El local por estar totalmente abarrotado de público, queda en la calle donde no cesan de clamar con vivas y bombas al Exmo. Señor D. Alfredo el pueblo en masa. Hace la presentación de Dn Alfredo el Sr. Ayudante Don Manuel Giménez, y a continuación habla el Sr. Saralegui con el cariño, emoción y galamura que él sabe hacerlo. Explica en síntesis la misión de las Pósitos, y elogia la labor que viene realizando el de Carreira (…)
Existe unha fotografía datada no ano 1930 (portada deste artigo), que posiblemente teña relación ca visita dese mesmo día, xa que como se pode observar nela, os rapaces aparecen cas bandeiriñas nas súas mans, e a bandeira grande ten o escudo do Pósito Infantil, tal e como se menciona na noticia e acta. As persoas maiores que os acompañan son os señores Ambrosio Cadaval, Fco. Millares Fernández, e o profesor da escola, D. Pedro Minchón.

Placa de bronce adicada a D. Alfredo Saralegui no faro de Fisterra.
Os mariñeiros da Costa da Morte recoñeceron a labor de D. Alfredo Saralegui cunha placa que, a día de hoxe, se pode ver nas pedras de entrada xunto ó faro de Fisterra. Esta placa, realizada polo afamado artista galego Francisco Asorey no ano 1927, serve como lembranza do seu compromiso e contribución ás xentes do mar.
Fontes:
– Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño
– Chenel Pérez Lustres (Ribeira).
– Xornal El Pueblo Gallego. 11/09/1930.
Deixa unha resposta