Conservase unha tarxeta postal da década do 1920 que ofrece unha valiosa panorámica histórica do centro urban de Carreira, tomada dende os campos do lugar de Listres. A imaxe constitúe un documento gráfico de grande interese para comprender a configuración territorial e paisaxística da zona no primeiro terzo do século XX.
Este tipo de tarxetas postais formaba parte das coleccións editadas e distribuídas por unha coñecida tenda de Ribeira chamada El Barato de Ribeira, local comercial que desempeñou un papel fundamental na difusión de imaxes do municipio e das súas parroquias, as cales chegaron a tódolos cornechos do país como así nolo proban os diversos enderezos postais nelas escritos. Grazas ó seu labor editorial, moitas destas tarxetas chegaron ata a actualidade nun notable estado de conservación.

Ó fondo podemos apreciar totalmente pelado o Monte da Cidá visto dende o lugar de Listres. Circa 1920.
Este local comercial estaba situado na rúa Venecia, actualmente rúa de Galicia, nº 22, e dedicábase principalmente á venta de calzado, e naquela época, era coñecido polos seus prezos económicos. “Llévese uno y pague bis”, era un slogan que utilizaban e que as xentes de Ribeira tiñan moi presente, tanto que deu paso a coñecer ós propietarios do local como os “bis-bis”… que cousas ! Uns grandes visionarios das ofertas que deixan pequeno o famoso Black Friday que hoxe se celebra en todo o mundo.
A maior parte das imaxes publicadas por este comercio recollían esceas do casco urbán de Ribeira —prazas, rúas principais, o porto, ou edificios emblemáticos—. Porén, tamén se editaron imaxes correspondentes ás diferentes parroquias do concello, como Ribeira, Palmeira ou Corrubedo, que permiten documentar a diversidade paisaxística e social dun territorio en constante evolución.
A postal que representa Carreira encaixa neste conxunto heteroxéneo de estampas históricas. A súa relevancia non só reside no valor documental e artístico da fotografía, senón tamén na súa capacidade para contribuír á reconstrución da memoria colectiva da comunidade, ofrecendo unha visión clara da evolución urbanística e cultural da contorna. Nela, pódese apreciar o traballo no campo, perfectamente limpo e ordenado, así como algunhas das vivendas que a día de hoxe ainda se recoñecen na imaxe.

Tarxeta postal editada nos anos 20 do pasado século por El Barato de Ribeira. Circa 1920.
Pezas como esta constitúen unha fonte de grande utilidade para investigadores, historiadores locais e persoas interesadas no patrimonio material, ó tempo que axudan a preservar a identidade visual e emocional dun concello marcado pola súa tradición labrega e mariñeira e pola riqueza do seu pasado.
Fontes:
– Agradecementos a José Manuel Lustres “Chenel” (Ribeira), pola súa grande axuda e información aportada.
AVISO LEGAL: Todo o contido deste blog está protexido pola lexislación actual. Non está permitida a copia, distribución de contido nin reprodución sen o permiso do autor. © xabiercs. Reservados tódolos dereitos. Dep. Legal C 1486-2025.

Deixa unha resposta