O fútbol, recoñecido como o deporte máis popular a nivel mundial, ten as súas orixes nas antigas civilizacións, onde xa se practicaban xogos de pelota con características similares ás do fútbol moderno. Neste contexto, o Carreira C.F., presente de maneira informal desde os anos sesenta do século XX, foi legalmente constituído no ano 1976.
A solicitude de afiliación á Federación Galega de Fútbol foi presentada o 7 de xuño dese mesmo ano, e o club quedou oficialmente inscrito o 17 de setembro do 1976 co número 8068, na Delegación de Educación Física y Deportes de Madrid. A súa fundación formal materializouse nunha asemblea celebrada o 22 de maio do 1976 en Carreira, promovida por D. Manuel González Sampedro, coñecido popularmente como “Manolo O Bicho”, ca colaboración de numerosos veciños da parroquia, entre eles o daquela cura párroco, D. Alejandro Bello García. Todos eles compartían un mesmo propósito: crear unha sociedade deportiva centrada na práctica do fútbol. Grazas ó seu esforzo e compromiso, o Carreira C.F. cumplirá o vindeiro ano cinco décadas de traxectoria deportiva.

Equipo de fútbol de Carreira a mediados dos anos 50 do século pasado.
Primeira Xunta Directiva – Ano 1976
- Presidente: D. Manuel González Sampedro
- Vicepresidente: D. Francisco Paz Santamaría
- Secretario: D. Ramón Mos Álvarez
- Vicesecretario: D. Manuel Dios Pena
- Tesoureiro: D. Alejandro Bello García
- Vicetesoureiro: D. José Muñiz Gude
- Contador: D. Juan Prego Paz
- Vicecontador: D. Antonio Pena Sieira
- Relacións Públicas: D. Emilio Rodríguez López
- Vogais: D. Luis Rosal Doce, D. Marcial Vázquez Lojo, D. Andrés Fernández López, D. Manuel Lampón Dios, D. Serafín Paz Santamaría, D. Germán Santos Santamaría, D. Emilio Villaverde Camino.
Cómpre destacar a importante participación doutros veciños de Carreira e das parroquias próximas no desenvolvemento e consolidación do club ó longo dos seus primeiros anos. Entre estas persoas atópanse nomes como Antonio Vidal Mos, Manuel Pérez Reiriz, José Crujeiras, Ramón Pego Cabezudo, José Sampedro, Romay, Ramón Blanco, Leoncio Varela, Feliciano Patiño, Manuel Pombo, José Vilar, Ameal, Serafín de Rego, Manuel García, ou a familia García Picher, entre outros moitos (*).
(*) NOTA: É moi posible que nesta relación falten algúns nomes, non por desleixo, senón por esquecemento involuntario. Por iso, pregamos que ninguén se sinta ofendido, xa que o recoñecemento é extensible a todas aquelas persoas que, dunha ou doutra maneira, contribuíron co seu esforzo e dedicación ao crecemento do Carreira C.F.

Adestradores e xogadores no vello campo de Frións. Ano 1976.
O campo de fútbol da Guía
Nos seus primeiros anos de traxectoria, o equipo disputaba os seus encontros no histórico campo de Frións, instalación que foi clausurada posteriormente para dar paso á construción dun colexio público. Esta circunstancia impulsou á directiva do club a adquirir uns terreos situados no centro urbán da parroquia, onde se edificou o actual Campo da Guía, nomeado así en honra á patrona local.

Histórica formación do Carreira C.F. no campo de Frións na súa primeira tempada como equipo federado. Piñeiro, Prol, J. María, Suso, Ricardo (P), González, Manuel Dios (Directivo), Martís, Tomás, Crujeiras, Tucho, Pachicho e Manolo. Ano 1976.
Como xa se comentou noutro artigo anterior deste blog, as obras de construción do novo campo concluíron no ano 1978, aínda que a inauguración oficial tivo lugar o 4 de xuño do 1979, coincidindo ca festividade local da Virxe da Guía. A celebración contou cun partido amigable de gran relevancia entre o R.C. Deportivo da Coruña e o R.C. Celta de Vigo, os mellores equipos galegos de tódolos tempos.

Equipo da tempada 1977-78. Prol, Domingo, Francisco, José María, Vidal, Serafín (P), Geno, Piñeiro, Martís, Tomás e Cachiñas.
O Campo da Guía é propiedade colectiva dos socios, que na actualidade suman arredor de 130. No ano 2013, nunha xuntanza de socios, acordouse a cesión das instalacións ó Concello de Ribeira por un período de 25 anos, cesión que comezou a facerse efectiva no ano 2017 trala instalación de céspede artificial por parte da administración local.

Manuel Dios (Directivo), Ventura, Geno, Caamaño (P), José María, González, Suso, Vidal, José Antonio (Adestrador), Vila, Nito, Tomás, Melenas, Taconero, Oujo, ?, Barrantes e Mariscal. Equipo da tempada 1981-82.
Na actualidade, o campo conta con completas instalacións deportivas: aparcadoiro, tres vestiarios totalmente equipados, vestiario de árbitros, oficina, lavandería, baños para o público, cantina, grella, bancada cuberta, pista de fútbol sala e un terreo de xogo de 90×65 metros. Todo o recinto está pechado perimetralmente e dispón de iluminación artificial, o que permite a realización de adestramentos en horario nocturno.
Evolución dos equipos
Desde a súa fundación, o equipo afeccionado do Carreira C.F. participou, ao longo da súa traxectoria, en varias categorías do fútbol galego. Compiteu maioritariamente na 2ª Rexional, con presenza destacada na 1ª Rexional durante varias campañas e unha tempada na 3ª Rexional. Ó longo deste percorrido deportivo, acadou numerosos logros, entre os que se inclúen campionatos de liga, o subcampionato da Copa do Sar na tempada 1995-1996, así como múltiples trofeos en torneos amigables. Destaca especialmente a súa participación no Trofeo Concello de Ribeira, onde o club ostenta o maior número de títulos a nivel municipal en tódalas categorías.

