Galician woodcraft made in U.S.A.

Luís Fco. Crujeiras Millet, veciño de Carreira orixinario do lugar de Vixán, estivo embarcado en varios pesqueiros do cerco de Aguiño cando era xoven; Xouba, Xurel, Hnos. Irarramendi… descubrindo de primeira man o mundo do mar e máis o das distintas embarcacións de pesca tan abundantes daquela nos portos das nosas rías.

A comezos dos anos ‘80 emigróu ó Estado norteamericano de New Jersey, onde traballou en varios oficios, e alí seguiu mellorando a súa afección polas maquetas de barcos a escala que xa viña de antes de marchar, construíndo sobre de todo réplicas de pesqueiros e pequenas embarcacións que coñecera na súa etapa de mariñeiro.

Construiu maquetas de barcos que deixaron unha triste e fonda pegada nestas terras e mares, marcando a moitas humildes e traballadoras familias, xa que sufriron a desgracia de se afundiren, perecendo moitas persoas neses tráxicos percances, tales como foron o pesqueiro Cartagena nº3 afundido no ano 1945, o famoso vapor correo Santa Isabel, afundido en Sálvora no ano 1921, ou o cruceiro da Royal Navy, HMS Serpent, afundido na costa da morte no ano 1890. No ano 2002, conmemorando o 300 aniversario da batalla de Rande, lle encargaron dous galeóns que foron expostos no Centro Social Caixanova, en Vigo.

Luís Crujeiras ca maqueta do vapor correo Santa Isabel.

Primeiramente, Luís facía as maquetas co obxecto de vendelas para poder seguir así con esta afección, a cal seguiu perfeccionando con profesionalidade ata a actualidade, onde logrou expoñer moitas delas en lugares tales como o Museo de Construcción Naval (Exponav) do Ferrol, o Museo do Mar de Galicia, en Vigo, e máis o edificio da Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño.

Entrega da maqueta do Cartagena Nº3 na Confraría de pescadores de Carreira e Aguiño.

Preto de 54 maquetas, todas moi diferentes foron realizadas por Luís ó longo dos anos, sendo as primeiras, réplicas dos barcos nos cales él estivo embarcado, e sobre todo dornas, algunha das cales lles entregou como agasallo ós mismísmos Julio Iglesias e Raphael, artistas españois internacionalmente recoñecidos. Tamén co motivo do 50 aniversario do que fora o 42º Presidente norteamericano Bill Clinton, lle agasallou a este cunha maqueta dun típico barco de vapor do Mississippi, obtendo unha carta de agradecemento asinada polo daquela Presidente norteamericano.

Unha das moitas maquetas de Luís Crujeiras expostas no Museo Exponav de Ferrol.

Publicamos aquí un breve resumo do bo facer deste carreirán norteamericano, que dende o outro lado do Atlántico, aportou o seu gran de area á historia do modelismo naval deste país, dando a coñecer algunhas das embarcacións mais afamadas destes mares, para desfrute de quenes desexen coñecelas un pouco máis en en detalle, e poder así darse unha idea do que foron no seu verdadeiro tamaño real.

– Agradecementos a Luís Fco. Crujeiras Millet pola información aportada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Basado en WordPress traducido por egalego.com | Tema: Baskerville 2 por Anders Noren

Subir ↑