Ribeira, ollando atrás

Chegamos ó artigo número 100 deste blog cun breve percorrido pola memoria gráfica de Ribeira, a cidade arredor da cal xira a vida do noso concello.

Presentamos unha escolma de fotografías correspondentes a distintas etapas do século XX, nas cales se pode apreciar a transformación experimentada por esta antiga vila mariñeira, fai un século coñecida como a cidade branca da Arousa. Un proceso de cambio que, lamentablemente, estivo marcado por unha deficiente xestión administrativa no relativo ó planeamento urbano, o que provocou a desaparición de boa parte dos escasos vestixios históricos que aínda se conservaban. Cómpre lembrar que esta singularidade urbana fora merecedora, nos anos cincuenta, dun recoñecemento a nivel estatal polo embelecemento da vila.

Convén salientar tamén, que o rápido crecemento da cidade impulsado polo desenvolvemento da industria do mar, non foi acompañado dun ordenamento urbanístico acorde cas novas necesidades. Esta falta de planificación derivou nunha estrutura urbana pouco axeitada para a convivencia equilibrada entre peóns, vehículos, vivendas, e zonas verdes, unha situación que, afortunadamente, nas últimas décadas se está a tentar corrixir mediante diversas actuacións de mellora e reordenación do espazo público.

A desaparecida praia do porto de Santa Uxía, cas ramplas dos almacéns Martínez e Cardona en primeiro termo. Circa 1939/40.

Parte da Alameda de Ribeira, vista ollando ó mar, pola actual rúa Rosalía de Castro. Circa 1939/1940.

Unha vista do malecón de Ribeira, feito no ano 1952, cas fábricas de Cardona, Martínez (o Abadiño) e talleres Nervión en primeiro termo, nunha imaxe de mediados dos anos 60.

Vista aérea da daquela recén inaugurada lonxa de Ribeira, ca frota do cerco atracada. Ano 1965.

O peirao de Ribeira, amosando á esquerda en primeiro termo unha parte da fábrica de Martínez, e máis o taller El Nervión. Un pouco máis á dereita, a nova lonxa, cas ramplas na súa fronte, e as chabolas que se estaban a construir. Imaxe do ano 1966.

Imaxe do centro urbano de Ribeira, ca vella Casa Consistorial en primeiro termo, por enriba, a súa esquerda, o edificio grande de talleres Nervión, contruido con moita pedra extraída do monte da Cidá. Imaxe do ano 1969.

Arco da entrada principal da Alameda de Ribeira, nunha imaxe do ano 1969.

A actual Praza do Concello, máis coñecida popularmente como A Alameda, nunha imaxe do ano 1984.

Vista aérea do lugar de Bandaorrío, ca fábrica de Conservas Cerqueira en primeiro termo. Imaxe de finais dos anos 60.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Basado en WordPress traducido por egalego.com | Tema: Baskerville 2 por Anders Noren

Subir ↑