D. Manuel de Acuña y Malvar (I)

Iniciamos neste blog unha serie de artigos adicados a unha figura que, sen dúbida, pode considerarse o persoeiro máis relevante na historia da parroquia de San Paio de Carreira; Don Manuel de Acuña y Malvar. Nomeado cura párroco desta freguesía no ano 1789, permaneceu á fronte da mesma durante tan só catro escasos anos, ata o 1792. Porén, o impacto da súa obra foi tal que a súa pegada perdura ata os nosos días, malia continuar sendo unha figura amplamente descoñecida entre os habitantes de Carreira e as súa contorna.

Manuel Ignacio de Acuña y Malvar naceu o día 16 de abril de 1757 no lugar de Matalobos, na parroquia pontevedresa de San Martiño de Salcedo (imaxe de portada deste artigo), no seo dunha familia pertencente á fidalguía galega. O seu pai, Don Ignacio de Acuña Martínez, foi alcalde perpetuo da vila de Pontevedra, e a súa nai, Dona María Malvar y Pinto, pertencía a unha liñaxe destacada, sendo irmá de Frei Sebastián de Malvar y Pinto, arcebispo de Bós Aires (1777-1783), e posteriormente de Santiago de Compostela (1783-1795).

Imaxe da orixinal Cruz da Orde de Carlos III, da cal tiña posesión D. Manuel Acuña.

A súa familia contaba con numerosas figuras de relevancia na sociedade eclesiástica da época. O seu irmán Andrés foi cóengo da Catedral de Santiago, mentres que o seu irmán Pedro chegou a formar parte do Consejo de Castilla, foi Gobernador do Consejo de Indias, e tamén ocupou importantes cargos no goberno durante o reinado de Carlos IV como foi o de Ministro de Gracia y Justicia. Don Manuel completou os seus estudos teolóxicos en Salamanca e Oviedo, tras os cales obtivo o arcedianato do Salnés. Foi tamén nomeado Caballero de la Real y Distinguida Orden de Carlos III e Sumiller de Cortina de Su Majestad, máis ca nada, grazas á intermediación do seu irmán Pedro.

Árbore xenealóxica de Manuel Acuña, asinada polo seu irmán Andrés. Ano 1793.

No ano 1789 chegou á parroquia de Carreira, onde rapidamente deixou unha marca profunda. Durante o seu breve paso pola freguesía, destacou pola súa implicación social e pola defensa dos intereses dos veciños, especialmente dos mariñeiros, iso si, con moitos problemas e desordes sociais de por medio, como así dan fe varios preitos relacionados con determinadas causas nas cales estaba relacionado.

Un dos episodios máis salientables do seu labor na parroquia foi o litixio que entablou contra a Casa de Goyanes, a cal por medio de Juan José Caamaño y Pardo pretendía establecer unha almadraba de atúns preto da illa de Sálvora tras obter un permiso do rei Carlos IV mediante Real Cédula. Don Manuel defendeu con firmeza os dereitos dos mariñeiros locais, que se verían gravemente perxudicados de levarse a cabo este proxecto. Grazas á súa intervención e outros motivos económicos, a iniciativa non prosperou.

No ano 1790, solicitou tamén mediante Real Cédula o permiso do monarca Carlos IV para redistribuír amplas extensións de terreo inculto en zonas como Couso, Pepín, Perico, Paredes e a illa de Sálvora, co obxectivo de entregalas ós veciños de Carreira. Este proxecto, pioneiro para a época, buscaba mellorar as condicións de vida da empobrecida comunidade local. A este proxecto dedicaremos un artigo en profundidade o vindeiro ano.

No eido político, Don Manuel Acuña foi unha figura clave na defensa da causa liberal ó longo da época absolutista do rei Fernando VII. Durante a invasión francesa, foi nomeado en Sevilla onde estaba neses intres, comisionado por diversas autoridades militares, encargándose de organizar o levantamento en Galicia contra as tropas napoleónicas. Participou activamente nas batallas de Ponte Sampaio e na reconquista de Vigo, sendo condecorado polos seus logros militares.

Asemade, no ano 1812, xunto con outros importantes persoeiros políticos da época, xogou un papel fundamental na redacción da Constitución de Cádiz, coñecida como “La Pepa”, a cal establecía importantes avances democráticos. Porén, os seus ideais liberais tamén lle trouxeron graves consecuencias ó longo da súa existencia. Durante os convulsos anos do reinado de Fernando VII, Don Manuel sufriu repetidas persecucións e encarceramentos, manténdose sempre firme na defensa dos seus principios e loitando contra o sistema absolutista, mesmo no ámbito relixioso.

Capela anexa ó pazo de La Soledad, vivenda do cura Malvar nos seus derradeiros anos.

Don Manuel Acuña faleceu no total esquecemento dos seus feitos o 1º de marzo do ano 1845 no seu pazo de La Soledad, na parroquia de San Xián de Artes. O seu funeral, celebrado na igrexa parroquial desta freguesía, segundo nos conta o libro de defuncións correspondente, foi presidido por 20 señores sacerdotes, un reflexo da súa importancia como figura relixiosa e social. Por desexo expreso indicado no seu testamento, foi soterrado na entrada principal da igrexa de San Paio de Carreira, pero a súa tumba desapareceu co paso do tempo, e por mor das obras alí realizadas. Asemade, no mesmo testamento outorgado en Cambados con data 29/03/1844, o cura Acuña dou en herdanza as súas posesións á súa sobrina Carlota Fajardo, a cal estaba casada co avogado Severo García, algo que tamén traería problemas cos fillos deste matrimonio en anos vindeiros.

Amosamos de seguido, un documento escrito polo que fora presidente da Real Academia Galega, o ribeirense Xosé Ramón Barreiro Fernández, gran coñecedor da vida de Don Manuel Acuña, onde nos da conta de xeito moi resumido, da axitada vida política deste importante persoeiro da Galicia do século XIX.

Fontes:

– AHDS Compostela. Libros Sacramentais, San Martiño de Salcedo, Bautizados, Libro 4, 1741-1764.

– AHPP Pontevedra. Testamento. Cambados, 29/03/1844.

– AHN Madrid. Estado – Carlos III – Exp.709. 08/08/1793. Pruebas de nobleza Manuel Acuña Malvar.

– Agradecementos a Miguel Fdez. Bugallal (Madrid), pola súa colaboración e información aportada.

– Agradecementos a Xosé Manuel Pereira Fernández (Pontevedra), pola súa colaboración e información aportada.

– Agradecementos a Xosé Ramón Barreiro Fdez. (In Memoriam), pola súa colaboración e información aportada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Basado en WordPress traducido por egalego.com | Tema: Baskerville 2 por Anders Noren

Subir ↑