Traxedia nas pedras do Rinchador; o Cartagena nº3

Tal día coma hoxe de fai 80 anos, na noite do 7 ó 8 de abril do 1945, o cerqueiro de Aguiño Cartagena Nº 3 afundiu nos Baixos de Corrubedo, concretamente na pedra do Rinchador, nunha das maiores traxedias mariñas da historia de Galicia.

No naufraxio perderon a vida os seus 21 tripulantes, todos eles veciños de Aguiño e de Carreira. A catástrofe deixou unha fonda pegada en ámbalas localidades, especialmente porque só se lograron recuperar os corpos de sete dos mariñeiros falecidos.

Algúns dos membros da tripulación e varias atadoras a bordo do Cartagena nº 3. Imaxe do ano 1944.

Construído no ano 1935 en Palmeira polo mestre construtor José Rodríguez Saavedra, o Cartagena Nº 3 tiña unha eslora de 12,5 metros e estaba equipado cun motor Otto-Deutz diésel de 16 cabalos que poucos anos despois foi cambiado por outro de maior potencia. A embarcación pertencía a Manuel Sampedro Álvarez e máis a Francisco Fernández Oujo, alcumado como “Francisco da Xorda”, quen ademais era o seu patrón. Porén, Francisco non se atopaba a bordo o día do afundimento debido a circunstancias persoais que lle impediron saír a faenar.

Imaxe do barco Bienvenido, varado no porto de Aguiño. Anos 40.

A fin de semana do accidente, o pesqueiro Cartagena Nº 3 e máis outra embarcación veciña, mentres estaban navegando pola costa do cabo Corrubedo, decidiron regresar a porto debido ó mal tempo que lles impedía faenar con seguridade. Mentres a outra nave logrou arribar sen inconvintes a Aguiño, o Cartagena Nº 3 desviouse cara ós baixos de Corrubedo por razóns descoñecidas. A embarcación impactou contra as rochas do Rinchador e afundiu, levando por diante as vidas de toda a súa tripulación.

Recorte da noticia do afundimento. La Voz de Galicia. 12/04/1945.

Un día despois, outro barco de Aguiño, o Bienvenido, atopou aboiando no mar restos da ponte do Cartagena Nº 3 e o seu bote, preto da zona do suceso. Posteriormente, o mergullador José Teira, alcumado “O Cabalán”, explorou o pecio e profundamente impactado polo acontecido confirmou que o barco se partira en dous, cunha gran fenda no casco. Durante a súa inmersión, tamén atopou vestixios do naufraxio do Friesland, mercante de vela holandés afundido o 5 de decembro do ano 1877 tamén no Rinchador.

Algúns dos membros da tripulación do Cartagena nº 3, nunha imaxe deses anos.

O desastre golpeou especialmente ás familias de Aguiño e Carreira, algunhas das cales perderon varios dos seus membros na traxedia. Nunha época de posguerra marcada pola precariedade económica, a perda de tantos mariñeiros non só representou un drama humano, senón tamén unha crise para a economía local e sobre todo familiar. O afundimento do Cartagena Nº 3 segue sendo lembrado como a peor catástrofe mariña da historia de Ribeira, un desgraciado naufraxio que marcou para sempre ós pobos de Aguiño e de Carreira.

Recorte da noticia do funeral das vítimas. La Voz de Galicia. 06/05/1945.

O pasado sábado día 5, a Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño, en colaboración con diversas entidades culturais de ámbalas dúas parroquias, organizou na Casa do Mar de Aguiño unha emotiva homenaxe en lembranza de tódalas vítimas desta traxedia. O acto, cargado de simbolismo e emoción, contou ca presenza de familiares, veciños, compañeiros de profesión e representantes institucionais, quen renderon tributo á memoria dos mariñeiros falecidos no naufraxio e familias afectadas.

Ofrenda floral entregada ó mar de Aguiño en lembranza das vítimas do tráxico afundimento. 05/04/2025.

Cartaz do acto en memoria do 80 aniversario do afundimento. 05/04/2025.

Documental realizado pola Asociación de Veciños de Carreira.

Fontes:

– La Voz de Galicia. 12/04/1945 – 06/05/1945.

– Imaxe portada: José Pérez Sampedro (José de Llapra), de Aguiño (In Memoriam). Retocada e coloreada.

– Información, datos e imaxes: Juan José Fdez. Prol, de Aguiño.

– Coroa. Marcos Creo. La Voz de Galicia. 05/04/2025.

– Video: A.VV. de Carreira. Ano 2015.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Basado en WordPress traducido por egalego.com | Tema: Baskerville 2 por Anders Noren

Subir ↑