Durante o período do Trienio Liberal, tralo restablecemento da Constitución de Cádiz, e segundo o seu artigo 310 que obrigaba a tódalas poboacións con máis de 1000 almas a constituírse en Axuntamento, o 7 de xullo do 1821 establécese oficialmente o Ayuntamiento Constitucional de Carreira, encadrado no Partido Xudicial de Noia. Este concello só perdurou un curto período de tempo ata a reforma administrativa do ano 1835, a cal delimitou a nova organización política vixente na actualidade.
O primeiro intento de eliminación dos municipios e señoríos xurisdiccionais do Antigo Réxime, xa foran expostos na Constitución do ano 1812, a primeira establecida nos territorios da Coroa Española, a cal a pesares de ser aceptada polo rei Fernando VII, este mesmo foi quen de derogala dous anos despois en favor do establecemento do Antigo Réxime que tanto quería. Os Decretos do 23 de maio e 10 de xullo do 1812 sobre a formación de Ayuntamientos Constitucionales baseábanse no artigo 312 da Carta Magna o cal expoñía: “Los alcaldes, regidores y procuradores síndicos, se nombrarán por elección en los pueblos, cesando los regidores y demás que sirvan oficios perpetuos en los ayuntamientos, cualquiera que sea su título y denominación”.
Na época dos axuntamentos constitucionais, no territorio do actual municipio de Ribeira chegaron a existir catro, todos eles pertencentes ó Partido Xudicial de Noia, pertencente á provincia de Santiago, e que eran os que aparecen no segunte cadro, que con motivo da quinta ou contribución territorial e de consumos e que figuran nos documentos e repartimentos da por enton Deputación Única de Galicia daban estes datos:
07/07/1821 | 13/09/1821 | 02/10/1821 | |
Axuntamentos | Homes | Reais, Maravedís | Reais, Maravedís |
Carreira | 1 | 26321,01 | 3277,10 |
Olveira | 2 1/4 | 32181,32 | 7389,02 |
Palmeira | 3/4 | 7410,31 | 7124,00 |
Ribeira | 3/4 | 6089,29 | 6142,17 |
Para comezos do ano 1822, cando Galicia se distribúe nas catro actuais provincias, a deputación única cede o paso á Deputación da Coruña, a cal fai o repartimento de quintas en xuño, e en decembro o reparto orzamentario de gastos e que figuran deste xeito:
27/06/1822 | 10/12/1822 | |
Axuntamentos | Homes | Reais, Maravedís |
Carreira | 5/10 | 1902,02 |
Olveira | 1 | 2511,18 |
Palmeira | 3/10 | 770,10 |
Ribeira | 3/10 | 754,11 |
A actividade do Concello de Carreira foi relativamente limitada debido á súa brevidade, xa que a súa existencia efectiva durou só dous anos, entre xullo de 1821 e outubro de 1823. Ademais, a constante inestabilidade política e os cambios de réxime que atravesaba o país durante nese tempo dificultaron o seu desenvolvemento. En consecuencia, a función principal do Concello consistía en tarefas administrativas básicas, como a recadación de taxas e tributos, así como o reclutamento de mozos en idade militar para asignalos ós diferentes exércitos do Reino. Estas responsabilidades recordan ás funcións desempeñadas polos mordomos pedáneos durante o Antigo Réxime.
O Ayuntamiento Constitucional de Carreira estaba gobernado polos señores D. Miguel Bretal, quen ocupaba o cargo de primeiro rexedor e D. Manuel Prego como segundo. Ámbolos dous, antes de asumir os seus cargos no concello, xa desempeñaran funcións como mordomos pedáneos. Durante este período, o concello de Carreira contaba cunha poboación de 1421 habitantes, cun orzamento de 1902 Reais e unha contribución económica de 3277 Reais.

Parte dun libro parroquial de Carreira ca mención ós rexedores deste Axuntamento Constitucional.
Finalmente, este efémero Concello de Carreira foi integrado no actual Concello de Ribeira o 22 de xuño de 1836, no marco dunha restruturación administrativa que tamén afectou ós concellos veciños de Olveira e Palmeira. A partires de entón, Carreira deixou de existir como entidade municipal independente quedando afastado da organización local, pero integrándose no novo municipio de Ribeira, que perdura na actualidade e que conforman as sete históricas e antigas parroquias de Artes, Carreira, Corrubedo, Oleiros, Olveira, Palmeira e Ribeira, e as dúas de nova creación no século XX, Aguiño e Castiñeiras.
AYUNTAMIENTO DE STA. EUGENIA DA RIBEIRA | ||
Parroquias que lo forman | Número de vecinos | Número de almas |
San Julián de Artes | 84 | 436 |
San Pelayo de Carreira | 287 | 1421 |
Santa María de Corrubedo | 112 | 492 |
San Martín de Oleiros | 110 | 656 |
Santa María de Olbeira | 132 | 634 |
San Pedro de Palmeira | 146 | 684 |
Santa Eugenia de Ribeira | 423 | 1337 |
TOTALES | 1294 | 5660 |
Diputación Provincial de La Coruña. Continuación del arreglo de Ayuntamientos. Partido de Noya. 22/06/1836.
NOTA DO AUTOR: Hai que ter en consideración que naquela época o número de veciños era diferente ó número de almas, pois só estaban considerados como veciños os cabezas de familia, e a media de habitantes difería entre as diferentes poboacións que ía dende os 3,7 ata os 5,2, sendo a media estimada en 4,3 – 4,4 para o conxunto do Concello de Ribeira.
Fontes:
– Autor cadro portada: Salvador Viniegra. Ano 1912.
– Xosé Fariña Jamardo. Os concellos galegos. 1990.
– ARG A Coruña – BOPC. Nº 141 – 22/06/1836.
Deixa unha resposta