Hoxe, 9 de xuño, celébrase en Carreira a festividade da Virxe da Guía, unha data cambiante que, segundo a tradición, ten lugar cincuenta días despois do luns de Pentecostés. Esta celebración mantense viva dende hai séculos, cun fondo vencello á devoción mariñeira e ás tradicións locais.
A historia desta capela e romaxe correspondente, aínda que pouco coñecida, aparece recolleita en diversas guías turísticas locais nas que se apunta a unha posible orixe anterior ó século XV. Segundo estas fontes, o templo podería ter servido como lugar de culto para unha orde de monxes mendicantes. Porén, a ausencia de documentación coñecida que avale esta antigüidade fai que esta teoría, se ben suxestiva e de certo romanticismo, careza de base sólida e xustificada.
Detalle do retábalo da capela da Guía, ca imaxe da Virxe co Neno presidindo o mesmo. Ano 2005.
A primeira referencia documental fidedigna data do ano 1607, cando o cardeal Jerónimo Del Hoyo menciona a parroquia de San Paio de Carreira na súa obra Memorias del Arzobispado de Santiago. Nela recolle:
“SAN PAYO DE CARREIRA. Tiene esta feligresía cien feligreses. Los frutos todos al retor, que valdrán más de trescientos ducados. Dicen es presentación de Sant Martín. Hay una hermita de Nuestra Señora. La fábrica desta iglesia tiene de rentas onze ferrados de centeno y otros pocos de trigo. Hay una hermita de Nuestra Señora da Guiña.”
Portada da obra Memorias delas Iglesias del Arçobispado de Santiago. Ano 1607.
Este testemuño dá pé a unha hipótese que abre un interesante interrogante: nalgunhas referencias sacramentais tamén aparece escrita como “Nuestra Señora da Guiña” ou mesmo “Nuestra Señora daguiño”. Esta variación podería suxerir unha confusión ou derivación toponímica cara a “Nuestra Señora de Aguiño”. Con todo, trátase dunha liña de investigación que require un estudo profundo e rigoroso para chegar a conclusións sólidas.
O relato do cardeal Del Hoyo suxire que a capela puido exercer como templo principal da parroquia durante un período prolongado, ata que o seu deterioro fixo inviable a súa restauración. A falta de espazo para a súa ampliación parece ter motivado a construción dunha nova igrexa parroquial. Este modelo repítese noutros contextos, como en San Paio, onde —segundo os libros de fábrica conservados no Arquivo Histórico Diocesano de Santiago (AHDS)— no ano 1717 se ergueu un novo templo sobre os restos dunha antiga capela románica, documentada dende tempo inmemorial, restos aínda visibles na fábrica interior da igrexa.
Un aspecto singular é o emprazamento actual da igrexa parroquial, afastado do centro urbano máis poboado da freguesía, o que contrasta co habitual nas parroquias veciñas, onde os templos adoitan situarse no núcleo principal. Esta circunstancia resulta aínda máis rechamante tendo en conta que o lugar no que se atopa o templo é un dos núcleos máis pequenos dentro do termo parroquial.
Imaxe do altar e retábalo da capela da Guía. Ano 2005.
Porta de entrada principal e palco da capela da Guía. Ano 2005.
En torno á capela da Virxe da Guía foron tecidas diversas lendas de fonda raíz popular. A máis coñecida relata que uns mariñeiros atoparon unha imaxe da Virxe no mar, e que esta lles pediu ser levada á toxeira de Entrematos (ou Antromatos), onde desexaba que lle ergueran unha capela para ser acollida e venerada. Outra versión sostén que, ó vérense en perigo de naufraxio, os mariñeiros atoparon a imaxe, e tras salvarse grazas á súa intercesión, decidiron construír un templo en sinal de agradecemento.
Esta tradición oral podería ter un certo respaldo histórico. Trala Reforma Protestante, iniciada en Centro Europa no ano 1517, moitas imaxes relixiosas foron destruídas ou lanzadas ó mar dende rexións onde se impuxeron as novas doutrinas, como Alemaña, Inglaterra ou Flandes. Este contexto podería explicar a aparición dunha imaxe mariana (de tantas…) na costa galega, aínda que isto fai pouco probable a existencia dunha ermida dedicada á Virxe da Guía antes do século XVI, como suxiren certas fontes non contrastadas.
Imaxes da procesión da Guía subindo cara ó adro da capela, tomadas nos anos 50 do pasado século.
As investigacións nos libros parroquiais conservados no AHDS non proporcionan datos específicos sobre a construción da capela, máis si permiten situar o comezo do culto formal á Virxe da Guía no ano 1897. Nese momento, as confrarías activas dende facía séculos e rexistradas na parroquia eran as do Rosario, San Roque e o Santísimo Sacramento, sen que se mencione aínda a da Virxe da Guía.
Cómpre destacar que consta nos libros de fábrica unha reforma do templo no ano 1903, tal e como recolle unha placa de pedra situada sobre a entrada principal, aínda que hoxe en día se atopa case ilexible.
Imaxe do Sagrado Corazón de Xesús, o cal sale en procesión polas rúas, e que está custodiado nesta capela. Ano 2005.
O lugar onde se sitúa este famoso e carismático templo relixioso é coñecido dende sempre como a Toxeira de Entrematos, pero co paso do tempo, deu paso á denominación común do lugar chamado A Capilla, hoxendía normativizado A Capela, todo iso como non, por mor desta construción alí establecida.
Fontes documentais:
– Archivo Histórico Diocesano de Compostela – AHDS.
– Agradecementos a D. Ricado Viilaverde Gondar, párroco de San Paio de Carreira.
– Imaxe portada. Foto Eugenio (Ribeira). Ano 1983.
– Imaxes procesión: María Matilde Alonso (In Memoriam). Anos 50.
Deixa unha resposta