Nunha contorna privilexiada, a carón da lagoa e con impresionantes vistas ó bravo océano Atlántico, naceu e creceu Ramón Lestayo, máis coñecido no seu Vixán natal como Ramón de Emilia. Este escenario natural cheo de vida marcou os seus primeiros anos, nos cales desenvolvería unha paixón que definiría a súa vida: a música.
Dende moi pequeno, quedou cautivado pola armónica dos seus avós, pero foi á idade de 11 anos cando, ó escoitar soar unha guitarra, comprendeu que a súa verdadeira vocación era a música. Con gran esforzo e dedicación, conseguíu reunir 750 pesetas logo de superar o curso escolar, cartos cos que mercou a súa primeira guitarra no mítico Bazar de Oujo, en Ribeira.
Nos seus comezos como guitarrista, foi autodidacta. Co paso do tempo, animouse a tocar no coro da Capela da Guía durante a misa dominical, sorprendendo gratamente á veciñanza de Carreira, que acudía en gran número ós actos litúrxicos; de feito foi o creador do Grupo Infantil da Guía.

Carteis promocionais do grupo América, onde Ramón Lestayo exercía como cantante solista.
Pouco despois, formou un grupo musical xunto con Tura, compañeiro de equipo no Atlético Riveira, e outros músicos como o Sr. Costa, Manuel Fdez. Betanzos (Tijeringo) e Tucho, o recoñecido organista local. Con esta formación, actuaron en misas e festas de diversas parroquias do concello. Ademais, durante a súa etapa no Colexio Galaxia, Ramón uníuse a outros compañeiros para formar o grupo Jamuchiños, cos que tocaban nos recreos e en distintos puntos de Ribeira. A súa destreza levounos incluso a compartir escenario co lexendario grupo español Los Pekenikes na súa actuación en Coroso, unha experiencia que consolidou a súa paixón pola música.
A súa carreira profesional deu comezo no ano 1975, cando entrou a formar parte do grupo Barbanza como saxofonista, debutando nas festas da parroquia de Xuño. Durante catro anos, percorreu aldeas e vilas de Galicia, adquirindo experiencia e madurando artisticamente. No 1979, deu un paso decisivo na súa traxectoria ó unirse ó Grupo América, unha das formacións máis aclamadas do momento. Xa consolidado como un dos membros clave da banda, actuou en escenarios de renome, compartindo cartel con artistas como Los Chunguitos na Sala Delicias de Boiro e con José Luis Moreno nas festas de Ribadavia.

Cartaz promocional do grupo S.L.América.
Co Grupo América experimentou unha evolución tanto persoal como profesional. Naqueles tempos, os cantantes limitábanse a interpretar as cancións con pouca interacción co público. Ramón Lestayo revolucionou o espectáculo ó incorporar dinamismo e animación, promovendo a participación da audiencia e introducindo un formato innovador de música sen pausas, onde as cancións se enlazaban sen interrupcións, algo pouco habitual nos concertos en directo daquela época.

Imaxe promocional de Ramón Lestayo como animador musical. Ano 2024.
Ó longo da súa traxectoria, coincidiu en varias ocasións con artistas de talla internacional como Mecano, Juan Pardo, Raffaella Carrà ou Umberto Tozzi. No ámbito televisivo, no ano 1996 participou no programa de entretemento “A Repanocha” da Televisión de Galicia, logrando un notable éxito de audiencia e o recoñecemento da crítica. Posteriormente, tamén tivo presenza en varios programas do histórico e exitoso espazo televisivo “Luar”.

A cantante e actriz Chus Lestayo durante unha das súas actuacións. Imaxe do ano 2018.
Na actualidade, Ramón Lestayo continúa a traballar en diversos proxectos musicais, tanto en Galicia como en Portugal. A súa paixón pola música tamén foi herdada pola súa filla, Chus Lestayo, quen seguiu os seus pasos no mundo da interpretación musical. Chus conseguiu un notable éxito nun programa televisivo en Miami (USA), ademais de destacar como solista en varias orquestras e como animadora musical en eventos por toda Galicia.
Así, a familia Lestayo segue facendo da música a súa forma de vida e a súa esencia, mantendo viva a tradición da música popular e da animación musical a través das xeracións.
Fontes:
– Agradecementos a Ramón e Chus Lestayo pola súa grande axuda e información aportada.
– Imaxes obtidas dos perfís sociais dos artistas.
Deixa unha resposta