O proxecto para a creación dunha pesqueira de atúns na illa de Sálvora foi ideado no ano 1790 por D. Juan José Caamaño y Pardo de Cela, conde de Maceda, cabaleiro da Orde de Malta e ilustrado ferrolán de gran relevancia no eido económico e social.
Este ilustre persoeiro era fillo de D. Vicente Caamaño Varela y Gayoso, señor de Goiáns e Sálvora, quen concibiu a iniciativa ca finalidade de aproveitar os recursos mariños da zona e fomentar o asentamento dunha poboación estable na illa. O proxecto contou cun respaldo oficial da Coroa a través dunha Real Cédula, en recoñecemento dos méritos militares de D. Vicente Caamaño. Este destacouse como tenente de navío na fragata Santa Gertrudis e dirixindo o Corpo de Pilotos da Armada en Ferrol, recoñecido entón como o máis prestixioso de España, un país líder na escena marítima mundial da época.

Retrato de D. Juan José Caamaño y Pardo de Cela.
Os estudos e cálculos realizados non foron suficientemente favorables, así como a zona de pesca, pois a escaseza de atúns e outros motivos sociais, políticos, pero sobre todo económicos, fixeron que este proxecto quedara en nada. Porén, en 1791, o proxecto enfrentouse a un desafío legal cando os veciños de Carreira, liderados polo párroco D. Manuel de Acuña y Malvar, iniciaron un preito contra a Casa de Goiáns. Alegaban a propiedade comunitaria da illa e reclamaban a suspensión do privilexio outorgado pola Coroa, argumentando que a explotación prometida non se levara a cabo. O caso chegou ata o Consello de Castela, máximo órgano xudicial da época, onde se cuestionou a validez da Real Cédula.

Mapa do proxecto de almadraba no cal se delimitaba a zona de pesca.
Tralo longo proceso xudicial, D. Vicente Caamaño conseguiu probar mediante documentación histórica, que a illa de Sálvora pertencía ó maiorado da Casa de Goiáns dende 1552. A resolución do Consello de Castela confirmou os dereitos da Casa sobre a illa, pero tamén recoñeceu ós veciños de Carreira o usufruto para certas actividades económicas, garantindo así un equilibrio entre ámbalas dúas partes.

Portada do Real Privilegio concedido a D. Vicente Caamaño.
Finalmente, a colonización efectiva da illa non se materializou a través da pesca de atúns como inicialmente estaba previsto, senón a mediados do século XIX. Nesa época, cedeuse terra cultivable a un pequeno grupo de labregos de Carreira, o que marcou o comezo dunha nova etapa na historia de Sálvora, baseada na agricultura e asentamento rural que duraría ata os anos 70 do século XX.
Fontes:
– Jose Manuel Vazquez Lijó. Sálvora (1321-1833): actividades cinegéticas y pecuarias en una isla despoblada. Ano 2015.
– Antonio Meijide Pardo. Juan José Caamaño y Pardo (1761-1819), Conde de Maceda. Ilustrado y economista ferrolano. Ano 2001.
– Heitor Picallo Fuentes. A casa de Goiáns a finais da Ilustración. Ano 2003.
– Portada: Antonio Sáñez Reguart. Diccionario histórico de los artes de la pesca nacional. Tomo I.
Deixa unha resposta