Un proxecto social fallido

A mediados do século pasado impulsouse un proxecto do Instituto Social de la Marina destinado á construción dun conxunto de vivendas protexidas no lugar da Tasca, preto do porto de Aguiño. Tratábase dunha superficie de 17.010 m² localizada no lugar coñecido popularmente polos veciños como Os Modorróns: unha zona areosa, salgada e inculta situada a carón do mar, sen uso industrial nin habitacional, onde os mariñeiros adoito estendían ó sol os aparellos empregados na pesca do cerco para o seu mantemento e reparación.

A iniciativa xerou unha grande expectación entre a veciñanza da época, xa que, do mesmo xeito que ía acontecer en Ribeira ca construción das posteriormente chamadas casas baratas, preveríase a construción de modernas vivendas destinadas ás familias con menos recursos, neste caso, a xentes do mar. Os terreos foran doados polo Concello de Ribeira en xuño do ano 1949 ca finalidade de levantar 60 vivendas para mariñeiros. Porén, ó non materializarse o proxecto, a propiedade retornou ó Concello no ano 1960.

Imaxe da zona dos modorróns, no lugar da Tasca, en Aguiño, arredor do ano 1985.

Do mesmo xeito, no ano 1952 aqueles terreos volveron ser cedidos, desta volta para a construción da Casa del Pescador, outro proxecto que tampouco chegou a executarse nese emprazamento —aínda que finalmente si se construíu no porto de Aguiño—. Ademais, no ano 1959 a Cofradía de Pescadores de Carreira solicitou ese mesmo espazo para a creación dun secadoiro de redes, iniciativa que tampouco prosperou.

Na zona dos Modorróns levantouse o edificio da nova central telefónica mailo campo de fútbol. Circa 1975.

A Cofradía de Pescadores de Carreira amosou especial interese na materialización destas propostas e mantivo comunicacións formais co Instituto Nacional de la Vivienda. A continuación transcríbese unha das cartas enviadas pola entidade ante dito organismo.

Carta enviada pola Cofradía de Pescadores de Carreira ó Camarada Delegado do Instituto Nacional de la Vivienda, na Coruña.

En cumplimiento del escrito transcrito por el Ayuntamiento de Riveira recibido del Excmo. Sr. Comisario del Instituto Social de la Marina, le rogamos encarecidamente, se sirva indicarnos el valor que puede atribuirse a los terrenos en los que se ha de construir el Grupo de Viviendas Protegidas con destino a los pescadores de este Puerto, que se construirán en el lugar llamado “TASCA”.

Si se necesitasen más detalles, agradeceríamos nos los solicitasen a la mayor brevedad posible, para que a nuestra vez se los pediremos al Ayuntamiento de Riveira, que es el Organismo que nos cede los referidos terrenos.

Por Dios, España y su Revolución Nacional Sindicalista.

Carreira, 23 de Agosto de 1950. EL PATRON MAYOR. Francisco Millares.

CAMARADA DELEGADO DEL INSTITUTO NACIONAL DE LA VIVIENDA. LA CORUÑA.

Fontes:

– Daniel Bravo Cores. “Historia de Riveira 1200-1975, una singladura de 800 años“. Ano 2001.

– Asoc. Fco. Lorenzo Mariño. “Aguiño, 50 anos de parroquia: historia e memoria dun pobo mariñeiro“. Ano 2009.

– Imaxes: Antonio Parada Mariño (Aguiño).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Basado en WordPress traducido por egalego.com | Tema: Baskerville 2 por Anders Noren

Subir ↑