Equipo feminino do Carreira C.F. José Antonio (Adestrador), Gloria (P), Mª José, Eva, Mª José, Juana, Mª Jesús, Rosa (P), Pacucha, Mª José, Marisol, Rosa, Carmiña, Lola e Mariló. Verán do ano 1983.
No ámbito do fútbol feminino, existiu unha iniciativa local que, malia o seu interese e participación, non chegou a consolidarse nun equipo federado, limitando a súa actividade á celebración de torneos estivais ou partidos amigables nas festas populares de verán.
Un dos episodios máis complexos da historia do club tivo lugar na tempada 2007-2008, cando o equipo sénior sufriu o descenso á 3ª Rexional. Debido á falta de compromiso por parte dalgúns xogadores, así como a outras circunstancias alleas á vontade da entidade, o Carreira C.F. decidiu darse de baixa da competición sénior logo de tres décadas de actividade ininterrompida. A partires dese momento, optouse por centrar os esforzos nas categorías inferiores.
Despois de tres tempadas sen representación sénior, na liga do 2012-2013 o equipo de veteranos retomou a competición oficial, marcando así un novo capítulo na traxectoria do club.

Equipo gañador do Trofeo Concello de Ribeira do ano 1984. Antonio (P), Angel, Vidal, Piñeiro, Paulino, Geno, Mariscal, Toño, José Ramón, Pirri, Lampón, Callón, Pataco, Ventura e Manolo.
Categorías e actividade actual
Actualmente, o Carreira C.F. mantén as seguintes categorías activas (tempada 2024-2025):
- Biberóns
- Prebenxamíns
- Benxamíns (2 equipos)
- Alevíns (2 equipos)
- Infantís
- Cadetes
- Xuvenís (en proceso…)
- Seniors
- Veterans
O club conta con arredor de 130 licenzas federativas, sendo un referente na formación de mozos deportistas. O seu enfoque principal é a canteira, funcionando como unha auténtica escola de fútbol. Os adestramentos están dirixidos por monitores especializados, con material deportivo e didáctico axeitado. A actividade concéntrase entre setembro e xuño, aínda que tamén participan en maratóns, torneos e campionatos locais durante o verán. Compre destacar que dende fai uns anos, o Carreira C.F. organiza un campus de verán, donde veñen rapaces e rapazas de distintos lugares da bisbarra, incluso de Madrid, o País Vasco ou mesmo dende os EEUU, durante todo o mes de xullo.
Compromiso ca formación deportiva
Dende os seus comezos, o Carreira C.F. apostou polo deporte de base, ofrecendo unha escola de fútbol aberta a toda a comunidade. O obxectivo é fomentar valores como o respecto, o esforzo, a convivencia e a humildade por enriba dos resultados deportivos.
Os adestramentos e competicións desenvólvense principalmente entre setembro e xuño, e durante o verán participase en torneos e maratóns. As actividades realízanse con adestradores titulados e materiais específicos.
Figuras relevantes vinculadas ó Club
José Ramón e Fran González Pérez: formados no Carreira C.F. ata os anos 1985 e 1986. Posteriormente xogaron no Fabril Deportivo e no R.C. Deportivo da Coruña, onde destacaron no histórico equipo do Super Dépor. Os seus logros inclúen:
- Ascenso a Primeira División (1991)
- 1 Liga (1999-2000)
- 2 Copas do Rei (1995 e 2002)
- 3 Supercopas de España (1995, 2000, 2002)
- Fran foi internacional en 16 ocasións ca Selección Española, marcando 3 goles.
Presidentes do Club
- Manuel González Sampedro – Presidente Fundador e Presidente de Honra.
- Ramón Mos Álvarez
- Francisco Paz Santamaría
- José Muñiz Gude
- Manuel Dios Pena
- Manuel Sieira Mariño
- Juan Manuel Prego Paz
- José Pérez Pego
- José Benito Calvo Blanco
- Francisco Sieira Fernández
- Manuel Lampón Dios
Homenaxeados polo Club
- José Antonio Ventoso Mariño, adestrador con máis de 25 anos no banco, nomeado Socio de Honra no ano 1983.
- José Dios Pérez “Barrantes”, figura entrañable do club, desenvolveu múltiples funcións (encargado de campo, masaxista, cantineiro, utilleiro, etc.). Foi homenaxeado postumamente o 5 de marzo do 1994.
Logo de 50 anos de historia, centos de xogadores, adestradores, directivos e gran cantidade de persoas comprometidas ca súa parroquia, o Carreira C.F. continúa a ser un verdadeiro referente do deporte local, non só como club deportivo, senón como escola de valores, convivencia e identidade comunitaria. É unha honra para o pobo de Carreira contar cunha entidade que representa o esforzo, a humildade e o orgullo de todo un pobo. Que veñan moitos anos máis de fútbol, amizade e ilusión!
– Agradecementos a Eugenio Millán, “Geno”, pola súa grande axuda e información aportada.
Deixa unha resposta