Partindo novamente da excelente obra publicada no ano 2022 polo autor Fernando Cabeza Quiles, titulada Toponimia de Ribeira, presentamos a continuación unha análise sobre a posible orixe dalgúns topónimos singulares da parroquia de San Paio de Carreira. Estes nomes, presentes desde tempos inmemoriais, destacan pola súa excepcionalidade, sendo practicamente únicos non só no ámbito da xeografía española, senón posiblemente tamén a nivel mundial.
AGRO DE CUÑA
Pensamos que o topónimo O Agro da Cuña, no NG 2003 Agro da Cuña, puido ser con anterioridade, antes de producirse unha falsa segmentación que interpretou a contracción da vogal do artigo coa primeira do substantivo como unha única vogal, O Agro de Acuña, en referencia a un agro (> latín agru) dun tal Acuña. Este apelido, seguramente oriúndo do lugar do mesmo nome da parroquia e do concello pontevedrés de Vilaboa, debeu existir antigamente no concello de Ribeira e levouno o cura liberal Manuel Acuña Malvar (*), unha das personaxes máis interesantes da Galicia do século XVIII, que foi párroco de Carreira entre os anos 1789 e 1792. De acordo coa nosa proposta, o Catastro de Ensenada (1752) cita, entre os muíños da parroquia de Carreira “otro de dos muelas llamado de Amendo sito en la agra de Acuña”; trátase dun dos muíños, hoxe restaurados, situados no río de Vixán ou de Amendo, que desemboca na lagoa do mesmo nome. Malia esta atestación, uns anos despois, a comprobación do Catastro (1763) rexistra o topónimo como Agro da Cuña e Agro de Cuña. Entre a toponimia maior non existe en Galicia ningún outro lugar chamado O Agro da Cuña.
(*) NOTA de xabiercs: Este lugar xa se chamaba Agro de Cuña antes de que o párroco D. Manuel de Acuña y Malvar estivera exercendo na parroquia, segundo se pode comprobar nos libros eclesiásticos.

Vista do lugar de Agro de Cuña. Ó fondo á dereita, a ría de Arousa. Ano 2012.
CASALNOVO
A primeira parte do topónimo Casalnovo (*) contén o nome común casal, termo derivado de casa que na Idade Media designaba unha explotación agrícola formada polas súas terras de labor, a casa principal, outras dependentes e as súas respectivas construcións anexas. O segundo elemento é o adxectivo novo, do latín nŏvus. Isto non implica que o topónimo sexa recente, senón que o casal que nomea foi novo no seu tempo con relación a outro próximo. Unha atestación do ano 1583 do Arquivo Histórico da Universidade de Santiago cita “lugar de Casalnobo en la feligresía de San Payo de Carreira”. O P. Sarmiento nomea nos anos 1754-1755 o de Casalnovo como un dos lugares da parroquia. A comprobación do Catastro de Ensenada (1763) rexistra o lugar de Casalnobo, “Havita una [casa] en el lugar de Casalnovo”, “Agro do Trigo sito en el lugar de Casal Nobo” e “Habita una [casa] de un alto en el lugar de Casalnovo”. Aínda que os nomes de lugar Casal e O Casal e os seus compostos e derivados son moi abundantes, o NG 2003 só rexistra outro topónimo coa forma Casal Novo no concello de Pontevedra.
(*) NOTA de xabiercs. A día de hoxe o topónimo deturpou ata converterse coloquialmente en Casanlobo.

Vista dende o monte da Cidá dos casais do lugar de Casalnovo do medio (esquerda), e de baixo (dereita). Ano 2006.
FRIÓNS
A partir dun sintagma (villa) Fredonis, xenitivo de Fredo(ne), dunha declinación Fredo(ne), -onis, teriamos hoxe Frións, co termo villa ‘granxa, grande explotación agrícola’ elidido, aínda que o topónimo tamén podería ter a súa orixe no xenitivo Fredonis sen o acompañamento do termo villa ou outro parecido. O antropónimo Fredo(ne) está atestado nun documento da colección diplomática da catedral de Lugo do ano 922, onde se cita “Castrum Fredoni ed inde ad Castrum Seniori”. Outra persoa do mesmo nome aparece nunha atestación do ano 1004 do mosteiro de Celanova, na que se dá a relación de vinatarios ou viñateiros que debían pagarlle ao citado cenobio, o dono das terras cultivadas, as cantidades anuais en viño estipuladas no foro: entre os vinatarios figura un chamado Oliti, que era fillo dun tal Fredon: “Oliti, filio de Fredon, vinatario”. Este antropónimo de orixe xermánica está formado por Fred-, da voz gótica *freth- ou *frith- ‘paz’, presente na primeira parte de moitos topónimos galegos. O topónimo Frións é único en Galicia, polo menos entre a toponimia maior. É citado polo P. Sarmiento nos anos 1754-1755 coa forma Friós como “lugar de San Payo de Carreira”. No ano 1763, na comprobación do Catastro de Ensenada lemos: “Antonio de Santa María, casa, havita una terreña en el lugar de Frións” e “La partida que dice viña do cruceiro, sito en el lugar de Friones”, herdade que ocuparía os terreos contiguos ao cruceiro de Frións, que aínda se ergue nun cruzamento viario a carón do que despois foi o primeiro campo de fútbol do Atlético de Ribeira, hai xa anos reconvertido nas pistas deportivas dun grupo escolar.
LIBOI
O lugar de Liboi está contiguo ao do Vilar de Arriba. O seu nome, coma outros rematados en -oi, debe ser a evolución do nome dun antigo posesor ou terratenente medieval dunha antiga villa agrícola. Puido chamarse Luponus, antropónimo de orixe latina. Así, a partir dunha antiga (villa) Luponi, en xenitivo, villa de Luponus, teriamos hoxe, coa normal perda do -n- intervocálico, a sonorización do -p- intervocálico en b e asimilación da primeira vogal, Liboi. Unha atestación do ano 759, contida en Diplomática española del período astur, rexistra un Luponi presbiter. O P. Sarmiento anota Liboy na súa viaxe a Galicia dos anos 1754-1755 entre os lugares de San Payo de Carreira. A comprobación do Catastro de Ensenada (1763) cita o lugar de Liboi, entre outras, nas ocasións seguintes: “La partida setenta y siete que dize agro da biña do Liboi”, “Que dize agra de Liboi”, “Lugar de Castro y agro de Liboy”, “Agra de Livoy” e “Jesús Martínez, casa, havita una de un alto en el lugar de Liboy”. O topónimo Liboi non se repite na toponimia maior de Galicia.

