No mes de abril do ano 2003, a revista cultural Raigame, editada pola Deputación de Ourense, publicou un artigo da historiadora María Dolores Villaverde Solar, no que presentaba o seu estudo artístico sobre os altares da igrexa parroquial de San Paio de Carreira.
Este documento, ata agora practicamente descoñecido para os veciños da parroquia, ponse a dispor do público por medio deste blog, co obxectivo de difundir unha información de grande valor, que sen dúbida resultará de interese para aqueles que gocen da súa lectura.

Detalle dun dos altares laterais da igrexa parroquial. Imaxe do ano 2004.
Cómpre sinalar que o altar principal da igrexa, obxecto deste estudo, non é o orixinal do século XVIII, senón unha reconstrución realizada fai agora 113 anos, polo afamado escultor compostelán López Pedre. Esta intervención foi necesaria no seu momento, logo do lume que destruíu o antigo altar de estilo churrigueresco que presidía o templo, e que era o orgullo dos feligreses.
O traballo de María Dolores destaca o valor dos elementos arquitectónicos deste antigo templo relixioso, que foi reconstruído e ampliado no ano 1717 sobre os restos dunha pequena igrexa románica que anteriormente ocupaba este espazo sagrado.

Detalle dun dos altares laterais da igrexa parroquial. Imaxe do ano 2004.
María Dolores Villaverde Solar é doutora na Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, onde no 1999 defendeu a súa tese sobre a arte relixiosa no arciprestado de Ribadulla, publicada ó ano seguinte. Dende o ano 2001, exerce como profesora na Universidade da Coruña, impartindo docencia na Facultade de Humanidades e na Escola Universitaria de Deseño Industrial. Ademais, é autora de numerosos traballos de investigación sobre a arte en Galicia entre os séculos XVI e XX.
– Fonte: Revista Raigame nº 17, Deputación de Ourense. Abril 2003.
Deixa unha resposta