Dedicamos este artigo a unha persona inxustamente esquecida, unha persoa que durante toda a súa vida se entregou de cheo ós seus veciños a través da Igrexa e do seu celo pastoral, unha persoa que alá onde exerceu, a día de hoxe a súa pegada perdura, non así na parroquia que o viu nacer, porén, con este artigo pretendemos facerlle unha pequena e considerada homenaxe.
Don Cipriano Reiriz de Dios naceu no lugar do Vilar, no seo dunha familia labrega, entre xente traballadora e sinxela, o día 14 de novembro do lonxano 1902, tal e como consta na súa partida bautismal:
“En la iglesia parroquial de San Pelayo de Carreira, distrito municipal de Riveira, provincia de La Coruña, arzobispado de Compostela, en la tarde del día quince de noviembre de mil novecientos dos, yo, el licenciado don Felipe Augusto Rivera Romero, cura párroco de la misma y arcipreste de Postmarcos de Abajo, bauticé solemnemente, puse los Santos Óleos y el nombre de Cipriano a un niño que nació en el lugar de Vilar a la una de la mañana del día de ayer. Es hijo legítimo de Gabriel Reiriz Paz y de su mujer María Manuela de Dios Bretal. Es nieto por línea paterna de Matías Reiriz de Dios y de Bernarda Paz Martínez, difuntos; y por la materna de José Ramón de Dios Prego y de Lorenza Bretal Rego, todos oriundos y vecinos de esta parroquia, oficio de labradores. Fueron padrinos José Crujeiras de Dios y Carmen Reiriz de Dios, de esta vecindad, a quienes exhorté y advertí lo prevenido. Y para que conste lo firmo”.
Dende neno notábase que tiña algo especial, unha inclinación cara á Igrexa. Ós poucos decidiu que quería ser cura e marchou ó Seminario de Santiago, onde se aplicou moito nos estudos e destacou entre os seus compañeiros. Era un rapaz intelixente, estudioso e serio, pero tamén sempre educado e humilde. Nos seus anos de seminarista destacou por facer unha carreira brillante, cun currículum moi sobresaínte. Entre algúns dos seus méritos académicos podemos destacar os seguintes: Accésit en Latín (1921); Accésit en Aritmética e Álxebra (1922); Premio en Ética, Física e Química, e Historia Natural (1924). O reitor daquel tempo, D. Fernando Rodríguez, escribiu de Cipriano: “Alumno modelo de este Seminario, por su relevante comportamiento, virtud y aplicación, con brillantes calificaciones en su hoja de estudios”.
Sendo seminarista, acudía de vacacións a Carreira xunto a súa familia, axudando nas tarefas cotiás e asistindo ó seu párroco nas funcións relixiosas da freguesía. O crego de San Paio, D. Manuel Vázquez Lens, enviou un informe moi favorable sobre Cipriano o 30 de xaneiro do ano 1926: “Ha observado siempre buena e intachable conducta y en todas las vacaciones se ha conducido de modo ejemplar digno de quién se prepara para el sacerdocio”.
Grazas ó seu esforzo conseguiu unha bolsa para estudar en Roma, na Universidade Gregoriana, unha das máis importantes do mundo, onde acadou o título de Doutor en Teoloxía. Alí viviu, estudou e foi ordeado Presbítero o 29 de xullo do ano 1928. Lograr todo isto non lle cambiou o corazón: seguía sendo o mesmo mozo sinxelo de sempre, lembrando as súas raíces na terra e o amor pola xente humilde.
Á súa volta en Galicia, comezou a exercer como cura en distintas parroquias. Primeiro foi Sta. María de Salomé (Santiago), logo San Miguel de Brandariz e Santo Tomé de Obre (Vila de Cruces). Pero onde realmente deixou unha pegada grande foi en San Pedro de Bugallido (Ames), onde estivo 14 anos, e máis tarde en San Pedro de Valenza, Santa María de Cereo e Santo Hadrián de Verdes (Coristanco), logo de tomar posesión no ano 1954.

O reverendo Doctor D. Cipriano Reiriz de Dios.
Alí onde estivo non só rezaba e daba misa; implicouse de cheo na vida da xente. Axudou a abrir camiños e pistas para que as aldeas se comunicaran, promoveu a electrificación das casas, trouxo auga, e incluso montou cooperativas agrarias e caixas rurais para mellorar a vida do pobo. A súa idea era clara: a fe e o traballo van xuntos, e o cura non só está para celebrar a misa, senón para apoiar á comunidade en todo o que poida.
Conta a xente que Don Cipriano era de trato fácil, sempre disposto a axudar, sen importar se era un veciño rico ou un labrego pobre. Non buscaba honores nin recoñecementos, e aínda que tiña contactos moi importantes na Igrexa -era amigo persoal do Arcebispo Quiroga Palacios- e grandes títulos académicos, sempre mantivo os pés na terra. Incluso participaba nas tarefas do campo cando era necesario, ou chamaba ás vacas cando se construían as pistas, sen considerarse mellor ca ninguén.
Tamén lle importaba moito a educación e os nenos. Sabía que a xente nova era o futuro e facía todo o posible para que os rapaces tiveran escola, formación e apoio. Grazas a él, moitos mozos das súas parroquias sentiron a vocación de seguir estudando ou incluso de entrar no sacerdocio. Era unha persoa culta, traballadora e erudita.

Igrexa parroquial de San Pedro de Valenza, en Coristanco.
Don Cipriano faleceu no ano 1983 sumido na máis grande miseria, logo dunha vida sinxela e modesta, pero deixando detrás un legado enorme de bondade, traballo e exemplo. A súa memoria segue viva nas aldeas que coidou, na xente que o coñecía e no recordo de quen aprendeu a ser mellor grazas á súa entrega. Foi, sen dúbida, un home de Deus e da xente, que viviu para servir e deixar un mundo un pouco mellor do que atopou.
En San Pedro de Valenza está sepultado nun nicho común, no panteón de uso parroquial; alí está tamén sepultada a súa asistenta Balbina, xunto con outros veciños humildes. Na igrexa parroquial ten unha placa honorífica, posta nunha celebración que lle tributaron os seus alumnos na década dos noventa.
Don Cipriano deixou unha fonda pegada nas parroquias onde estivo, sobre todo en Bugallido e en Valenza, onde perdura o seu legado, e se lle considera como un home santo aínda a día de hoxe, xa que viviu moi humildemente e buscaba o progreso tanto humano como espiritual das xentes.
Recorte do diario La Noche. 03/11/1954.
Fontes:
– Luís Angel Bermúdez Fernández. Diario dixital quepasanacosta.gal. 15/08/2025.
– Donato Vázquez Mareque. Diario La Noche. 03/11/1954.
– La Voz de Galicia. Ed. Carballo. 30/09/2002.
– Imaxes D. Cipriano: Fina Follente (Santa Baia de Castro – Coristanco).
– Agradecementos a Luís Angel Bermúdez Fernández, pola súa amabilidade, axuda e información aportada.
