Fai uns meses, xa falamos neste blog de Luis Fco. Crujeiras Millet, veciño de Vixán afincado nos Estados Unidos de América, destacado pola súa habilidade e dedicación como construtor profesional de maquetas artesanais de embarcacións. As súa precisas e detalladas recreacións náuticas atópanse expostas en diversos museos de toda Galicia, onde reciben o recoñecemento e admiración de expertos e visitantes.
Movido polo desexo de divulgar e compartir a beleza e a mestría dos seus traballos, Luis tivo a oportunidade, grazas ó seu traballo nun prestixioso restaurante de Nova Jersey, de establecer contacto con destacadas personalidades do mundo do espectáculo. Algúns destes encontros foron especialmente memorables, non só polo interese que espertaron as súa obras, senón porque Luis tivo o detalle de agasallar a algúns destes ilustres visitantes con exquisitas reproducións de embarcacións tradicionais galegas, principalmente dornas.

Luís xunto co xinecólogo ourensan Julio Iglesias Puga “Papuchi”, pai do afamado artista internacional Julio Iglesias.
Un dos episodios máis salientables da súa traxectoria foi o seu encontro co pai de Julio Iglesias, recoñecido cantante español de fama internacional. Este encontro tivo lugar no restaurante onde Luis traballaba, e, ó saber que o artista actuaría no emblemático Radio City Music Hall de Nova York, Luis non dubidou en manifestar o seu interese por coñecelo en persoa. Grazas á amabilidade do pai de Julio Iglesias, foi convidado a asistir ós ensaios previos ó concerto, momento no que puido cumprimentar ó propio cantante e entregarlle como agasallo unha delicada maqueta dunha dorna galega. Esta embarcación non lle era descoñecida a Julio Iglesias, quen lembrou con agarimo as súa vivencias en Galicia e expresou a súa gratitude cunhas palabras que Luis garda con especial estima: “Yo conocía esta embarcación, más de una vez navegué en ella”.

O cantante Raphael recibindo unha dorna de mans de Luís Crujeiras no Spanish Tavern.
Outra figura senlleira que recibiu un dos seus agasallos foi o lendario Raphael, unha icona da música lixeira española que, a día de hoxe, segue a encher teatros cas súa apaixonadas actuacións en directo. Durante unha visita a Newark para ofrecer un concerto, Raphael decideu cear no Spanish Tavern, o restaurante onde Luis desenvolvía o seu traballo. Tras degustar un auténtico caldo galego e unha sinxela tortilla francesa, Luis sorprendeuno cunha maqueta doutra dorna, un detalle que o artista agradeceu con sincera emoción, eloxiando ademais a finura e calidade do seu traballo artesanal.
Ó longo dos anos, Luis tivo a fortuna de estreitar lazos con outras figuras destacadas, como o humorista galego Farruco, unha celebridade da Televisión de Galicia que visitaba con frecuencia a comunidade galega de Newark para ofrecer espectáculos e realizar os tradicionais conxuros da queimada. Incluso personalidades de fama mundial como o actor Harrison Ford tiveron contacto co artesán galego, mais, entre todos os seus encontros, sobresae o vivido co ex-presidente dos Estados Unidos, Bill Clinton.

Carta de agradecemento asinada por Bill Clinton xunto cunha imaxe da maqueta agasallada.
Como mostra do seu respecto e admiración, Luis entregoulle a Bill Clinton unha coidada maqueta dun barco do Mississippi, bautizado cun nome cargado de simbolismo: “The Queen Hope of Arkansas”, en homenaxe ó Estado natal do mandatario. Este xesto non pasou desapercibido, e o propio Clinton respondeu cunha carta asinada dende a Casa Branca en agradecemento polo agasallo, un documento que Luis conserva con orgullo como testemuña dun dos momentos máis destacados da súa carreira.
Ademais da súa actividade como artesán, Luis Crujeiras mantivo unha estreita colaboración ca Televisión de Galicia, participando en programas de gran audiencia como o popular e mítico “Luar”. Tamén protagonizou diversas conexións en directo dende os Estados Unidos para informar sobre acontecementos de relevancia mundial, como os tráxicos sucesos do 11 de setembro de 2001.

Artigo adicado a Luís Crujeiras na revista da TVG. Ano 1993.
A paixón polo seu oficio, a súa capacidade para establecer vencellos con figuras de renome internacional e o seu compromiso ca difusión da cultura galega fan de Luis Fco. Crujeiras Millet un exemplo de dedicación e orgullo polas súa raíces, proxectando ó mundo a tradición mariñeira de Galicia a través do seu excepcional talento artesanal.
– Agradecementos a Luís Crujeiras Millet pola súa amabilidade, axuda e información aportada.
– Fonte: La Voz de Galicia. 26/04/1998 e 20/04/1999.
Deixa unha resposta