A voz que conquistou Galicia

Manuel Blanco Fernández, coñecido artisticamente como Manolito el Pescador, naceu no ano 1946 no lugar de Deán Grande, en Ribeira, no seo dunha familia humilde, e xa dende moi novo a vida púxolle obstáculos no seu camiño, pois perdeu ó seu pai cando apenas tiña un ano. Practicamente ó pouco de nacer a súa familia trasladouse a Carreira, parroquia onde Manuel pasaría a súa infancia e xuventude, e onde sendo mozo, se dedicou a pescar co seu abuelo materno nunha pequena dorna dende o porto de Aguiño.

Manuel contaba cun talento único que marcaría o seu destino, pois a súa voz prodixiosa destacou dende neno, sendo alcumado como “El Joselito gallego”, en homenaxe ó mítico artista español da época, talento vocal que non só cautivou ó público, senón que tamén lle abriu as portas a unha carreira musical que o levaría a encher teatros e animar festas populares por toda Galicia e arredores.

A música de Manuel comezou a soar nos lugares máis inesperados. De pequeno, adoitaba cantar nos traxectos locais dos autobuses da mítica e desaparecida Empresa Sarasquete. Os pasaxeiros, encantados cas súas interpretacións de cancións populares, agasallábanlle moedas como mostra de agradecemento. Un día, un condutor que lle colleu especial aprecio invitouno a viaxar a Vigo, cidade que marcaría o comezo do seu camiño cara á fama.

Manuel, no medio con camisa branca, xunto ca orquestra Gran Peña, no ano 1959.

Nun bar vigués, Manuel cantou por primeira vez cun micrófono, interpretando cancións de Joselito e Antonio Molina. A súa actuación deixou abraiado ó público. Pouco despois, unha emisora local emitía a súa versión de Soy Minero, que chegou ós oídos do daquela famoso humorista pontevedrés Xan das Canicas, quen non tardou en fichalo para a súa compañía artística. Con tan só oito anos, Manuel comezou a percorrer a xeografía galega cun grupo de máis de 50 persoas, que incluía orquestra e equipo técnico. A súa primeira gran actuación tivo lugar no ano 1954 nun abarrotado Teatro García Barbón de Vigo, consolidándose como un grande fenómeno infantil.

Tras aquela xira inesquecible, Manuel regresou ca súa nai a Carreira, onde iniciou a súa traxectoria nas orquestras galegas. O seu primeiro contacto con este mundo foi ca orquestra Os Pinchudos, que o convidaron a unirse logo de escoitalo cantar. Esa mesma noite, aloxouse na Casa Pachín, en Taragoña (Rianxo), negocio dun músico e hostaleiro que lle deu apoio nesta nova etapa.

A orquestra Florida no ano 1968 con Manuel, segundo pola dereita.

Durante a adolescencia, Manolito el Pescador traballou con algunhas das formacións máis destacadas de Galicia, como Los Chicos del Jazz, La Florida e Gran Parada. Porén, ca chegada da adolescencia, a súa voz mudou, marcando o fin da súa etapa como “o Joselito galego”.

No ano 1961, decideu trasladarse a Madrid, onde viveu cunha tía durante tres anos, aproveitando o tempo para formarse e reforzar a súa paixón pola música. Ó regresar a Galicia, retomou a súa carreira ca orquestra Andújar e, posteriormente, con Gran Parada, ca que continuou durante máis dunha década percorrendo escenarios por toda a rexión. Tamén fixo actuacións nos centros galegos de Suiza e Londres ca orquestra Copacabana e un par de giras ca mítica orquestra Micróns de Pontevedra. Moitas forón as experiencias o longo da sua vida profesional, incluso tivo a oportunidade de actuar a bordo dun barco que contaba cun grupo musical propio.

Portadas de discos e cartaz promocional de Manolito el Pescador.

Con 40 anos, Manuel atopábase nun dos mellores momentos da súa carreira musical. Soubo adaptarse ós novos tempos, gravando casetes e seleccionando coidadosamente as súas actuacións. Ó mesmo tempo, comezou a súa andaina no eido empresarial, creando e representando orquestras como África, Atenas, Mundo Musical e Las Vegas. Ademais, formouse no Conservatorio de Pontevedra e comezou a compoñer temas propios, demostrando que a súa relación ca música ía máis alá do escenario. A súa versatilidade e dedicación consolidaron o seu lugar como unha figura clave na música popular galega.

Aínda que co paso dos anos as súas actuacións foron a menos, Manuel sorprendeu hai aproximadamente unha década baixo o pseudónimo de Fisherman. Da man do humorista e presentador Roberto Vilar, participou no programa Land Róber da TVG, onde demostrou que podía reinventarse, aínda que inicialmente tivera certas dúbidas.

No programa Land Rober da TVG, xunto con Roberto Vilar. Ano 2015.

A súa participación no programa prolongouse durante tres anos, nos que volveu a gañarse o afecto do público. A día de hoxe, retirado por completo dos escenarios, o legado de Manolito el Pescador permanece, simbolizando unha vida dedicada por completo á música.

Inserimos un video da TVG onde lle dedica unha canción á que foi a súa parroquia adoptiva durante moitos anos.

Fontes:

– Agradecementos a Ricardo Blanco (Taragoña) e súa nai, pola súa grande axuda, información e amabilidade.

– Agradecementos a Jessica Suarez (Aguiño), pola súa axuda.

– Imaxes orquestras: FB Orquestas 1900.

– La Voz de Galicia. 10/02/2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Basado en WordPress traducido por egalego.com | Tema: Baskerville 2 por Anders Noren

Subir ↑