Na cabeceira deste artigo presentamos unha parte da Carta de la Ría de Arosa, levantada entre os anos 1904 a 1906 pola Comisión Hidrográfica a bordo do vapor de guerra Urania, e publicada no ano 1910 en Madrid.
Apreciamos que a actual praia do Castro e Catía aínda se denomina Playa de Carreira, e no lugar de Aguiño observamos unhas cantas vivendas espalladas por todo o areeiro bordeando o que a día de hoxe é a estrada que comunica o porto co centro de Carreira. Aparecen marcados algúns almacéns de salgadura no porto de Aguiño, Couso e tamén se ven os da praia do Castro e máis os de Castiñeiras.

Ano 1813. Mapa geográfico del Reyno de Galicia, que manifiesta particularmente la antigua provincia de Santiago dividida en 13 partidos.
Mapa da provincia de Santiago (Reino de Galicia) no que aparece a proposta da comisión particular desa provincia respecto do proxecto de división en partidos xudiciais do 1813, establecido no marco lexislativo derivado da implantación da constitución española do ano 1812. Presentado por Luis López Ballesteros ante a Audiencia de Galicia o 13 de outubro do 1813.

Ano 1816. Mapa del Reyno de Galicia dividido en siete provincias. Juan López.
Mapa realizado por Juan López, fillo de Tomás López e irmán de Tomás Mauricio López, xunto co cal seguiron o traballo do seu pai corrixindo os mapas que aquel fixera anos antes, e no caso deste, marcaron a división administrativa de Galicia nas sete antigas provincias; A Coruña, Santiago, Betanzos, Lugo, Mondoñedo, Ourense, e Tui.

Ano 1825. Mapa geográfico de el Arzobispado de Santiago.
Planimetría con cidades representadas por pequenos círculos segundo importancia e as máis importantes por planta fortificada cuns díxitos ó seu carón querendo significar o tipo de ordes relixiosas que hai nelas, rede de camiños reais, pontes, edificios illados e división político-administrativa e eclesiástica. Abundante e moi coidada toponimia. Datado durante o reinado de Fernando VII (1808-1833), e realizado polo daquela cura de San Salvador de Poio, D. Ángel Marín.

Ano 1833 – Plano de la Ría de Arosa.
Levantada polo Capitán de Fragata Ignacio Fernández Flórez no ano 1833, esta carta náutica ten a característica de que non está orientada ó norte, senón que amosa unha vista en semi perspectiva E-SO. Un detalle curioso, en Couso aparece sinalado o lugar Pta. de la Fuente, o cal pode facer referencia á actual fonte e lavadoiro de Pinisqueira.

Ano 1910 – Carta de la provincia de La Coruña.
Carta da provincia da Coruña cas estradas do Estado e provinciais, e camiños veciñais subvencionados. Publicada por acordo da Excma. Comisión Provincial. Carente de escala, ca toponimia e situación de lugares bastante deturpados e con moi pouca calidade, para ser un mapa do século XX confeccionado por un organismo oficial. Realizada por Pedro Cruz.
– Mapas: Instituto Geográfico Nacional.
Deixa unha resposta