Cromados e arados

A mediados do pasado século, o noso país viviu unha época de grandes cambios, e moito diso veu da man dos novos vehículos a motor que facilitaron e melloraron o xeito de vida. O campo, a gandería e a pesca eran as bases de todo no noso pobo, pero a chegada destes medios de locomoción transformou por completo a maneira de vivir.

Unha das novidades máis sorprendentes foron os “haigas”, eses enormes coches de luxo que causaban furor. Cando un destes automóbiles chegaba á parroquia, parecía que viñera directamente doutro mundo. Os seus deseños tan elegantes, brillantes cromados, e motores tan ruidosos e potentes, non deixaban a ninguén indiferente. Para moitos, un haiga era algo só propio das películas americanas, algo que se vía nas cidades grandes ou nas peliculas de cine, pero non nas pequenas aldeas galegas, as cales carecían de estradas en condicións para o rodaxe destas poderosas máquinas. Non só se usaban para viaxes longas ou festexos, senón que tamén se adicaban ó servizo de taxi, levando ós veciños ás vilas e ás cidades para consultas médicas, citas administrativas, e en menor medida, para negocios e compras. Unha auténtica revolución para a época.

Buick Century Riviera do ano 1955, propiedade de Pablo Sampedro, no lugar de Campos de Abaixo. Ano 1956.

Seat 1500 do ano 1964, aparcado no lugar do Cruceiro, adicado a servizo de taxi. Ano 1965.

Pero non foron só os coches os que cambiaron o rural. A chegada dos tractores foi outra verdadeira revolución. Antes, o traballo no campo era durísimo, feito con moito esforzo manual, entre as mans das familias e veciños de tódalas idades, e sobre todo, ca axuda animal das sempre presentes e benqueridas vacas, e ás veces, tamén de cabalos que arrastraban os arados.

Tractor Barreiros R335 do ano 1961, en Vixán, diante da taberna de Andrés, a mediados dos anos 60.

A forza animal era fundamental, pero os tractores fixeron que todo cambiara. Facían as tarefas moito máis rápidas e menos esgotadoras. Pasouse de traballar con moita man de obra a facelo de forma máis eficiente e menos extenuante. Isto non só fixo que as pequenas explotacións fosen máis produtivas, senón que tamén mellorou a calidade de vida das familias, que gañaban máis tempo e mellores resultados co mesmo esforzo.

Tractor Same Centauro 55, modelo do ano 1965, no lugar da Capela, nas festas do mes de maio do ano 1969 .

En resumo, tanto os haigas como os tractores marcaron un antes e un despois en Carreira e en todo o páis. Trouxeron progreso, maior comodidade, e abriron a porta a un novo xeito de vivir no rural, onde a mecanización fixo a vida máis doada e moderna, sen perder a esencia do pobo.

Fontes e agradecementos:

– Imaxe portada: Dodge Custom Sedan do ano 1948. María Matilde Alonso (In Memoriam). Retocada e mellorada.

– Buick Century Riviera. Pablo Sampedro e Carmucha Magán (Santiago). Retocada e mellorada.

– Seat 1500. Mari Pazos (Ribeira). Retocada e mellorada.

– Tractores: Pepita Paz Silva (Vixán). Retocadas e melloradas.

Comentarios pechados

Basado en WordPress traducido por egalego.com | Tema: Baskerville 2 por Anders Noren

Subir ↑