O que fóra cura párroco de Carreira entre os anos 1789 e 1792, D. Manuel de Acuña y Malvar, do cal xa se fixo referencia en diversos artigos deste blog, tivo unha vida intensa e destacada no ámbito eclesiástico, político e social durante a época comprendida entre finais do século XVIII e a primeira metade do século XIX.
Sen dúbida, un dos exemplos máis relevantes da súa traxectoria foi o ambicioso proxecto que decidiu emprender ao chegar a San Paio, unha iniciativa que, aínda hoxe, segue xerando amplo interese e debate.
Cando o cura Malvar chegou á parroquia, viña cargado de ideas novas e dunha fonda inquedanza por mellorar a vida dos seus fregueses. Non se conformaba co papel limitado dun simple pastor de almas: quería transformar a realidade material da veciñanza, que malvivía cos escasos froitos que lograba arrincar das súas pequenas leiras. Foi entón cando concibeu un proxecto ambicioso, chamado a deixar unha fonda pegada na comarca durante moitas décadas.
A súa visión era clara: existían na contorna amplas extensións de fértiles terras baldías, incultas e desaproveitadas, todas elas en mans privadas e improdutivas. Se esas terras pasaban a ser traballadas polos veciños, o beneficio sería común, non só para Carreira, senón tamén para as parroquias próximas. Con esta idea no pensamento, ante o Consejo de Castilla, solicitóulle ó Rei Carlos IV mediante unha Real Cédula, que se lle permitira facerse con aqueles espazos para logo repartilos entre quen estivera disposto a traballalos. As zonas solicitadas incluían terras en Couso, Pepín, Aguiño, Cochón, Perico, Paredes e tamén a illa de Sálvora. Case todos eses terreos estaban en mans de D. Vicente Caamaño y Gayoso, Señor de Goyanes, unha poderosa casa señorial da época.
Mais o soño do cura viuse truncado por acontecementos que escapaban ó seu control. A invasión da península ibérica polas tropas napoleónicas trouxo consigo unha situación convulsa e perigosa. Foi entón cando Manuel Acuña destacou como un dos grandes protagonistas da resistencia en Galicia. O seu papel excedeu con moito os límites da parroquia: participou activamente na organización e dirección da loita contra o exército francés, alentando as xuntas locais e colaborando na mobilización popular. A súa figura converteuse nun símbolo de firmeza e compromiso patriótico, lembrado en toda Galicia como un dos homes que contribuíron a manter a unidade e a dignidade fronte ó invasor. Pouco despois, porén, foi chamado a maiores responsabilidades e trasladouse a Santiago, onde recibiría a dignidade de cóengo da Catedral. Alí, o cura Malvar viviu non poucas desavenencias cas xerarquías eclesiásticas, sobre todo polas súas ideas liberais, contrarias ás posicións conservadoras dos rexedores da Igrexa Compostelá.
A súa ausencia deixou o proxecto sen dirección, e axiña xurdiron os problemas. As familias máis poderosas da parroquia tentaron apropiarse das mellores parcelas, en detrimento das familias humildes para quen foran pensadas. A disputa provocou fondas divisións entre os veciños e desembocou nunha auténtica guerra interna: sabotaxes, rompementos de valados, queimas de alboios, denuncias, encarceramentos… Aquel que nacera como un plan para a unión e o progreso acabou converténdose nun motivo de rencor e enfrontamento.
A historia, porén, non rematou aí. Pasados os anos de maior conflitividade, o proxecto foi recuperado por iniciativa do propio Manuel Acuña, xa cunha posición distinta na Igrexa, mais mantendo o mesmo espírito reformador. O preito mantívose vivo durante décadas, estendéndose mesmo máis alá da súa morte. Foron os seus herdeiros quen tiveron que asumir a pesada carga de continuar co proceso, buscando unha solución definitiva a un conflito que se prolongou no tempo e que deixou unha fonda pegada na memoria da parroquia.
Así, o chamado “proxecto do cura Malvar” converteuse nun episodio singular da nosa historia: a historia dun home que, dende a súa pequena e humilde parroquia galega, soñou con transformar a sociedade do seu tempo; dun patriota que xogou un papel protagonista na loita de toda Galicia contra o invasor francés; e dun proxecto que, lonxe de culminar como fora concibido, acabou deixando nas mans menos indicadas todos aqueles terreos que foran solicitados ó Rei para o aproveitamento dos fregueses, sen que finalmente chegase a cumprirse o seu propósito orixinal. Mais, como xa dixemos anteriormente, esa é outra historia…

Deixa unha resposta