Antes da introdución dos modernos sistemas satelitais de posicionamento como o GPS, ou ata non fai moito os sistemas terrestres Decca, Loran-C ou Omega, a navegación marítima dependía case que por completo do coñecemento empírico do medio, acompañado dunha serie de instrumentos mecánicos como o astrolabio ou o sextante, así como de documentos técnicos en papel, máis coñecidos como derroteros.
Estes derroteros, constituían guías náuticas manuscritas ou impresas, nas que se describían con grande precisión as características do litoral, os accesos ós portos, os accidentes xeográficos visibles dende o mar e os perigos ocultos para a navegación, como baixos, arrecifes ou restingas. Os derroteros non se limitaban a enumerar puntos costeiros: ofrecían instrucións detalladas de navegación, indicando rumbos e distancias entre referencias mediante o uso sistemático da rosa dos ventos. Incluían tamén descricións do perfil visual da costa —montes, cabos, esteiros, illas ou enseadas— que permitían ó navegante recoñecer a súa posición a partir da simple observación, así como datos fundamentais sobre correntes, mareas e fondeadoiros. Con frecuencia, estes textos ían acompañados de debuxos a man alzada do litoral, concibidos como apoio visual para facilitar o recoñecemento dende o mar.

Parte dunha carta mariña francesa do ano 1793, baseada no derrotero de D. Vicente Tofiño.
Nos séculos XVIII e XIX, a complexa fachada atlántica galega e, en particular, a entrada da Ría de Arousa, foi obxecto dunha notable sistematización cartográfica e descritiva. Neste eido, destacan os traballos do menorquin D. Pedro Riudavets y Tudury, e máis do gaditano D. Vicente Tofiño de San Miguel, cuxas obras marcaron un punto de inflexión na navegación científica en España. Os seus derroteros combinaban observación directa, medicións coidadosas e unha clara vocación técnica, orientada a mellorar a seguridade da navegación e a eficacia do tráfico marítimo, así como dunha impecable descrición da costa e a súa contorna.
Considerados durante moito tempo información estratéxica, estes derroteros foron fundamentais para o comercio, a pesca, a exploración e a defensa naval. Hoxe, máis alá do seu valor náutico, constitúen fontes históricas de primeira orde que permiten comprender como os mariños interpretaban o espazo marítimo e transformaban a experiencia da navegación en coñecemento técnico, moito antes da chegada da navegación electrónica moderna.
No derrotero de Pedro Riudavets do ano 1867, aparece unha descrición da actual enseada de Corrubedo, na que como curiosidade, podemos comprobar que o nome antigo da hoxe coñecida como praia do Vilar era o de praia do Castro, xa que o monte do mesmo nome vén rematar no medio desta inmensa e fermosa praia, denominación esta totalmente esquecida a día de hoxe.
“La punta del Castro, llamada también de la Ciudad, es una derivación del monte del Castro, mencionado en la página 447. Está a 1’3 milla 40º E de la de Anguieiro, e interrumpe la línea curva que sigue la playa del Castro, que va a terminar por enfrente del lugar de Corrubedo“.

Fragmento do derrotero de Pedro Riudavets referida á enseada de Corrubedo. Ano 1867.
Non tan detallado nin tan completo, pero si moi acertado malia ser 78 anos máis antigo, é o derrotero de Tofiño, do ano 1789. Neste aparecen varias descricións da costa de Carreira das que compre destacar as seguintes:
“Punta de Carreyra. Desde el cavo Corrobedo, corre la Costa al SE. tres y media millas, á cuya distancia está la Población y Costa de Carreyra, entre cuyos puntos hace la Costa Ensenada hacia el NE. cuyo fondo es playa con dos islotillos: desde el Cabo principia a altear la Costa, que es de piedra y escarpada, de color negro hasta la playa, y desde el fin de esta hasta la Punta de Carreyra es igualmente escarpada, más alta y de color arena.“
“Islotes de Carreyra. Al SO. de esta Punta milla y media, y al SSE. de Cavo Corrobedo quatro y media millas está un Islote no muy alto tendido del NO. al SE. todo de piedra y cortado á pique con una porción de Islotillos desde él a la Punta de Carreyra que todos tienen el mismo nombre, y parecen un pequeño Comboy a vela.“

Fragmento do derrotero de Tofiño facendo referencia á Costa de Carreira. Ano 1789.
Achegamos neste artigo, dous fragmentos dos derroteros de D. Vicente Tofiño e de D. Pedro Riudavets, e vemos neles como se detallaba naquela época a costa da parroquia de Carreira e arredores dende o mar, na cal se describe dende a entrada da Ría de Arousa ata o mar aberto na enseada de Corrubedo.
Fontes:
– D. Pedro Riudavets y Tudury. Derrotero de las costas de España y de Portugal – Madrid. 1867.
– D. Vicente Tofiño de Sanmiguel. Derrotero de las costas de España en el Océano Atlántico. Madrid. 1789.
– Service des Vaisseaux Français. Ministére de la Marine. Côtes d’Espagne. Partie de la Galice. 1793.

Deixa unha resposta