Presentamos aquí una relación dos curas párrocos que houbo nos últimos cinco séculos na freguesía de San Paio de Carreira, os cales quedaron rexistrados en diversos documentos eclesiásticos que se atopan no Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela.
- No ano 1452 D. Fernán Rodrígues de Las Naus (1)
- No ano 1558 D. Luís de Valcarcer
- No ano 1580 D. Fernán Alonso Basante (2)
- 1616 ? – 1624 Bachiller D. Juan de Cobrana
- 1624 – 1668 Licenciado D. Juan Martínez Vaamonde (3)
- 1668 – 1688 D. Lorenzo Dono Taboada (4)
- 1689 – 1709 D. Marcos de Metola
- 1711 – 1721 D. Juan de Helguero (5)
- 1721 – 1745 D. Domingo Antonio Díez de Rivera
- 1745 – 1774 D. Manuel Facundo Bodero (6)
- 1777 – 1785 Licenciado D. Mathías Pérez Rincón (7)
- 1789 – 1792 Licenciado D. Manuel de Acuña y Malvar (8)
- 1794 – 1809 D. Manuel Baquero y Malvar (9)
- Xuño – outubro 1812 Dr. D. Mariano Gil Hernández
- 1812 – 1836 D. Joseph de Villaroel (10)
- 1837 – 1847 D. José María Carracido (11)
- 1849 – 1884 D. Manuel Antonio Vilacova García (12)
- 1886 – 1890 Licenciado D. José María Abeijón García de Searez (13)
- 1890 – 1909 Licenciado D. Felipe Augusto Rivera Romero (14)
- 1909 – 1931 Licenciado D. Manuel Vázquez Lens (15)
- 1932 – 1940 D. Francisco Vara García
- 1940 – 1957 D. Ignacio Blanco Freire
- 1958 – 2000 D. Alejandro Bello García (16)
- 2000 … D. Ricardo Villaverde Gondar (17)
1 – Este cura aparece citado como testemuña nun documento referente a un preito do ano 1452, sendo así o cura párroco de San Paio máis antigo coñecido.
2 – Aparece anotado como reitor nun censo de habitantes realizado a instancia do rei Felipe II no ano 1580.
3 – Foi o primeiro párroco que comezou cos libros de Rexistro Sacramentais de nacementos, defuncións e matrimonios, logo da súa instauración obrigatoria ordenada tralo Concilio de Trento (1545-1563).

Portada do libro da constitución da Confraría do Santísimo Sacramento. Ano 1609.
4 – Foi o fundador no ano 1679 da capela e Confraría de San Roque da Granxa, segundo consta no libro de rexistro de dita Confraría Relixiosa. Foi Arcipreste. Está sepultado na Igrexa (antigo convento) de San Agustín, en Santiago de Compostela.
5 – Baixo o seu curato, no ano 1717 realizaronse as obras de reforma e ampliación da igrexa parroquial de Sampaio, construída sobre o anterior templo románico do cal ainda quedan restos á vista.
6 – Estando de cura, interviu na realización e supervisión do catastro de Ensenada na parroquia, xunto cos escribanos e demáis funcionarios e veciños que o confeccionaron.
7 – Natural de Granada, foi o artífice da experimentación do cultivo do cánabo e verme da seda na parroquia. O seu traballo foi recoñecido nunha memoria pola Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago de Compostela, e transmitida ó mismísimo rei Borbón Carlos III.
8 – Quizais o persoeiro máis importante que rexeu a parroquia. Sobriño do Arcebispo de Compostela Frei Sebastian de Malvar y Pinto, Arcediano do Salnés, Coéngo Dignidade da Catedral de Santiago, Sumiller de Cortina da S.M. o rei Carlos IV, comisionado para a defensa de Galicia contra o invasor francés na Guerra da Independencia, redactor da Constitución de Cádiz do ano 1812 e Cabaleiro da Real y Distinguida Orden de Carlos III. Solicitou terreos incultos para os veciños de Carreira e foi o artífice da construción do Pazo da Soledad. Tivo unha vida moi intensa e trepidante nos eidos eclesiástico, político e social.
9 – Primo de D. Manuel de Acuña y Malvar, faleceu na súa casa natal, na parroquia de San Martiño de Salcedo (Pontevedra), onde “recivio el sacramº de la penitencia y la Sagrada Extremauncion, y no otro, a causa de la demencia que padecía”.
10 – Gran Ilustrado, autor de varias obras, entre elas o Diccionario Nomenclator de las ciudades y villas del Reyno de Galicia, obra do ano 1810, e varios libros de poesías moi aclamados na súa época. Faleceu no Hospital Real de Santiago.
11 – Sacerdote, xornalista, escritor; renunciou a cargos no Cabido compostelán para seguir sendo cura de Carreira. Foi membro fundador da Academia Literaria de Santiago de Compostela e colaborou na prensa galega da época nos xornais La Aurora de Galicia e máis El Idólatra de Galicia. Publicou entre outras obras: El sensualismo considerado en sus relaciones ideológicas, morales y políticas (1842), Observaciones sobre el drama titulado “Fernán Pérez Curruchao y el arzobispo Don Suero” (1842) e Observaciones sobre la doctrina de Macarel relativa a la libertad de cultos (1843). Mentres foi cura, viveu no lugar de Casalnovo xa que a reitoral de Sampaio estaba en estado ruinoso.
12 – Natural de San Xoán de Ortoño, mentres foi cura ecónomo residiu no lugar do Outeiro, na chamada Casa dos Cregos. Sendo cura párroco, a epidemia da peste do cólera morbo fixo estragos en Carreira. Reparou a casa reitoral de Sampaio, a cal estaba en estado de ruína. Levou a xuizo a varios veciños por mor do non pagamento das oblatas, motivo polo cal non tivo moi boa lembranza en anos posteriores.
13 – Natural de Santa María de Roo, antes de ser párroco, estivo exercendo en Argalo, Caamaño, e Ribasieira. Está enterrado na Catedral de Santiago, a carón doutro membro da súa familia tamén sacerdotes da Igrexa Compostelana.

Sepultura de D. J.M. Abeijón García de Searez, na catedral compostelana.
14 – Sendo cura párroco, no ano 1896 tivo lugar o incendio da Igrexa de Sampaio que destruiu o seu orixinal altar de estilo churrigueresco. Asemade, durante o seu curato, tamen se sucederon os tráxicos episodios contra algúns veciños que profesaban o culto protestante.
15 – Fillo de D. Ramón Vázquez, quen fora alcalde do Concello de Ames, logo dunha boa acollida na parroquia nos primeiros anos do seu curato, foi violentamente expulsado polos fregueses no ano 1931, logo duns terribles altercados con algúns veciños.
16 – Nado no 1926 en San Xoán de Lousame, nada máis chegar a carreira, foi o artífice da creación da parroquia de Nosa Señora do Carme de Aguiño. Durante o seu curato, tamén se creou a parroquia do Bo Pastor de Castiñeiras, composta de lugares que pertencían a Carreira e a Santa Uxía de Ribeira.
17 – Cura párroco do Bo Pastor de Castiñeiras dende a súa fundación como parroquia no ano 1967, fíxose cargo de San Paio de Carreira logo do falecemento de D. Alejandro Bello no ano 2000, exercendo de cura principal destas dúas parroquias e máis doutras dos arredores por mor da crecente falla de sacerdotes para poder atendelas.
– Fonte: Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela.
– Imaxe: Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela.
– Agradecementos a D. Alejandro Bello García (In Memoriam).
Deixa unha resposta