O luns 4 de xuño do ano 1979, día da festividade da Guía en Carreira, inaugurábase de xeito oficial o novo campo de fútbol do equipo local, situado no lugar de Pé do Corniño, e que pasaba a denominarse Campo da Guía.
O Carreira Club de Fútbol fora fundado tres anos antes, e xogaba os seus partidos no campo municipal de Frións, un vello terreo de xogo que xa fora utilizado dende facía varias décadas por varios equipos do Concello, e que ía desfacerse para construír nese espazo un novo edificio adicado a centro escolar.

Carreira CF o día do partido amigable contra a SD Compostela. 25/12/1978.
Antes da inauguración oficial do campo da Guía, o equipo xogou varios partidos no campo da Tasca, en Aguiño, así en decembro do ano 1978, xogáronse varios partidos amigables entre equipos da zona no novo terreo de xogo, sendo un deles o disputado polo Carreira CF contra a SD Compostela, un dos grandes clubes históricos de Galicia. Na imaxe superior, o plantel local ó completo formado por Vidal, Tomás, Cachiñas, Geno, Taconero, Prol, Domingo, Ricardo, Lijó, Enrique, J.Antonio (entrenador), Mariscal, Manolo, Piñeiro, José María, Martís, Melenas, Ventura, Crujeiras e González.
Un partido de fútbol amigable entre o RC Celta de Vigo, recén descendido a Segunda División, e máis o RC Deportivo da Coruña, que xa militaba nesa categoría, foi o encargado de inaugurar este novo e flamante recinto deportivo, que era dos primeiros da zona que tiña… herba!, aínda que pouco despóis esta desapareceu para dar paso ó tan común campo de terra.

Recorte de prensa da época comentando o partido.
Cun campo abarrotado de espectadores, o ambiente festivo foi predominante durante todo o encontro e durante toda a xornada dese día, onde todo o pobo estaba inmerso na romaría da Guía, celebrando o recente ascenso do equipo de fútbol a 2ª Rexional, e agardando con ilusión a inauguración do campo, no que moita xente da parroquia meses atrás traballara de xeito altruista ca finalidade de poder ter un equipo local ó que poder animar con orgullo, algo que xa sucedía noutras parroquias veciñas como eran Artes, Aguiño, Oleiros, Palmeira ou Ribeira. O resultado do partido foi de 5 goles a 3 a favor do RC Celta, e o presidente fundador do Carreira CF, D. Manuel Sampedro González, foi o encargado de facerlle a entrega do trofeo de campión ó Celta, máis outro trofeo conmemorativo ó Deportivo.
Ó final da tempada 79-80 os dous grandes clubes galegos descenderían á Segunda División B, o inferno do fútbol profesional nacional.
Compre mencionar, que o saque de honra do partido foi realizado polo que fora mestre nacional e profesor da Escuela Nacional de Artes y Oficios de Vigo durante moitos anos, D. José García Sampedro, gran benefactor do Carreira CF, e pai de D. Joaquín García Picher, alcalde de Vigo dende o ano 1974 ó 1978, e grande beneficiario da cidade olívica, na que é moi lembrado e recoñecido como o mellor alcalde de Vigo do século XX.
– Fonte: La Voz de Galicia 05/06/1979.
– Imaxe Carreira CF: José Angel Piñeiro.
Deixa unha resposta