Un pioneiro na divulgación do patrimonio

Domingo Regueira González foi un precursor na divulgación da prehistoria e arqueoloxía na comarca da Barbanza. Dende moi novo, amosou un profundo interese polo coñecemento e a investigación de xacementos arqueolóxicos esquecidos da nosa terra, unha labor que quedou reflectida nas pequenas pero imprescindibles obras que publicou nos anos oitenta do pasado século.

Nado na parroquia de Palmeira e formado na Escola de Artes e Oficios da Coruña, Domingo logrou compaxinar a súa carreira profesional ca súa paixón pola arte e a cultura. Aínda que non se dedicou profesionalmente, invisteu boa parte do seu tempo ó estudo dos restos prehistóricos e ó mundo descoñecido do megalitismo, especialmente na comarca do Barbanza. Entre as súas contribucións literarias destacan as obras Riveira desde sus orígenes e máis Petroglifos cruciformes, cruceros y petos de ánimas, publicadas polo Concello de Ribeira no ano 1986. Estas pezas representan a día de hoxe valiosos documentos históricos, xa que o paso do tempo fixo desaparecer moitas das escenas que Domingo capturou nas súas ilustracións. Na imaxe de portada deste artigo vemos a Domingo xunto con D. Carlos García Bayón a carón dunha das vivendas medio desenterradas do castro da Cidá a mediados dos anos 80 do pasado século.

Portadas de dúas obras de Domingo Regueira editadas no ano 1986.

No ano 2018, o Museo Valle-Inclán da Pobra organizou unha exposición das acuarelas de Domingo inspiradas nas obras do propio Valle, autor a quen o artista admira profundamente e co que sente unha especial conexión. Esta colección foi tamén recollida nun pequeno libro, que reflicte a súa capacidade para capturar a esencia do escritor e a súa obra.

Unindo a súa faceta artística co seu amor polo patrimonio arqueolóxico, Domingo Regueira elaborou unha carta arqueolóxica do Barbanza onde sinalou os restos prehistóricos e megalitos máis importantes da nosa contorna. Ademais, rexistrou mediante centos de fotografías a evolución de diversos lugares de Ribeira, con especial atención á súa querida Palmeira. Algunhas das imaxes capturadas por Domingo na parroquia de Carreira nos anos 80 do pasado século acompáñannos neste artigo, que agardamos sexan do agrado do lector.

Antigo cabazo de pedra no lugar de Casalnovo.

O mesmo cabazo pero con espigas de millo no seu exterior.

A derradeira gamela que se utilizou na lagoa de Vixán para a pesca de anguías.

Base de pedra do mecanismo metálico dun muíño de vento no lugar da Mámoa.

A Pedra da Rá nos anos 90, ca desaparecida escaleira de acceso ó miradoiro superior.

Hórreo e pombal na horta de Benito Sampedro en Sampaio.

O muíño de Inasia, en Amendiño, en estado de ruína moito antes da súa restauración.

Unha bonita estampa do misterioso outeiro de Rañadas.

O outeiro de Rañadas cando aínda se podía acceder ata él.

De seguido amosamos a Carta Arqueolóxica da Barbanza, creada por Domingo Regueira, na cal sinala a localización da maioría dos xacementos arqueolóxicos coñecidos desta comarca.

– Agradecementos a Domingo e Loli Regueira pola información e axuda aportadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Basado en WordPress traducido por egalego.com | Tema: Baskerville 2 por Anders Noren

Subir ↑