O mércores 13 de novembro do ano 2002, o petroleiro de operacións na sombra (*) Prestige, que transportaba aproximadamente 77.000 toneladas de fuel óleo, iniciou o que sería un dos maiores desastres ambientais da historia do noso castigado planeta.
Mentres navegaba próximo á costa galega, o petroleiro comezou a amosar graves problemas na súa estrutura, concretamente por mor das adversas condicións meteorolóxicas que afectaron e deterioraron o seu vello e oxidado casco. Este colapso estrutural provocou que o buque se fracturase en dous, vertendo unha enorme cantidade de fuel nas augas do océano Atlántico. O vertido alcanzou unha extensión que cubriu preto de 2.000 quilómetros de costa española, portuguesa e francesa, xerando unha catástrofe ambiental sen precedentes.

Imaxe do afundimento do petroleiro Prestige. 19/11/2002.
Durante varios días de angustiosas tentativas por estabilizar a situación, as autoridades españolas, baixo a dirección do goberno central de Madrid, tomaron a errada e desastrosa decisión de remolcar o petroleiro cara ó norte, afastándoo da costa. Non obstante, esta acción resultou ser un erro fatal. O fuel, en lugar de ser contido, estendeuse paulatinamente ó longo de toda a costa galega, chegando ás praias e cantís, e afectando profundamente o ecosistema mariño. A fauna local sufriu enormemente, e as praias, rochas e fondos mariños quedaron cubertos por unha capa espesa de fuel, causando a morte de milleiros de especies mariñas e xerando unha crise ecolóxica sen precedentes.

Portada de La Voz de Galicia do 4 de decembro do ano 2002.
Mentres a catástrofe se expandía, nas praias galegas leváronse a cabo medidas urxentes para tratar de minimizar os danos. Do mesmo xeito que no resto da nosa Comunidade, a costa de Carreira, cas praias do Vilar e Anquieiro, foi das primeiras en recibir intervencións intensivas. Usando maquinaria pesada como escavadoras e palas, formáronse barreiras naturais para impedir que o fuel chegase ó interior das lagoas de Vixán e do Carregal, ecosistemas extremadamente fráxiles e de moi alto valor ambiental. A pesares das dificultades e do traballo exhaustivo que isto requiría, o esforzo resultou ser un éxito, xa que as lagoas se salvaron da destrución total que terían sufrido se o fuel chegara a entrar nelas. Esta acción, que implicou moitas horas de intensa labor por parte dos equipos de emerxencia, foi un dos poucos aspectos satisfactorios na xestión da crise, pois sen ela, estas zonas húmidas, que albergan unha rica biodiversidade, corrían o risco de seren destruídas para sempre.

Captura de imaxe de TVE2 dando conta dos traballos de limpeza na praia do Vilar. Decembro 2002.

Construindo a barreira de area para protexer a lagoa de Vixán. Decembro 2002.


Barreira de sacos de area construida na desembocadura da lagoa de Vixán, en Anquieiro. Decembro 2002.
A indignación entre a poboación tamén se xeneralizou pola xestión inadecuada da crise. As autoridades foron moi criticadas pola súa inacción, pois, malia as alertas previas e a proximidade do desastre, non se tomaron medidas preventivas eficaces. Esta falta de resposta desencadeou unha onda de frustración entre a cidadanía, que se sentiu desamparada polo goberno ante un desastre anunciado que acabou por suceder da peor das maneiras posibles.
A pesares do que poida parecer, a nivel social e económico, o Prestige non marcou un antes e un despois para Galicia. O impacto foi devastador para a natureza e todo o ecosistema mariño, e xerou unha onda de protestas cidadás contra a xestión política da crise por parte dos gobernos central e autonómico. Porén, malia o acontecido e as fortes demandas de rendición de contas, a maioría desas peticións quedaron sen resposta. Os responsables políticos e compañías xestoras internacionais quedaron impunes e o xuízo converteuse nun auténtico fracaso, ó non haber responsable algún que reparase os danos nin que pagase polas súas culpas. Este desastre quedou como unha proba de incompetencia política e social, pois os sectores afectados non foron quen de impor a súa forza, criterio, sentido común, nin de defender o seu medio de vida, chegando mesmo, co paso dos anos, a seren matizados algúns aspectos do desastre por determinados sectores tralas compensacións económicas que se xestionaron e que mudaron a percepción de moitos afectados. Un paradoxo amargo pero real, que mostra como as solucións económicas tamén poden alterar a percepción do dano e a súa memoria histórica.

Imaxe dun agonizante mascatiño cheo de fuel óleo nunha praia da Costa da Morte. Decembro 2002.
Nota: (*) O buque estaba rexistrado en Grecia e tiña bandeira de Bahamas. A empresa propietaria era de Liberia. A navieira que o explotaba era de Grecia. A carga era propiedade dunha compañía rusa con sede en Suiza. Non se sabía o destino final da carga, xa que no caderno de bitácora do barco non figuraba, ainda que en principio suponse ía para Singapur, tiña ordes de quedarse á espera en Xibraltar. Como se pode apreciar, o de “operacións na sombra” quédase curto.
Imaxes:
Portada e Prestige: Ecologistas en Acción. Ano 2002.
Mascato: Diario El País. Madrid. Ano 2002.

Deixa unha resposta