Tamén coñecido como Memorial de Facenda, Rendas e Pensións da Antiga Tenencia do Hórreo, o Liber Tenencie de Horro é un documento redactado en lingua galega no ano 1438, no cal se recollen datos administrativos relacionados cos décimos eclesiásticos da antiga Tenencia do Hórreo.
O seu autor foi Gonzalo Vázquez de Mandayo, bacharel que baixo o pontificado do arcebispo D. Lope de Mendoza, levou a cabo un rexistro das propiedades pertencentes á Igrexa Compostelana.
Este non é un documento que destaque por conter información histórica de relevancia, senón que se centra, fundamentalmente, en aspectos administrativos e contables. Nel reflíctense as achegas feitas polas distintas parroquias do arcebispado de Santiago de Compostela, as cales servirían para poder financiar ó Arcebispo, o Clero, e máis outras necesidades do culto e reparacións dos templos.
As tenencias constituían un sistema de propiedade desenvolvido pola Igrexa para administrar os numerosos bens que acumulou ó longo dos séculos. A súa orixe remóntase ás últimas décadas do século XII. Estas agrupacións estaban compostas por bens de diversa orixe e calidade, que compartían o feito de estar localizados nunha mesma parroquia ou en parroquias próximas. Porén, existían excepcións, como a Tenencia do Hórreo en Santiago de Compostela, que tiña influencia sobre parroquias de toda Galicia.

Copia dunha folla do pergamiño orixinal do ano 1438 onde aparecen anotadas as parroquias.
O manuscrito orixinal, conservado en pergamiño, presenta unhas dimensións de 32 cm de alto por 22 cm de ancho. O corpo principal do texto está escrito nunha tipografía coñecida como mixta francesa, mentres que os títulos, que inclúen os nomes dos arciprestados, aparecen en caligrafía alemana. As letras iniciais e os epígrafes destacan polo seu uso de tinta de cor vermella, unha práctica habitual nos documentos oficiais da época para mellorar a súa organización e lexibilidade.
O Liber Tenencie de Horro foi transcrito e publicado por primeira vez entre os anos 1888 e 1889 no boletín semanal de ámbito relixioso e científico El Pensamiento Gallego. Este traballo foi realizado por Antonio López Ferreiro, un destacado crego e historiador galego. Posteriormente, no ano 1967, o documento foi recuperado e publicado na revista Compostellanum, garantindo a súa conservación e difusión para o estudo moderno.
Información relativa á parroquia de San Paio de Carreira
No documento, baixo o epígrafe Arciprestado de Postomarquos, aparece a seguinte referencia á parroquia de San Paio de Carreira:
Parroquia | Libras | Soldos | Observacións |
---|---|---|---|
San Paio de Carreira | XL | X | Tr., quad. VI; mest., quad. VI |
- Abreviaturas utilizadas:
- Tr.: Trigo.
- Mest.: Mestura de centeo e avea.
- Quad.: Unidades de medida chamadas “quadras”.
As “quadras” representaban a cuarta parte do “moyo” (modius en latín), unha antiga unidade de medida equivalente a aproximadamente 8,75 litros. En Galicia, esta medida evolucionou á “rapada”, que equivalía a tres ferrados. Cada quadra tiña 3 celemins grandes, ou entre 4, e 4,5 celemins pequenos. O celemin, coñecido na práctica como ferrado, era unha unidade de capacidade agraria tradicional en Galicia, anterior á implantación do sistema métrico decimal.
O ferrado era unha medida que variaba segundo as parroquias, pero a partires do ano 1835, ca creación dos novos concellos, foi estandarizada dentro de cada municipio. Así, no caso de Ribeira, quedou fixado como equivalente a 484 m².
A Libra era unha unidade monetaria moi utilizada en Galicia. Equivalía a 20 Soldos galegos, moeda que xa deixaba de estar en uso e que se substituía polo valor de 223 Maravedíes.
Fontes.
– Revista Compostellanum. Vol. XII, N 2º. Antonio López Ferreiro. “Liber Tenencie de Horro”, o memorial de la hacienda, rentas, pensiones de la antigua Tenencia del Hórreo, escrita en el año 1438 por el canónigo Gonzalo Vázquez de Mandayo. Ano 1967.
– X.M. Fdez. Pazos. Sálvora, Memoria dun naufraxio, a traxedia do Santa Isabel. Ano 1998.
Deixa unha resposta