O Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, situado no estremo sur oeste da península do Barbanza, abrangue 996,25 hectáreas e ven a ser un dos enclaves naturais máis valiosos de Galicia. Declarado parque natural o 5 de xuño do 1992, un ano despois os seus espazos húmidos foron incluídos na Convención Internacional de Ramsar.
Este espazo natural distribuido entre as parroquias ribeirenses de Carreira, Artes, Olveira e Corrubedo, destaca máis ca nada polas súas paisaxes costeiras, e polas praias da Ladeira, O Río do Mar, A Lagoa, O Vilar e Anquieiro, as cales conforman unha das franxas de area máis espectaculares de Galicia con preto de 5 km de longo. A súa costa aberta ó Atlántico fai que, a pesares de ser ideal para o baño, haxa que tomar precaucións polo sempre desconfiado comportamento do mar. As praias do parque, a carón das dunas de Corrubedo, son unhas das máis fermosas e visitadas de Galicia na época de verán, sendo as súas augas dunha calidade excepcional.

Vista aérea da lagoa de Vixán maila enseada de Corrubedo, tomada no ano 2012.
Falando das dunas, a día de hoxe, prácticamente non queda nada do que foron anos atrás, pois a inacción de medidas tomadas para preservalas, así como cambios nos efectos do clima e adversidades meteorolóxicas, fan que estes antigos montes de area sexan case que unha lembranza chea de herbas, e non teñan a altura e beleza da que facían gala en décadas pasadas onde chegaron a ter na súa parte máis alta ata 40 m de altura, e unha lonxitude de case 1 km, chegando a mesma ata os pés da praia da Ladeira.

Imaxe das dunas de Corrubedo tomada dende Pedrecelos, a carón do Río do Mar, no ano 1979.
O parque tamén alberga ecosistemas únicos, sendo as lagoas de Vixán e a do Carregal os seus elementos máis destacados. A lagoa do Carregal, formada pola pequena lagoa de Casalnovo e as marismas de Gandarela, está conectada ó mar por canles inter mareais os cales conforman unha extensa e caudalosa marisma de grande valor ecolóxico. As súas augas son salgadas, aínda que na parte alta se mesturan con correntes de auga doce procedentes dos regos da Cidá, do río Sanchanás ou do río Longo entre outros. Pola súa parte, a lagoa de Vixán, un pouco máis interior, é de auga doce, con amplos carrizais e rodeada de terras de cultivo, a cal en épocas de inverno pode acadar ata os 2 m de profundidade, e conecta en moi poucas ocasións co mar polo seu canle natural, refuxio de sollas, algo que soe ocorrer en época de grandes mareas e ca axuda dos temporais de mar.

Centro de interpretación dos ecosistemas litorais de Galicia, CIELGA; preto do Vilar, edificio inaugurado no ano 1994.
Estes hábitats acollen unha grande variedade de fauna. En canto ás aves, destacan especies como o mazarico, a pírula, a lavanco, o porrón, a garza real ou o martiño peixeiro. Tamén habitan aquí mamíferos como o raposo, o xabarin, o coello, a xeneta ou a marta, aínda que algunhas especies, como a lontra, case que desapareceron por mor da presión humana. Durante a migración, este refuxio natural convértese en parada para especies tan sorprendentes como os ibis mouros, as cegoñas negras, as espátulas e algún que outro flamengo.

Manada de lavancos, nunha fotografia tomada no ano 2012 na lagoa de Vixán.
Non hai tanto tempo, este lugar era frecuentado por pescadores en gamela, que capturaban anguías e muxos nunha paisaxe rodeada de produtivas terras agrícolas e gandeiras. Hoxendía, cun pouco de sorte, aínda se pode ver unha lontra nadando entre os canavais ou un cormorán grande atrapando unha anguía, especie clave para avaliar a pureza da auga. Os xabaríns tamén aproveitan a zona para revolcarse no barro e desfacerse dos parasitos fregándose contra os troncos das árbores. Moi preto de Vixán, onde antes se estendía a lagoa da Graña, dende fai uns corenta anos xa colmatada, aniña a tartaraña das xunqueiras, adaptándose ós cambios deste espazo natural en acelerada e continua transformación.

Imaxe do ano 1992 onde se ven dúas das derradeiras vacas que pastaban nos campos de Amendo.
Ademais da súa riqueza natural, o parque garda testemuñas da historia, como o castro do Porto de Baixo, varios túmulos pre históricos, antigos cousos de pedra, os muíños do río de Amendo, varias telleiras, unha vella mina de wolframio preto da praia do Vilar e outras construcións soterradas nas areas de Gandarela as cales a día de hoxe non estan estudadas, sendo polo tanto descoñecidas e non accesibles. Tamén destaca a pequena canteira do Vilar, hoxendía transformada nun pequeno humidal artificial onde se pode observar a vida de anfibios, así como as pozas transformadas en pequenas lagoas que antigamente eran escavacións de materia prima para as telleiras.

Imaxe do ano 1985 tomada nos campos de Olveira, por detrás das dunas, totalmente anegados de auga.

A praia de Anquieiro vista dende a Laxe da Lagoa, nunha imaxe do ano 2004.

Antigo lavadoiro de Amendo, acolmatado polo fango e vexetación, redescuberto no ano 2024.

Unha imaxe aérea dalgúns dos muíños de Amendiño, co monte da Cidá e as casas da aldea do Vilar ó fondo. Ano 2012.

Vista aérea da agonizante lagoa de Vixán, cas casas de Carreira ó fondo, nunha imaxe do ano 2012.
Algunhas das especies animais do parque.
De seguido, engadimos os nomes dalgunhas das especies animais do parque aquí citadas co seu nome común en galego, e o seu equivalente en nomenclatura binomial:
- Anguía: Anguilla anguilla
- Cegoña negra: Ciconia nigra
- Coello: Oryctolagus cuniculus
- Denosiña: Mustela nivalis
- Espátula: Platalea leucorodia
- Flamengo: Phoenicopterus roseus
- Garza real: Ardea cinerea
- Ibis Mouro: Plegadis falcinellus
- Lagarto arnal: Timon lepidus
- Lavanco: Anas platyrhynchos
- Lontra: Lutra lutra
- Marta: Martes martes
- Martiño peixeiro: Alcedo atthis
- Mazarico: Burhinus oedicnemus
- Muxo: Mugil cephalus
- Pírula: Charadrius alexandrinus
- Porrón: Aythya ferina
- Raposo: Vulpes vulpes
- Solla: Pleuronectes platessa
- Tartaraña das xunqueiras: Circus aeruginosus.
- Xabarin: Sus scrofa
- Xeneta: Genetta genetta
Fontes:
– Agradecementos a Antonio Parada, Miguel Conde e Xurxo Gago por algunhas das imaxes aquí mostradas.
– Agradecementos a Eladio J. Ramírez pola súa axuda e información aportada.
Deixa unha resposta