Un dos acontecementos máis tristes e dramáticos de Carreira e de Galicia en xeral, tivo lugar a noite do 1 ó 2 de xaneiro do ano 1921, cando o vapor-correo Santa Isabel, de 89 metros de longo, cunha pasaxe de 202 persoas e unha tripulación de 84, afundiu logo de bater nas rochas a carón da illa de Sálvora no medio dun forte temporal, morrendo 213 persoas.
Despois de recoller ós pasaxeiros nos portos de Pasajes, Bilbao e Santander, o barco da Compañía Trasatlántica Española saía da Coruña con destino a Vilagarcía e Vigo para embarcar ós derradeiros viaxeiros que en Cádiz sairían rumbo ó Uruguai e Arxentina. Pero o mal tempo cruzouse no seu camiño na ruta que o levaba ata Vilagarcía, e á altura do faro da illa de Sálvora, o que se coñece como os baixos de Pegar, preto das dúas da mañá o barco encallou no medio do temporal e quedou á vontade do mar e da escuridade. No medio da noite, tódolos pasaxeiros e tripulación do barco encallado, fixeron o posible para salvarse, sendo moi poucos os que o conseguiron.

Construción do Santa Isabel, nos estaleiros de Matagorda (Cádiz). 30/06/1915.
Tiveron unha axuda moi importante nas humildes xentes que vivían na aldea da illa de Sálvora -a cal daquela era parte integrante da parroquia de Carreira- quenes desafiando o temporal, botáronse nas súas fráxiles embarcacións a rescatar os náufragos poñendo en perigo tamén as súas vidas. Algunhas das persoas que máis activamente participaron neste rescate foron uhas mozas da illa; María Fernandez, Josefa Parada, Cipriana Oujo e Cipriana Crujeiras, as cales serían condecoradas meses máis tarde pola súa grande labor humanitaria, pero inxustamente recompensadas. A día de hoxe estase a recuperar a súa memoria a través de eventos culturais e divulgación literaria, e onde compre destacar que dende o ano 2024, un moderno buque polivalente da sociedade de Salvamento Marítimo leva o nome de Heroínas de Sálvora na súa honra.

Recorte de prensa da Voz de Galicia, dando conta do afundimento. 04/01/1921.
A mañá seguinte ó naufraxio, as xentes de Sálvora foron na procura de axuda a Ribeira, de onde partiron barcos para axudar nas tarefas de rescate. Unha vez alí, procedeuse a soterrar á meirande parte das víctimas, así como a axudar ós sobreviventes, que serían só cincuenta e seis. Esta desgraciada xesta fixo que a prensa da época aclamara e solicitara para Ribeira o título honorífico de Muy Noble, Muy Leal y Muy Humanitaria, algo que de xeito oficial nunca chegou a suceder.

Zona do naufraxio do Santa Isabel, ós pés do faro da illa de Sálvora. Imaxe do ano 2004.
O tráxico suceso acontecido nesa noite está marcado na memoria colectiva do noso pobo, quedando gravado na historia de Galicia como unha das maiores traxedias marítimas acontecidas nas nosas costas.
NOTA DO AUTOR: Compre destacar que este tráxico suceso está recolleito en varias obras escritas onde se da conta moi detalladamente de todo o acontecido co suceso, co buque e cos protagonistas, das cales compre salientar a obra de Xosé María Fernández Pazos – cronista oficial do Concello de Ribeira- publicada no ano 1998 titulada Sálvora, memoria dun naufraxio, a traxedia do Santa Isabel, e máis O Santa Isabel; emigración, traxedia e heroísmo, libro este realizado polo Concello de Ribeira e publicado pola Deputación da Coruña.
Fontes:
– Xosé María Fernández Pazos. Sálvora, memoria dun naufraxio, a traxedia do Santa Isabel. Ano 1998.
– O Santa Isabel. Emigración, traxedia, heroísmo. Ano 2015.
Deixa unha resposta