Imaxe aérea dalgunhas casas da Capela, ó fondo O Vilar e Liboi. Á esquerda ó fondo, a enseada de Corrubedo. Ano 2012.
MONTEVIXÁN – VIXÁN
O topónimo Montevixán puido ser antes *Monte de Vixán, forma que ao perder o seu nexo preposicional daría a actual, referida a un monte próximo ao lugar de Vixán, antes de que o lugar fose urbanizado. O DRAG define a palabra monte, en latín monte(m), cos significados de ‘elevación importante de terreo’ e ‘terreo cuberto de vexetación espontánea como toxos, fentos, silvas, arbustos etc., que pode estar poboado de árbores’. En canto a Vixán, esconde o nome dun posesor medieval, recollido por Piel e Kremer e A. Boullón Agrelo, que pode ser o documentado Vigila, nome persoal de orixe xermánica formado posiblemente polo gótico *weig ‘loita’ e o sufixo hipocorístico, familiar ou agarimoso -ila(ne). Así, dende (villa) Vigilani, co nome de persoa en xenitivo, chegariamos, desaparecido o termo villa, granxa ou un de significado similar, ao actual topónimo Vixán, que testemuña a antiga presenza no lugar dunha villa ou explotación agrícola da Idade Media propiedade de alguén chamado Vigila, antropónimo que se rexistra dende o século IX na documentación medieval. Os lugares de Montevixán e Vixán, contiguos entre si, forman parte do principal centro urbano da parroquia, localizado en Campos ou Carreira. Preto dos lugares de Montevixán e Vixán está a lagoa de auga doce de Vixán. Por outra banda, Lixó Gómez, que recolleu e estudou a microtoponimia de Sálvora, documenta na illa o microtopónimo Vixán de Baixo, nome dunha agra e dun camiño, cuxa primeira parte, Vixán, quizais se refira ao mesmo posesor medieval ou a outro do mesmo nome. Un documento do ano 1559 do Arquivo Histórico da Universidade de Santiago cita un tal “Pero de Biján, talieiro [un antigo director das operacións de pesca de a bordo], veciño da Pobra”. A mesma fonte nomea no ano 1563 os “lugares y casares que se dizen de Bigián y O Outeiro en Carreira” e, en 1580 “Pedro de Bixián, mareante, veciño da Pobra”. Outra atestación de 1604, tamén do Arquivo Histórico da Universidade de Santiago, divulgada por D. Bravo Cores, que fala da constitución dunha compañía de pesca no antigo couto ribeirense de Martín, cita un mariñeiro de nome Gregorio Bixián, coa forma antiga do topónimo, Bixián, máis próxima á súa base etimolóxica Vigilani. O NG 2003 recolle os topónimos Montevixán e Vixán como únicos.

Vista dos lugares de Vixán e Montevixán dende os carrizais da lagoa. Ano 2005.

Típico celeiro de pedra para o almacenamento e coidado do millo, en Vixán. Ano 2007.
SABARTÁN
O topónimo Sabartán debe esconder o nome dun antigo posesor do lugar. No blog Fror na area de Miguel Costa (Cossue), este explica o topónimo como procedente do antropónimo Samaritanus. Así, dunha antiga (villa) Samaritani, xenitivo de Samaritanus, poderiamos ter hoxe Sabartán co antigo m convertido no actual b por equivalencia acústica. Nun documento do ano 1098 do mosteiro de Oseira cítase unha muller de nome Samaritana. Por outro lado, segundo nos comunica o profesor G. Navaza, o topónimo podería provir dun antigo *(sala) Baltani, en referencia a unha antiga sala no sentido de ‘edificio, construción’ dun tal Baltanus, antropónimo documentado nunha atestación do ano 865 do mosteiro de Santa María de Sobrado. Tamén sería posible un antigo *(sala) Baltarii / Bertarii ou *(sub) Baltarii / Bertarii > Sobaltar > Sabartar > Sabartán. O lugar de Sabartán aparece na comprobación do Catastro de Ensenada (1763) coas formas Serbartar: “La partida nuebe que dice Serbartar”, e Sobartan: “que se dice agro de Sobartar”. Sabartán aparece como topónimo único no NG 2003.

Primeiro plano do lugar de Sabartán. Ao fondo á esquerda, o monte da Curotiña. Ano 2005.
Fontes:
– Toponimia de Ribeira. Fernando Cabeza Quiles. Ano 2022.
– NG 2003: Noménclator de Galicia do ano 2003.
– Imaxe portada, celeiro e pombal no lugar de Sampaio, ano 2006.
Deixa unha resposta