A goleta era un navío de vela, lixeiro, xeralmente de dous paus, ben disposto para levar mercadorías de pouco peso e grande valor, e afamado pola súa velocidade e maniobrabilidade, que lle permitía librarse de corsarios e outras embarcacións de guerra no caso de verse ameazado.
Ano do Señor de 1811, en día 2 de agosto. Dase noticia certa de que, na tarde de onte xoves, arribou á enseada chamada do Castro de Carreira unha goleta da nación británica, procedente de Lisboa, no Reino de Portugal, e destinada á capital inglesa, cargada cunha mercadoría de cítricos. Os fortes ventos do norte contrarios á ruta, e as fortes rachas que baten o mar na costa, son a causa de que dita embarcación non poida proseguir a súa derrota, víndose obrigada a botar ferro fronte á enseada para acollerse a seguro.

Parte do informe onde se da conta do fondeo de dita embarcación na antigamente chamada Praia do Castro. Ano 1811.
Chegadas ó lugar as autoridades marítimas competentes da Axudantía do Caramiñal, tomouse declaración ós mariñeiros, quenes fixeron saber que, cando eles saíran de Lisboa facía arredor de media semana, estaba entrando nese porto un grande convoi da súa nación, composto de arredor de trescentas velas, cargado con tropas e armamento, destinado a entrar en servizo contra o Exército do Emperador Bonaparte, o cal naqueles anos tiña posta a península ibérica baixo a súa invasión e dominio militar. Compre lembrar que, nesa contenda, as nacións portuguesa, española e británica mantiñan firme alianza e loitaban xuntas contra as armas francesas, en defensa da súa liberdade e independencia.
Esta nova dá mostra da potencia naval de Inglaterra, que neses tempos de turbación comeza a dominar os mares, e fai valer o seu auxilio contra o daquela común inimigo de Europa, a todo poderosa Grande Armée francesa.

Parte dunha carta náutica onde aínda aparece o topónimo Playa del Castro na actual praia do Vilar. Ano 1910.
Engádese, para maior memoria, que a dita praia coñecida hoxe pola maioría co nome de Praia do Vilar ca conseguinte enseada de Corrubedo; en tempos pasados levaba o nome de Castro de Carreira, pola súa proximidade ó monte, punta, e poboación homónimas, daquela unha das máis notables da comarca, baixo cuxo termo parroquial lindante co Couto de Corrubedo na pedra da Ferreira, se compartía dita enseada.
Fontes:
– Cadro portada (fragmento): A British Topsail Schooner. William Clark, ano 1833.
– Carta de la Ría de Arosa (fragmento). Comisión Hidrográfica. Vapor Urania. Ano 1910.
Deixa unha resposta