San Paio Mártir; un exemplo de valentía

Hoxe, día de tódolos Santos, publicamos aqui a historia do santo patrón de Carreira. A tradición popular contanos que San Paio, nado como Pelagio (Pelagius), naceu arredor do ano 911 na parroquia de Albeos, no actual concello de Crecente.

Foi educado no cristianismo polo seu tío Hermigio, bispo de Tui. Con só nove anos, Paio acompañou ó seu tío á corte do rei de León, pero trala derrota cristiá na batalla de Valdejunquera no ano 920, foron capturados polas tropas do califa Abderramán III.

Mentres o bispo foi liberado de alí a un tempo, Paio quedou como refén en Córdoba, onde permaneceu durante catro anos. Xa con trece anos, o califa interesouse por el, impresionado pola súa forza e determinación. Tentou convencelo para que renunciara á súa fe cristiá, ofrecéndolle riquezas e poder, pero o mozo mantívose firme, rexeitando as ofertas. A súa negativa non foi ben recibida, e o califa, enfurecido pola súa resistencia, ordenou o seu martirio.

Cadro ca imaxe idealizada de San Paio Mártir.

O día 26 de xuño do ano 925, con catorce anos, Paio foi brutalmente torturado e desmembrado. Os cristiáns recolleron os seus restos e déronlle sepultura digna. A súa valentía e firmeza fronte á opresión fixeron que a súa historia fora rapidamente venerada entre os cristiáns.

O exemplo de San Paio traspasou as barreiras do tempo, non só como símbolo de fe, senón tamén como unha mostra de valentía e lealdade ós seus principios. A súa historia, que destaca por ser a dun rapaz novo enfrontándose a un destino cruel, segue a inspirar tanto a crentes como aqueles que valoran a forza de vontade e a dignidade fronte ás adversidades.

Urna cos restos de San Paio no mosteiro de Oviedo que leva o seu nome.

San Paio é o patrón da parroquia de San Paio de Carreira, e as súas armas, o sabre e a palma do martirio, aparecen representadas no escudo parroquial, como símbolo da súa coraxe e sacrificio.

Nota: Este texto baséase en lendas e tradicións populares sobre a vida de San Paio. Non existe documentación completamente fiable que confirme que esta historia foi un feito real e demostrable. Os datos aqui relatados estan baseados na crónica Vita vel Passio sancti Pelagii , obra do século X do presbítero cordobés Raguel, contemporáneo de Pelagio.

– Fonte: Passionarium multorum martyrum. Real Biblioteca Monasterio El Escorial (Madrid). Século XI.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Basado en WordPress traducido por egalego.com | Tema: Baskerville 2 por Anders Noren

Subir ↑