Posiblemente existan investigacións previas que descoñecemos, pero o primeiro gran estudo científico documentado sobre o castro do monte da Cidá aparece nun artigo publicado na revista Nós no ano 1927, onde tamén se analizan diversos achados arqueolóxicos da comarca da Barbanza.
Esta revista, publicada entre os anos 1920 e 1936 baixo a dirección de Alfonso R. Castelao, foi un importante vehículo de difusión da cultura galega en tódalas súas manifestacións, incluíndo artigos sobre literatura, poesía, arqueoloxía, ensaio e historia, entre outros temas. Contaba cun nutrido grupo de colaboradores galegos e internacionais de grande renome.

Castelao, director da revista Nós; Florentino Cuevillas e Bouza Brey, autores do estudo aqueolóxico do castro da Cidá.
No seu número 46, un artigo extenso e rigoroso titulado “Prehistoria e Folklore da Barbanza” , desenrolado e dirixido por Florentino López Cuevillas e Fermín Bouza Brey, examina numerosos achados prehistóricos da comarca, tales como mámoas, antas, castros e outras ruínas dispersas. A continuación, reproducimos un fragmento dedicado ó emblemático castro do monte da Cidá, onde os autores achegan información relevante e sorprendente sobre o asentamento, así como sobre unha mámoa dolménica situada nas súas proximidades.

Recorte da páxina onde aparece o artigo sobre o castro da Cidá. Revista Nós, nº 46 -15/10/1927.
PREHISTORIA E FOLKLORE DA BARBANZA
EMPRAZAMENTO. Érguese o monte “A Cidá” a un kilómetro ó noroeste de Santa Uxía de Ribeira, por riba mesmo da praia de Corrubedo, moi perto da lagoa de Carragal i en termos da freguesía de Carreira. Anque a súa cota non é moi considerábel, é tan ollosa a súa situazón, que dende il albíscase toda a veiramar oeste da Galiza, dexergándose po-lo sul o monte de Santa Tegra, que está por riba do esteiro do Miño, as entradas das rías de Vigo e de Marín, co cabo Silleiro e as illas Cíes e Ons e grande parte da ría de Arousa; e poló norte a ría de Muros e o lombo azuado do cabo Fisterra.
A CITANIA. Remata o monte “A Cibdá” n-un curuto de abas pinas e penedosas por todal-as vertentes, agás no noroeste que é mais lene, indo a bater a unha e as outras n-un escalon inferior de pouco ancho e que cai longo en pendente donda nas veigas que arrodean o monte.
O recinto fortificado do castro colle soio o curuto terminal que foi aplanado de intento en toda a súa estensón agás nas bandas sul, suleste e leste, onde unha rexa morea de pedra de grá que alí existe, debeu de ser aproveitada a modo de forte acrópole natural. (…)
(…) Non puidemos acadar ningunha notiza que faga referenza ó achádego de obxetos nin na área murada nin nas súas veciñanzas, mais poló seu feitío identifícase tan doadamente ista citania con outras da Galiza e norte de Portugal xa esproradas. (…)
FOLKLORE DO MONTE A CIDÁ. Fala un veciño de Carreira chamado Lampón, a quen alcoutramos apañando batume no curuto do monte. “Aiquí houbo casas, unha aboa do meu veciño ainda se lembraba de ver algunha en pé. Dende aiqui vixiábase antigamente a mar cando os mouros vivían no monte. Despois os mouros foron botados para Africa e atrás de iles viñeron os godas e despois nós”. (…)
– Fonte: Revista Nós, nº 46 – 15/10/1927.
Deixa unha resposta