No ano 1753, o Catastro de Ensenada rexistraba nesta parroquia dezaseis muíños fariñeiros de cubo con dezasete moas negras. Poucos anos despois construíronse dous máis, sumando un total de dezaoito. Estes muíños hidráulicos, característicos da zona dende o século XVII ca introdución do millo gordo procedente de América, proliferaron debido ó illamento da parroquia, que obrigaba ós veciños a autoabastecerse de fariña ante a falla de mercados e de recursos económicos.
A maioría dos muíños existentes en Carreira, están situados nos dous regatos máis caudalosos: o rego do Vilar (tamén chamado río de Amendo ou arroio de Oín, segundo os lugares que atravesa), e outro regato menor no extremo leste da parroquia, o rego da Filgueira, ou río Paxariño. O rego do Vilar, o cal nace no lugar da Granxa, preto do casal do mesmo nome, pasa polos lugares de Oín e O Vilar, e vai morrer á lagoa de Vixán, sendo este o máis longo do termo parroquial. Alberga trece muíños, dos cales todos conservan en pé os seus muros, pero a maioría carecen de tellados, portas, ventás e moas, agás o Muíño de Inasia e o Muíño de Cochas, restaurados no ano 2003, os cales seguen a ter un funcionamento ocasional en moendas tradicionais onde se trata de poñer en valor estes enxeños, e mostrar o seu funcionamento de xeito cultural.

Ruínas do muíño do Parrulo, localizado na Amoreira, preto do Vilar. Ano 2004.
Estas construcións, feitas entre os séculos XVI e XVIII, chegaron ata hoxendía en condicións aceptables grazas á súa robusta construción e mantemento preventivo realizado polos seus propietarios co paso dos anos, a pesares de estar sometidas á intensa humidade desta terra, as malas condicións meteorolóxicas e ó desgaste natural dos materiais co paso do tempo.

O muíño de Inasia no ano 2004, pouco despois da súa restauración.

Tremiñado do muíño de Inasia, o máis grande de todos os deste curso fluvial.
A maioría destes muíños deixaron de moer na metade do século XX ca chegada dos muíños eléctricos, máis rápidos e cómodos, que permitiron moer nas eiras das casas particulares sen depender da auga. Con todo, algúns, como o Muíño de Cochas, seguiron en uso ata os anos 80.
Na seguinte imaxe, vemos como son coñecidos polo seu nome os muíños, dende a súa parte máis alta preto do lugar de Castro, ata a máis baixa, xa en Amendo, antes de chegar á lagoa:

Esquema de situación dos muíños do rego do Vilar no seu tramo final.
NOTA: A imaxe de portada mostra o muíño de Cochas, localizado en Amendiño, a carón do de Inasia, e restaurado no ano 2003.
Deixa unha resposta