A tradición artesanal das cruces de pedra presente en toda Galicia, tamén ten a súa representación na parroquia de Carreira con tres elementos situados nos lugares do Cruceiro, Frións e Sampaio. A característica común deles é que os tres son do tipo de crucifixo, sen capeliñas, é dicir, a forma máis sinxela e característica dun cruceiro.
O Cristo dos Aflixidos
O lugar do Cruceiro situado no centro urbán da parroquia recibe o seu nome desta cruz; o Cristo de los Afligidos. Aínda que orixinariamente data do século XVII, foi nos años sesenta da século pasado cando se remodelou e acadou o aspecto que ten a día de hoxe presentando un bo estado de conservación. O Cristo que o preside está suxeito por tres cravos, presentando as mans abertas e a cabeza botada para diante cunha coroa de espiñas. Asemade o seu pano de pureza está anoado á dereita. A altura desta cruz é relativamente pequena comparada con outras da zona. As características constructivas do cruceiro son as que se amosan de seguido:
- Plataforma cadrangular, cun muro particular moi feo pola súa parte traseira.
- Pedestal cadrado, e rematado en chafráns.
- Varal cadrado con chafráns.
- Capitel de forma cadrangular con molduras rectas e semicirculares.
- Cruz circular e decoración leñosa con nós.
- Anverso: Imaxe de Cristo crucificado.
- Reverso: Sen imaxe.
- Material de construcción: Granito.
- Conservación boa, aínda que cunha contorna bastante descoidada estéticamente.
- Placa con lenda: Cristo de los Afligidos.

Cristo dos Aflixidos, no lugar do cruceiro. Imaxe do ano 2004.
Cruceiro de Frións
Outro expoñente desta tradición é o cruceiro de Frións, onde ademais da típica representación de Cristo, aparecen imaxes da Virxe María e de varios anxos. Este exemplar data do século XVIII e presenta un estado de conservación bastante danado polas condicións medio ambientais amais de carecer de proteccións ó seu arredor. O Cristo crucificado está sostido por tres cravos e inclina a súa cabeza con coroa de espiñas cara á dereita, amosando as mans en posición aberta. O seu pano de pureza está anoado á esquerda e no alto de todo hai un pergamiño ca inscrición INRI. As súas características constructivas son as seguintes:
- Plataforma octogonal de tres graos pegada a un valado de formigón moi feo que o separa do recinto do colexio que hai ó seu carón.
- Pedestal octogonal e rematado en chafráns.
- Varal octogonal, aínda que comeza en cadrado.
- Capitel cilíndrico co astrágalo circular e catro cabezas de anxos con ás.
- Cruz octogonal con remates florenzados e un botón circular central.
- Anverso: Imaxe de Cristo crucificado.
- Reverso: Virxe en actitude de oración.
- Material de construcción: Granito.
- Conservación moi mala, a carón da estrada local.
- Carece de placa con lenda.

Cruceiro de Frións. Imaxe do ano 2004.
Cruceiro da Igrexa de Sampaio
Situado no adro da igrexa parroquial, foi inaugurado o 20 de outubro do ano 2001 na memoria do cura párroco D. Alejandro Bello García (ver imaxe de portada), pola súa labor a prol da parroquia durante os corenta e dous anos que estivo ó fronte da mesma, motivo polo cal esta cruz chega a ter moito valor simbólico malia ser un cruceiro moderno. O cruceiro é moi parecido ó de Frións, amosando as imaxes de Xesucristo e maila Virxe María, aínda que conten unhas pequenas variacións de deseño e resulta un pouco máis grande en altura. Polo que respecta ás súas características construtivas, podémolas resumir de seguido deste xeito:
- Plataforma cadrangular cas esquinas achafranadas en vertical.
- Pedestal cadrado con adorno achafranado semicircular cara ó centro do mesmo.
- Varal de grande altura de forma cadrada e con chafráns nas esquinas.
- Capitel cadrado con catro cabeciñas de senllos anxiños sen ás.
- Cruz circular leñosa con algúns nós e pergamiño ca lenda INRI.
- Anverso: Imaxe de Cristo crucificado con pano de pureza á dereita
- Reverso: Virxe en actitude de recollemento e cunha cabeciña ós seus pés.
- Material de construcción: Granito.
- Conservación moi boa, dentro dun entorno coidado e axeitado.
- Lenda: A Don Alejandro Bello García. Os fregueses ó seu párroco. 1958-2000.

Cruceiro de Sampaio, erixido na honra de D. Alejandro Bello no ano 2001.
Fontes:
– Portada: La Voz de Galicia. 21/10/2001.
– Luís Martín Ruíz. Cruceiros na provincia da Coruña. Vol III. 1999.
– Domingo Regueira Glez. Petroglifos cruciformes, cruceros y petos de ánimas. 1986.
Deixa unha resposta