Unha mobilización histórica

Poucas veces na historia, os veciños de Carreira e Aguiño se mobilizaron de maneira tan contundente coma nos anos 1981 e 82. Todo comezou cando o daquela Ministerio de Obras Públicas y Urbanismo (MOPU), propuxo instalar unha antena de transmisión de sinais vermellas do sistema de posicionamento Decca Navigator no lugar de Anquieiro, preto da lagoa de Vixán, unha área que hoxendía forma parte do Parque Natural.

Este proxecto espertou unha forte oposición veciñal, que acabaría torcendo os plans dun goberno central decidido a avanzar por riba de todo. O primeiro paso do conflito produciuse o 29 de outubro do 1981, cando o pleno do Concello de Ribeira, presidido polo daquela alcalde D. Lisardo Valeiras Bravo, acordou ceder gratuitamente os terreos ó MOPU para a instalación da antena. Este acordo, aprobado sen informar ós veciños das parroquias afectadas, lembraba outra cesión previa do ano 1966, cando o Concello, baixo o mando de D. Félix G. Arriaga, xa entregara no mesmo lugar preto de 81 hectáreas a unha empresa privada para un proxecto industrial que nunca chegou a materializarse.

Recorte de prensa dando conta da oposición veciñal ó proxecto. El Correo Gallego. 17/11/1981.

Segundo o MOPU, a nova antena viría a substituír á que estaba operativa na estación do monte Iroite, na serra da Barbanza (ver imaxe de portada). A construción dunha estación militar de radar na mesma zona –a actual base do Exército do Aire EVA 10- facía incompatible a continuidade da antena no lugar, xa que os sinais Decca poderían verse afectados, poñendo en risco a seguridade da navegación marítima.

No pleno de outubro do 1981, o entón concelleiro Mariano Vidal alertou sobre a importancia de informar e consultar previamente á veciñanza. A pesares da súa intervención, a moción prosperou, e o Concello acordou ceder 46.353 m2 de terreos municipais próximos á lagoa de Vixán. A decisión, plasmada na acta oficial, puxo en marcha unha serie de acontecementos que culminarían nunha mobilización social sen precedentes na zona.

Recorte dunha das actas plenarias dando conta da cesión dos terreos. 28/01/1982.

O 28 de xaneiro do ano seguinte, durante un pleno no que se debía ratificar a cesión, a sala estaba ateigada de veciños de Carreira, maiormente do lugar da Graña, que mostraban un rexeitamento frontal ó proxecto. As queixas, respaldadas por algúns concelleiros, denunciaban que os terreos cedidos eran excesivos para o propósito anunciado. Ademais, cuestionábase o feito de que os recursos fosen entregados ó Estado, pero explotados por un monopolio privado estranxeiro, sen ningún beneficio directo para os veciños nin para o Concello.

Recorte de prensa da época. La Voz de Galicia. 29/06/1982.

A presión foi tal que a votación acabou con nove votos a favor e sete en contra, insuficientes para alcanzar a maioría necesaria. Este resultado desestimou inicialmente a cesión, pero o alivio foi breve. O 11 de febreiro, o MOPU respondeu enviando un expediente de expropiación forzosa, declarado de urxencia no Consello de Ministros do 28 dese mes. O sentimento de inxustiza creceu entre os veciños, que vían como as súas reclamacións eran ignoradas.

As asociacións veciñais A Guía de Carreira e Ardora de Aguiño, uníronse nunha campaña de información e denuncia, acusando ó Concello de Ribeira de actuar de maneira submisa ante o Goberno Central. Nun comunicado, sinalaron que o Goberno Local “regalaba o que é doutros” para gañar favores políticos, sen considerar os intereses dos seus propios cidadáns. O 25 de febreiro do 1982, o pleno municipal finalmente rexeitou a expropiación forzosa dos terreos, pero o ambiente era de pesimismo. Todo apuntaba a que o goberno de Madrid seguiría adiante co proxecto. Aínda así, os veciños mantiveron unha resistencia pacífica, sen recorrer á forza nin a medidas máis drásticas.

Recorte de prensa da época. El Correo Gallego. 18/06/1982.

No mes de xuño dese ano, unha viraxe inesperada mudou o rumbo dos acontecementos. Un estudo revelou que os sinais do radar militar EVA 10 non interferían cos sinais Decca, desmontando o principal argumento técnico detrás da reubicación da antena. Ademais, o sistema Decca estaba condenado a desaparecer ante o avance do futuro sistema GPS (Global Positioning System), moito máis moderno e eficaz. Finalmente, o proxecto foi abandonado.

Un dos 12 ancoraxes de formigón que quedaron como testemuña daquel proxecto. Imaxe do ano 2004.

Como recordo desta loita, hoxe aínda se poden ver as bases de formigón que ían suxeitar os tirantes da antena e a cova que serviría de cimentación da mesma, agora case que ocultas pola vexetación. Estas estruturas, construídas para evitar reveses no proxecto, quedaron como testemuña dun capítulo no que a unión de dúas pequenas parroquias conseguiu frear as imposicións dun Goberno Central poderoso e nada transparente. Esta foi, sen dúbida, unha das poucas ocasións nas que a resistencia dos máis febles prevaleceu fronte á maquinaria administrativa. A loita de Carreira e Aguiño quedou para sempre gravada como exemplo de determinación e defensa dos bens comúns.

Fontes:

– La Voz de Galicia. Noticias relacionadas anos 1981, 1982 e 1983.

– El Correo Gallego. Noticias relacionadas anos 1981 e 1982.

– Arquivo Municipal. Concello de Ribeira. Libros de Actas 1981 e 82.

– Agradecementos a J.M. Pena Sampedro, pola súa axuda e información aportada.

– Imaxe de portada do interior da estación de Iroite. Foto Eugenio (Ribeira). Ano 1981.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Basado en WordPress traducido por egalego.com | Tema: Baskerville 2 por Anders Noren

Subir ↑