A dorna Carreirana

A dorna é unha típica embarcación galega utilizada dende fai séculos polos mariñeiros de baixura para a pesca da lura, polbo, ollomol, xurelo, ameixa e outras especies de peixes e mariscos das nosas costas.

Hai teorías que indican que a súa construcción descende das embarcacións de orixe nórdica que chegaron a estas costas na alta Idade Media, pois o sistema de ensamblaxe das táboas a tingladillo, ou a peculiar forma da quilla son unhas características moi frecuentes nos navíos antigos da Escandinavia.

A construcción de dornas foi durante moitos anos unha tradición en Carreira. Incluso hai unha variación da mesma denominada Carreirana (pódese ver a tamaño real no C.I.E.L.G.A. do parque natural e máis en forma de maqueta no museo Exponav do Ferrol), estilo este propio da parroquia e exportado a moitos lugares das Rías Baixas como Cambados, a illa de Ons ou Bueu, onde aínda perdura a día de hoxe, e na que a característica principal consiste no peculiar xeito da proa ademáis doutros detalles na vela os cales lle confiren unha grande personalidade, como así o indicaba o antropólogo e investigador especialista en embarcacións tradicionais Staffan Mörling: «… elegante versión que souberon darlle a esta embarcación en Carreira».

Maqueta da dorna Carreirana no museo Exponav do Ferrol, realizada por Luís Crujeiras.

Durante o século XIX e comezos do XX, a nosa parroquia chegou a ser un importante centro construtor de dornas, tanto que ata aquí chegaban xentes de moitos lugares de Galicia a encargar as súas embarcacións atraídas pola fama dos seus constructores. Na época de máximo esplendor había seis talleres que se adicaban a esta tarefa. O Catastro de Ensenada do ano 1753 tamén nos daba noticia de que na parroquia de Carreira había daquela «cinquenta y un barcos pequeños que en este país llaman dornas que solamente sirven para pescar».

Taller de dornas de Feliciano Olveira, no lugar da Capela.

Herdeiros dos mestres carpinteiros de comezos do século XX como foran Manuel Dios Romay, Domingo Requeiro, Manuel O Primero, ou Andrés Da Xorda, estaban Feliciano Olveira e o seu fillo Juan, os derradeiros mestres constructores que traballaron esta arte na parroquia ata os anos oitenta do século pasado.

Durante moitos anos, a dorna xogou un papel primordial na vida das Rías Baixas, onde serviu de sustento económico a miles de familias que non tiñan máis facenda que estas embarcacións nin máis froito que o rendemento do seu propio esforzo, moitas veces incluso escasamente recoñecido e valorado. Aínda que o seu uso e máis ben para a pesca, tamén se utilizan as dornas para regatas de afeccionados, nas que dende fai uns anos, diversos clubes de vela das Rías Baixas promocionan estas competicións para evitar que esta embarcación caia no esquecemento.

– Agradecementos á Familia Olveira pola imaxe. (Retocada e coloreada).

– Fonte: Staffan Mörling, “Lanchas e dornas, a estabilidade cultural e a morfoloxía das embarcacións na costa occidental de Galicia” (2005).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Basado en WordPress traducido por egalego.com | Tema: Baskerville 2 por Anders Noren

Subir ↑